Menú de páxinas

Masiva asistencia á manifestación contra a destrución do territorio

Unhas 10.000 persoas acudiron á convocatoria do movemento Galiza Non Se Vende para manifestarse contra a destrución do territorio. O acto encheu as rúas de Compostela e a Praza da Quintana na que se leu o comunicado final.Dende hai moitos anos non se lembraba en Compostela unha marcha tan multitudinaria como a de hoxe. O ano pasado, o mesmo movemento, denominado Rede Litoral vivo, logrou convocar a 4000 persoas baixo o lema “Galiza non se vende”. As reivindicacións tiveron como denominador común a defensa do territorio galego, ameazado por innumerabeis proxectos que, lonxe de procurar riqueza, esquilman os recursos naturais. Durante o traxecto, festivo e reivindicativo, os representantes de Burla Negra, paroriando aos membros do goberno, rebautizaron diversas rúas da cidade: rúa do doutor Tojeiro, rúa do Villar Mir, rúa do Bipartito… os asistentes procedían de toda Galiza. Das vilas mariñeiras sobre as que pende a ameaza das piscifactorias; do Courel; Lugo; Ferrol e Mugardos, sempre fieles á cita; Pontedeume; Ortigueira; o Ribeiro e un longo etcétera. Durante a lectura do manifesto houbo unha sentida homenaxe a Carmelo Teixeira, recentemente fallecido e fundador do Comité de Emerxencia contra a planta de gas na ría de Ferrol.

 

MANIFESTO DA CONVOCATORIA

Desde A Guarda a Ribadeo, desde O Courel á Terra Cha, un terremoto de especulación e depredación da terra e do mar está destruíndo a nosa natureza, a nosa paisaxe e a nosa forma de vida. Está destruíndo, polo tanto, a propia identidade de Galiza, a nosa cualidade de vida, a das xeracións vindeiras e mesmo ó planeta.

O litoral galego está a sufrir un proceso especulativo de urbanización e privatización sen precedentes que destrúe a paisaxe e dana irreversiblemente os nosos recursos pesqueiros e marisqueiros. A artificialización da costa, a erección de pavorosos ecomonstros ao longo do litoral e a continua construción de recheos (que, as máis das veces, constitúen terreo barato para empresas que nada teñen que ver co mar), únense a uns niveis de contaminación nunca até agora rexistrados nas nosas rías e a un Plan de Portos Deportivos absurdo que pretende crear en Galiza máis amarres que os que ten toda a costa oeste de Italia, multiplicando por catro os que existen en Francia por cada quilómetro de litoral: Privatización do que é de todos para disfrute e negocio duns poucos.

Por iso, en Cangas do Morrazo, combativas compañeiras e compañeiros, levan dous anos impedindo coa súa presencia diaria diante das máquinas, as obras dun aberrante porto deportivo e da urbanización correspondente, Bouzas resístese á ampliación do monstruoso recheo, e con loitas similares estamos defendendo a costa de Teis, de Baiona, de Sada, de Cedeira, de Nigrán, de Bueu, de Ortigueira, de Miño, de Pontedeume…

A esas desfeitas temos que unir un Plano Acuícola devastador que significa a destrución de centos de hectáreas das zonas mellor conservadas do noso litoral para a construción de múltiples e enormes piscifactorías, para proveito de dúas empresas transnacionais.

E aquí estamos para defender Corrubedo, Quilmas, Corcubión, Merexo, Camelle, Arou, Seráns, Oia, e até 20 proxectos máis de destrución.
Porque o noso mar, as nosas rías limpas e saneadas, son a mellor e a máis productiva e verdadeira piscifactoría. A que desde sempre foi fonte permanente de riqueza para este pobo, de riqueza socialmente compartida, posto de traballo para miles de homes e mulleres: a pesca e o marisqueo tradicionais e sustentábeis que estas empresas e este abandono ameazan destruír.

