Menú de páxinas

Anxo Quintana: “Paréceme moi positivo que Galiza non se venda”

En periodo electoral ocorren as cousas máis inimaxinables. Os políticos aspirantes a cargos públicos están convencidos do enorme poder mediático das palabras, máis que dos feitos. Por iso non escatiman esforzos para artellar un discurso á medida das preocupacións dos votantes, aínda que resulte incoherente coa praxis executada en tarefas de goberno. Un exemplo, dos moitos que se poderían expoñer, deuno Fernando Blanco, conselleiro de industria. Coñecedor da intranquiilidade que xeraban os aeroxeradores das empresas eólicas, ante a pregunta do Faro de Vigo no ano 2005 de se se ían conceder novas licenzas de parques eólicos afirmaba o seguinte:

-Galicia ten dabondo. Non se pode encher o país de parques eólicos. Temos que aproveitar máis os que temos. As novas tecnoloxías permitirán incrementar en máis dun trinta por cento a produción. Estamos ben posicionados no campo da enerxía eólica, sen embargo, na enerxía solar non existimos. Trátase de diversificar para que calquera cambio sobre o petróleo teña menos efectos sobre a economía galega.

Logo xa sabemos o que pasou. O conselleiro do BNG autorizou, sen rubor algún, decenas de parques eólicos mesmo en terreos da Rede Natura.

O vicepresidente da Xunta e candidato a presidente polo BNG afirma nunha entrevista concedida a Galicia-Hoxe que el tamén se suma a que Galiza non se venda. Estas son as preguntas e respostas do aspirante.

O domingo 15 sairá á rúa Galiza non se vende. ¿Apoiar o Plan acuícola foi un dos grandes erros do BNG nesta lexislatura?

Neste goberno estase para gobernar e levar a cabo un programa froito do acordo de dúas forzas diferentes. Fraco favor lle fariamos ó país se pensasemos que o proxecto do BNG se pode implatar a ferro e sangue con 13 deputados. Se se cre que cousas no goberno se deben de realizar doutro xeito e se entende que o BNG as pode lograr, o que hai que facer é apoiar o BNG para que teña máis forza e poida facer máis cousas desde as teses do BNG. Mentres non sexa así, haberá cousas do goberno inspiradas polo BNG e cousas inspiradas polo PSOE e así o temos que asumir democraticamente porque iso foi o que decidiu a cidadanía galega.

Logo, o que vostede lle di á xente que se vai manifestar é que vote ó BNG...

Eu o que lle digo ós manifestantes é que están no seu dereito a manifestarse, que me parece moi positivo que Galiza non se venda, eu tamén me sumo a ese slogan, pero agora o que toca é arrimar o hombro para conseguir que os cambios estruturais que fomos capaces de pór en marcha en Galiza teñan a súa continuidade e aumenten na próxima lexislatura. Estou seguro de que todos os que participan en manifestacións dese estilo non só lle queren a Galiza senón que queren cambios estruturais para Galiza e saben que iso só pode vir da man do BNG.

De seguir coa dinámica do Sr.Blanco, cabe esperar que o Sr. Quintana venda non só Galiza senón algo máis. Por iso é fundamental que os galegos lles deixemos claro o próximo día 15 que non imos atender ás palabras lanzadas en plena voráxine electoral, que sabemos distingiuir entre realidade e propaganda e que demandamos unha rápida e eficaz intervención para erradicar as nefastas políticas que están a devastar a paisaxe e a sociedade galega

Deixe un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Download mp3