Menú de páxinas

60 anos para liquidar a ría de Pontevedra e os montes galegos

A decisión do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA) en funcións, de outorgarlle a ENCE unha prórroga á concesión de Lourizán por 60 anos máis, cando una sentencia firme do tribunal supremo acaba de ordenar a iniciación do expediente de caducidade da concesión de ELNOSA, deixa  perplexa a toda a cidadanía do país.

ENCE

Unha sentencia de morte para á ría de Pontevedra, que hipotecará o futuro de Pontevedra e comarca, e a política forestal de Galicia durante todo este século non pode ser tomada a todo correr por un goberno en funcións.

Nos programas electorais do PP de Galicia de 2009 e 2012, figuraba a promesa do traslado da planta de Lourizán, Pero esta prórroga da concesión non é improvisada. Xa no ano 2012, o goberno estatal do PP modificou a lei de Costas, gardándose para si a decisión de prorrogar ou non a permanencia de ENCE en Pontevedra.

Como é posible que un partido cuxo presidente acaba de renunciar á investidura, tome una decisión tan transcendental como esta?

Hai que preguntarse que tipo de influencias ten ENCE sobre o goberno do PP para tomar esta importantísima decisión en estas circunstancias.

Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) afirmaba no ano 2014 que existía unha “trama político-familiar”. O presidente da plataforma, Antón Masa, apuntaba  que o director da factoría de ENCE en Pontevedra e a subdirectora xeral de Coordinación Ambiental da Xunta estaban casados, polo que existía  un conflito de intereses xa que a mencionada subdirección xeral “é xuíz e parte dos procesos abertos con respecto a ENCE”, en particular sobre a tramitación da Autorización Ambiental Integrada. E ademais, esta subdirectora xeral  foi nomeada no ano 2002 por un conselleiro de Medio Ambiente (Carlos del Álamo,  PP) que actualmente pertence ao Consello de Administración da empresa. Sorpresas que da a  vida…

Para máis desgracia, moito nos tememos que esta política de “terra queimada” que está a desenvolver o PP antes da súa despedida final, non vai rematar en ENCE.

Algunhas cifras sobre ENCE:

  • ENCE leva 59 anos en Pontevedra.
  • Na factoría traballan 366 persoas, contra os milleiros de persoas que traballaban  na pesca,  turismo e marisqueo na ría, ou en agricultura forestal sostible de calidade.
  • A factoría consume 32.200 metros cúbicos de auga por día (datos de 2010), a cidade de Pontevedra consume 14.400 metros cúbicos día.
  • ENCE debería pagar 10 millóns de euros polo consumo de auga e o coeficiente de vertedura, pero a Xunta condónalle máis do 90% de ese canon e paga 900.000 euros anuais.
  • Emite 101.195 toneladas de CO2 á atmosfera (datos do ano 2014).
  • Emite 2.3 toneladas de ácido sulfhídrico/ano e 353,6 toneladas de dióxido de sofre. A ría de Pontevedra ten altísimos niveis de metais pesados resultantes da actividade da factoría.
  • Quen cuantifica economicamente a contaminación padecida pola biodiversidade da zona e as súas consecuencias durante case 60 anos?
  • No ano 1987 Galicia tiña 40.000 hectáreas de eucalipto, 170.000 en 1997 e 375.000 no ano 2009.
  • Na actualidade os propietarios dos montes cobran menos de 30 euros por tonelada, cando no ano 1992 recibían 42.
  • No ano 2014, a planta procesou 1.276.498 toneladas de madeira de eucalipto, para obter 405.887 toneladas de pasta TCF.
  • O eucalipto nitens, que foi plantado nos últimos anos a razón de 10.000 hectáreas por ano co beneplácito da Xunta,  non o quere ninguén. ENCE utiliza solo un 5-10% de esta especia polo que realmente non se sabe que facer con ela.
  • A propia Audiencia Nacional confirma a perigosidade do eucalipto nitens.
  • As repoboacións con especies pirófitas (pinos e eucaliptos principalmente) favorecen a propagación do lume nos incendios forestais.
  • As plantacións de eucalipto supoñen un feroz castigo biolóxico ó solo galego, unha ameaza para a biodiversidade e un ataque ás masas forestais autóctonas.

Galiza Non Se Vende invita á cidadanía á mobilización, súmase ás mobilizacións cidadás contra a prórroga da concesión outorgada polo MAGRAMA e  esixe a retirada da mesma, a execución inmediata da sentencia do Tribunal Supremo, e a depuración de responsabilidades en todos os entes públicos e privados implicados.

Deixe un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Download mp3