Os nosos ríos viven un proceso de degradación e sobre explotación hidroeléctrica que está matando a súa biodiversidade.
Nada se aprendeu do terrible accidente de Brenntag que provocou un vertido de graves consecuencias ambientais e sociais no río Umia. Os vertidos ao río Tambre e ao río Sar en Compostela e Rois, ao río Gallo en Cuntis, a macabra celebración do día mundial do medio ambiente co vertido ao río Alvedosa en Redondela, ou o desastre do Xallas causado pola empresa de Villar Mir, son só algúns exemplos.
Reclamamos o desmantelamento do encoro de Caldas e a paralización das obras do salto da Hermida en Cuntis polo alto risco sanitario que significan e para unha verdadeira recuperación integral do río Umia

Denunciamos o abandono total do rural.
Esiximos políticas non dependentes de axudas, que favorezan aos agricultores e incentiven a produción galega de calidade e a prezos xustos; que prohiban os transxénicos e que rexeiten o “biodiésel” por ser aínda máis contaminante e por someter o rural aos imperativos das transnacionais.

Denunciamos o abandono dos montes pragados de eucaliptos e as políticas que favorecen os lumes. Son víctimas ademais dun desaforado Plano Eólico que non ten en conta áreas de alto valor ecolóxico nin mesmo protexidas.

Defendemos a Serra da Groba, o seu riquísimo patrimonio arqueolóxico e aos seus cabalos salvaxes de pura raza galega que un parque eólico quere destruír. Defendemos a Serra do Xistral, a Serra de Careón e a Serra do Suído… Defendemos os montes para que sigan sendo montes.

Por outra banda en Galiza temos dúas das centrais térmicas máis contaminantes de Europa e exportamos máis do 40% da enerxía eléctrica que aquí se produce, a maioría dela xerada queimando carbón importado de Indonesia. Así aumentamos a nosa pegada ecolóxica e contribuímos como poucos ao cambio climático, ao tempo que ficamos coa choiva aceda, a contaminación e moitos outros males que esas empresas producen.

Todos estes Planos (piscifactorías, portos deportivos, parques eólicos indiscriminados ou campos de golf), non significan ningunha mellora para a cidadanía. Xeran un número ridículo de postos de traballo e a riqueza que producen vai parar só aos petos das grandes empresas, dos grandes capitais, sen repercutir practicamente nada no tecido económico e social do país. Pero si destrúen, degradan e usurpan o que é de todas e todos ou de ninguén: o ambiente, os recursos naturais, a paisaxe e o territorio.
E xa non nos tragamos a mentira recorrente dos postos de traballo cando significa crear sete e destruír tres mil

Outro destes Planos da Xunta, o da Minaría, é un triste modelo de espoliación do territorio. Significa a destrución dun dos nosos tesouros naturais máis valiosos e queridos, un tesouro que chegara intacto ata nós: A Serra do Courel.
Pero tamén defendemos á Terra Cha e a moitas outras comarcas de Galiza que sufrirían as consecuencias desta depredación.

Un rosario de industrias perigosas segue a espallarse polo país.
E se dicimos industria perigosa temos que dicir ben alto: Reganosa
Reganosa, na Ría do Ferrol, é un exemplo sangrante de temeridade, irresponsabilidade e desprezo pola cidadanía.
Ence segue, ano tras ano, contaminando gravemente a Ría de Pontevedra. Agora falan de trasladala ás Pontes, onde tamén queren tapar cun lago artificial a ferida que a central térmica deixou na terra, un lago que porá en perigo ao Eume e ás súas fragas. A celulosa sería o monstro do lago.
O proxecto de Parque de Residuos no Ribeiro sinala o rumbo polo que nos queren levar. E a lista podería seguir e seguir. Beneficios para uns poucos e inseguridade, lixo e destrución para tod@s.

O modelo de transporte e de mobilidade que se está a perpetuar e fomentar é o do vehículo privado motorizado diante dun transporte público colectivo actualmente misérrimo, provocando máis emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, fragmentando o territorio e artificializando os solos..
A continua construción de autovías e vías de alta capacidade supón un forte impacto no territorio e nunca resolven definitivamente o problema da saturación dun tráfico sempre crecente. E iso sábeno ben os compañeiros e compañeiras de Noia, de Outes, de Redondela, do Morrazo…

Quen vexa o ridículo mapa dos ferrocarrís de Galiza saberá do que estamos falando: Catro raias mal trazadas constitúen toda a nosa “rede ferroviaria”. Lonxe de tentar remedialo, agora queren vendernos o AVE como solución. Un negocio tamén destrutor do territorio, elitista, enerxeticamente insustentábel e que de ningún modo solucionará o problema da vertebración do país.

Por se todo isto fora pouco, os Concellos das nosas vilas e cidades andan a debuxar Planos Xerais de Ordenación que, lonxe de defender o tecido vilego
tradicional e mellorar a calidade de vida da cidadanía, consisten en ver quen constrúe e destrúe máis. Un alarde de urbanismo salvaxe que na maioría dos casos pretende duplicar, senón máis, o número de habitantes nun prazo de dez ou quince anos. Pouco ou nada se fala neses planos de servizos, transporte público, carril bici, depuradoras… Construír e destruír a contorna rural é o único lema, sen respectar nin sequera os humedais catalogados pola propia Xunta, nin os cauces dos ríos, nin as praias…

Rexeitamos o modelo de saneamento que as diferentes administracións seguen a potenciar, inzando o país de macrodepuradoras que non son a solución ás necesidades reais das nosas vilas e cidades.
Reclamamos a separación das augas para o seu tratamento e a instalación de mini-depuradoras nos lugares axeitados, fuxindo da marxe litoral, ben dimensionadas e atendendo ás normativas correspondentes, e políticas de control e redución do consumo de auga.
Que non se repita a dura experiencia da veciñanza de Coruxo, onde despois de 10 anos, a luita continua!!

A legalidade urbanística e ambiental é sistemática e impunemente vulnerada coa complicidade das distintas administracións, cando non pola súa propia actuación e iniciativa. O patrimonio histórico, os nosos petroglifos, mámoas e monumentos líticos son presa da destrución máis feroz.
O país reborda de obras, actuacións e proxectos ilegais protexidos e bendicidos polos nosos gobernantes. As sentenzas firmes de derrubo, mesmo as do Tribunal Supremo, nunca son executadas, aumentando a sensación de impunidade e de burla e desprezo á cidadanía.

E que dicir da clase política: cómplices silenciosos e coautores da catástrofe. Uns e outros, todos eles, préganse como nunca á avaricia dos grandes intereses económicos que subvencionan aos seus partidos e subornan as ideas que din representar. Por iso, coa voz dos seus amos, pretenden enganarnos con palabras como progreso, desenvolvemento, crecemento… engadindo sempre, como unha xaculatoria hipócrita, a palabra “sostible”. En realidade o crecemento é só para aqueles que lles pagan. Os recursos de Galiza (e os do planeta) son limitados, e esta carreira de depredación e espolio é un camiño que non leva a ningures. Ou que leva só a hipotecar o futuro dos nosos fillos e a deixar miseria como herdanza ás próximas xeracións.

Quedamos só nós, a cidadanía, o pobo autoorganizado, para defender unha vez máis esta Terra de tanta desfeita.
E por iso estamos aquí.
Para amosar que aínda mantemos intacta a nosa dignidade de pobo que non quere morrer.
Para denunciar que Galiza está a ser transformada nun deserto de monocultivos forestais, formigón e polución.
Para esixir o cumprimento das leis.
Para defender a paisaxe, a natureza, a Terra, a nosa identidade e a nosa forma de vida.
Para converter este domingo nun día radiante de esperanza para a terra dos nosos pais e dos nosos fillos, para a vida e para o noso ameazado planeta.

GALIZA NON SE VENDE

Terra viva e vida digna para todos

Galería de imaxes

Manifestación Galiza Non Se Vende 17-F

 

27 Comentarios

  1. !Nunca o entenderamos ata agora!.
    Galicia e coma un corpo humano.Todos os organos que o forman son necesarios e cando che amagoan ou quitan un, por pequeno ou insignificante que poda ser, DOI.
    Agora mesmo Galicia esta emferma, moi enferma, un cancro chamado POLITICA.Como todos os cancros este e difícil de atallar,pero non hai que rendirse.!Ojala apareza pronto a cura!.

  2. Hoxe estamos todos de noraboa! Pola nosa banda felicitar ó Foro Social de Cangas que a nós persoalmente tennos abraiados.
    Referímonos a eles porque o problema toca preto, pero obviamente é extensible a todos os que loitan realmente polo que cren, demostrando que: Galicia non se vende, goberne quen goberne! Felicidades!

  3. Sen dúbida, o mellor lema e o máis representativo de todos os galegos, por diante dos célebres “Galiza Ceive” e “Nunca Máis”!

  4. No estuvo nada mal, pero hay que seguir para intentar suprimir esos proyectos ya que estamos en precampaña y para el año son las autonómicas.

  5. Ghustaríame coñeçer nesta vida alghún político no poder que defendese un manifesto coma éste con feitos, non só con palabras. Galiza non se vende porque pertence ó universo enteiro.

  6. Está claro que os nosos políticos non están a altura de Galiza, onde está o “cambio” ?, tan cacarexado por uns e outros.
    Está cada día mais claro, que o cambio comeza por cada un de nos, i e por suposto a nosa obriga estar a altura de Galiza.Se queremos podemos, e non haberá quen nos pare, hai que seguir pelexando.
    RESISTENCIA

  7. parabéns, foi moi emotivo ver-nos juntos e sem partidos polo medio,
    nós sós

  8. Quatro gatos.É-vos o que hai.

  9. pais e nais, fillos e fillas

    ;)

  10. O movemento “Galiza non se vende” avanza imparable contra a barbarie política, non hai máis que botar unha ollada á Quintana hoxe e a aquela da primeira manifestación de maio do ano pasado. Sigamos nesta liña sen desánimo. Nós sí que estamos a “facer país”.

  11. Sempre ten que haber alguén que aproveite para facer “a súa campaña”. E paréceme que hoxe, durante a lectura do manifesto, algúns aproveitaron a ocasión para facela.
    Vaise á manifestación a criticar a xestión dos políticos, sexan do partido que sexan. Pero os que interveñen na lectura do manifesto, e os que “amenizan” esta lectura, “para non facelo tan aburrido” NON DEBERÍAN CHAMARLLE MEDIOCRES A UNHA BOA PARTE DOS MANIFESTANTES. Porque, á próxima convocatoria, ao mellor, non vai nin a metade da xente que había hoxe. E sería unha mágoa…!

  12. E necesario que agora nas eleccións os políticos sintan que poden perder o cocktail, a moqueta e o coche oficial. Esta é a función da movilización da sociedade civil. Compre tomar iniciativas que se prolonguen na campaña electoral. Soamente así poderemos mudar as decisións.
    Animo compañeiros!!

  13. Declaracións de Touriño en resposta á manifestación:
    O Goberno galego asegurou hoxe que protexe o territorio e medioambiente “como nunca se fixo” en Galicia, en resposta á manifestación de ‘Galiza non se vende’. “O goberno actual fai o que nunca se fixo en Galicia e que estaba pendente; que é defender como ninguén as rías, ríos e litoral de Galicia”, salientou Touriño en declaracións a Radio Nacional, recollidas por Europa Press.Por iso, interpretou que as “voces que agora se levantan” e “provocan mobilizacións” parecen que “non están sendo capaces de entender” que este novo Goberno está “cambiando e protexendo o territorio e medioambiente como nunca se fixo neste país”.
    Ademais, Touriño considerou que foi unha decisión “sensata e razoable” a de prorrogarlles ás empresas en primeira liña de costa a súa licencia, xa que advertiu de que, pola contra, o corte “radical” da concesións suporía unha “quebra, despedimentos e un trauma a nivel emprego e social”.

  14. Comentando as declaracións do Touriño: “o Goberno está “cambiando e protexendo o territorio e medioambiente como nunca se fixo neste país”.

    Sen dúbida, totalmente de acordo sen que sirva de precedente. COMO NÚNCA SE FIXO NESTE PAIS !

    Salvaxemente e cunha programación tan ben planificada que se non os paramos en seco, antes de rematar a lexislatura xa NON VAN DEIXAR NADA para protexer !

    http://video.google.es/videoplay?docid=-9072827616950499055

    Esta ben podería ser unha mostra de como protexen a primeira liña de costa en Bouzas!

  15. Ou Galiza!
    A túa forza telúrica está ameazada…
    como nunca!
    E os que de ti vivemos
    algúns
    non nos queremos decatar
    que non só é que sexas problema:
    ti es a única solución!

    Contra o capitalismo…
    salvaxe!
    a terra e a sociedade
    temos unha forza única.
    Xuntémonos!
    Sen fisuras!
    en nome da diversidade.

    Galiza non se vende!
    señores…

    Onte só puiden estar na primeira parte da manifestación… máis isto ten que crecer. Por dentro, e por fóra!

  16. Dende a diaspora, quedo-me com isto: Quedamos só nós, a cidadanía, o pobo autoorganizado(…)

    Penso que eiqui está a chave de toda a posible transformaçom da nosa terra (e da Terra).

    Adiante galeg@s!!

  17. Como responsábel da canción do final pido disculpas pois entendo que efectivamente non era pertinente nin o contexto apropiado… ademais dunha lamentable interpretación. Asumo plenamente a responsabilidade e pido perdón aos que se sentiran ofendidos.

  18. Os paso un enlace donde podréis ver diferentes noticias relacionadas con el tema,con alguna os alegraréis sin duda ya que parece se empieza a notar el “causa-efecto”

    http://www.elpais.com/espana/galicia/

  19. meixide, ánimo, unha aperta forte, e viva o humor!
    viva a retranca

  20. Onte Mais que Nunca sei que este e o camiño. Por un bosque autóctono , pola costa que dibuxou o mar dende fai miles de anos, porque os rios e regatos son para vivilos e para que os vivan as xeracións vindeiras. Non queremos mais enerxia para despilfarrar mais a conta de esquilmar os nosos recursos naturais e poñer en perigo a saude da poboación e a nosa fauna e arrasar a nosa paisaxe. Nin mais macrocentraceles de residuos para seguir xerando mais lixo. Este fuel que nos invade non se limpa, quedara para sempre.
    Foi un auténtico placer compartir con tanta xente o mismo sentimento .
    GALIZA NON SE VENDE . O RIBEIRO NON SE VENDE

  21. só o nerviosismo e a cobardía política poden explicar as declaracións do concellerio de medio ambiente, o sr. Vázquez, que se preguntaba onde estabamos durante a etapa do PP, e atribuía ao contexto electoral a maioritaria afluencia na xente á mani. A súa infausta xestión foi un dos motivos que nos congregou o 18 en Compostela.

  22. Bueno!!! O Conselleiro Sr. Varela, algunha razón leva. E certo que eramos un abasto de organizacións, un abastísimo, diría eu, de paso recoméndolle que mude os lentes, non “ibamos cada un o seu”, estamos todos/as ao de todoas/os. Os que van “cada un o seu” son as consellerias, e mais os socios do bipartito.
    Teña ben presente, compañeiro Vazquez, que as víctimas de Reganosa dóenos por igual o Courel, e os do Ribeiro sinten tamén propio o das piscifactorias, e así sucesivamente… a lo menos eso vín eu o 17, coas miñas gafas.
    E coido que esa é “unha visión integral de Galicia” contra o que vostede di. A lo menos unha visión integral dos destrozos que vostedes (PSOE, PP e BNG) están a consentir e fomentar.
    ¿Que onde estabamos…? Eu onde sempre, no mesmo partido que vostede, (desde moito antes que vostede, claro), loitando contra as desfeitas de sempre e as engadidas.E traballando para colocalo a vostede onde está agora. Pero non para que fixera o que agora fai. Era para trocar o goberno deste Pais, non para face-lo mesmo que o PP.
    Pregúntese mais ben onde estaban os seus compañeiros de viaxe: Deputados, alcaldes, Secretarios Xerales… estaban nas manifestacións contra Reganosa. Agora, coma vostede, mudaron todos de opinión.
    Deixe de lado a prepotencia, por que si “que os vamos facer cambiar de rumbo”.
    Mal que lle pese
    ¡Galiza non se Vende!

  23. o concelleiro de medio nunca millor dito medio anbiente quedanlle dous telediarios eu te pusen eu te saco non teredes moitos votos da esquerda cabreada asi que…… ide encontrando traballo de lampons chaqueteiros manipuladores e mentireiros. galiza non se vende.

  24. o presidente da xunta di que non entendemos nada comprendo que diga iso pois os noxos idiomas as noxas verbas son distintas el non entende os galegos de esquerdas cabreados so fala galego pra tele que as veces notase que se vai o castelan sindarse conta e iso pasa cando….non se fala a miudo.preparense conxelleiros,e demais politiquiños que xa notaran ata donde estamos os galegos de esquerdas cabreados veranno nestas eleccions e dentro de nada temos as autonomicas xa nos veremos e galiza non se vende.

  25. Gobernantes do PSOE e BNG algo estaredes facendo mal cando, oitomil persoas estan manifestádose, haber si o millor en vez de estar facendo Pais estades DESFACENDO O PAIS.
    Hai que ser mais humilde, tomade nota, ou xa non vos acordades cando estabades na oposición e vos tildábades de marxistas, ecoloxistas, galeguistas…
    Non vos esquencer que rectificar e de sabios.
    Por certo faltan debates sobre os problemas en Galiza, hai que saber escoitar, así que sentidiño

  26. Galicia sempre verde e un proxecto moi bonito pero o ver o voso video da manifestacion que se fixo en Compostela chocoume ver a PLATAFORMA DE NON A VARIANTE INTERIOR en Noia. Non entendo como poidestedes invitar a estos individuos imaxonome por falta de conocemento do que queren e piden.
    Intentarei explicarme, a percorrido polo cal estan en contra afecta mediaoambientalmente pero ¿sabedes a sua proposta alternativa? Unha ponte sobre a Ria de Noia a cal afectara a ecosistemas estabilizados na ria de paxaros e aves migratorias que teñen o seu fogar ali, como a posible afectacion do bancos marisqueiros, que o unico medio de vida da metade da poboacion Noiesa. A parte do feismo dunha ponte mais sobre as nosas fermosas rias. Eu creo que Galiza sempre verde se analizase o que pide esta pltaforma seriamente, non mirando só a súa version apoiaria outra solución e non a que eles promulgan, dentro da sua lexitimidade como cidadans e plataforma para defender o que crean que e máis xusto.
    O espiritu desta pltaforma Noiesa de NON A VARIANTE INTERIOR, no meu pensar no segue o espiritu da GALIZA SEMPRE VERDE.

    Animo compañeiros e seguide sempre asi.

  27. Yolanda Díaz, coordinadora nacional de EU, gabou á Plataforma ‘Galiza non se Vende’ como exemplo de traballo a prol do país.
    O académico Xesús Alonso Montero atacou a “deriva conservadora do BNG, que ao asemellarse as outras forzas que expresan on intereses das burguesías conservadoras atópase enfrontado cos intereses xerais das clases traballadoras da humanidade”.
    http://www.anosaterra.org/index.php?p=nova&id_nova=6188

Trackbacks/Pingbacks

  1. UN DÍA DE ESPERANZA « Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol - [...] domingo – como dí o MANIFESTO DA CONVOCATORIA - converteuse nun día radiante de esperanza para a terra dos ...
  2. GALIZA NON SE VENDE at EU SON EU TI ES TI - [...] éste manifesto co cal comparto tódolos puntos, da bitácora de “Galiza non se [...]
  3. 10.000 Manifestantes en Santiago = Galicia no se vende !!! - [...] 10.000 Manifestantes en Santiago = Galicia no se vende !!!galizanonsevende.org/?p=227 por Erasmo hace pocos segundos [...]
  4. Miles de personas piden en Santiago el fin de la degradación del territorio « Sada Digital - [...] de ochenta colectivos integrados en la plataforma «Galicia no se vende» denunciaron que que Galicia se está transformando en ...
  5. Nota de prensa do CCE trala reunión do 22.02.2008 « Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol - [...] O CCE valora o éxito da manifestación celebrada o pasado día 17 en Santiago, promovida por “Galiza non se ...
  6. Galiza Non Se Vende » Blog Archive » GNSV enche de vida a Quintana dos Mortos - [...] pasado ano tivo lugar en Compostela outra manifestación de GNSV que conseguíu reunir a 10.000 persoas. Naquel intre os ...
  7. Colectivo Fusquenlla » GNSV enche de vida a Quintana dos Mortos - [...] pasado ano tivo lugar en Compostela outra manifestación de GNSV que conseguíu reunir a 10.000 persoas. Naquel intre os ...
  8. Estaleiro Editora, na manifestación “Galiza non se Vende” « - [...] pasado ano tivo lugar en Compostela outra manifestación de GNSV que conseguíu reunir a 10.000 persoas. Naquel intre os ...

Deixe un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Download mp3