Menú de páxinas

Delirio? Habelo haino

Antón Losada, controvertido dirixente nacionalista, xornalista, político mutante, ex-vicesecretario, profesor  e tertuliano da televisión, descalifica a Galiza Non Se Vende

Da oposición ao goberno hai un treito difícil de percorrer so risco de caer nunha coñecida paranoia. Abondan os casos dos que aupados ao poder deixan de identificarse cos que antaño foron os seus compañeiros de viaxe. De súpeto os fins sempre perseguidos pasan a ser utopías, e os que se empeñan en defendelas, perigosos inimigos do sistema. Dende un punto de vista  psiquiátrico tal comportamento  podería encadrarse nunha tipoloxía moi común á clase política: o trastorno delirante, unha enfermidade moi acusada en individuos cunha alta taxa de narcisismo que se viron afectados por serias frustracións. Os afectados por esta clase de enfermidade teñen unha visión fixa da realidade segundo as súas conviccións, atribuíndo aos demais a incapacidade de comprender tal realidade.

Hoxe publica El País un artigo do coñecido ex-secretario xeral de Vicepresidencia e de Relacións Institucionais e dirixente do BNG, Antón Losada. Baixo o título Cambio? Habelo haino tenta desmentir aos que nos últimos tempos cuestionan o alcance do dubidoso cambio social auspiciado polo goberno bipartito da Xunta de Galiza. Amparándose na nefasta lexislatura de Fraga, o político nacionalista defende os logros acadados en materia lingüística, vivenda, industria e igualdade. E a continuación arremete contra os desencantados que se laian das 300.000 vivendas baleiras que existen en Galiza, dos parques eólicos e piscifactorias que invadirán a Rede Natura, das maltratadas rías galegas ou das minas e vertedoiros que depredan o campo galego.

Losada mete no mesmo saco, con ánimo de desacreditar, tanto a Galiza Non Se Vende e aos sindicatos, como a Galicia Bilingüe. Todos os que se sitúan á súa esquerda e á súa dereita pecan dos mesmos erros. A verdade absoluta está onde Losada se atopa. No que respecta á rede GNSV, o que foi  man dereita de Quintana amosa unha nula sensibilidade polas xustas reivindicacións da cidadanía galega que o pasado domingo manifestouse polas rúas de Compostela. Afirma este erudito personaxe o seguinte:

“Así, cabe preguntarse se cando negan o cambio quen gustan definirse como os sectores máis dinámicos da nosa sociedade, fano desde un uso tan conservador como confundir o seu e o de todos. Sirva de exemplo a recente manifestación de Galiza non se vende ou cada colectivo co seu tema, unidos pola perenne gran causa común galega: “Que hai do meu?”. Cada un descualifica ao bipartito segundo desatendeuse a súa causa individual. O problema non é o cambio, senón que non fose á carta

Descoñece acaso Antón Losada que a riqueza das rías pertence a todos os galegos? Que o litoral é un ben común que debemos preservar para as xeracións vindeiras? Que por riba dos intereses de Ence, Endesa ou Fenosa está a saúde e benestar de todos os galegos? Que o Courel é acervo da nosa comunidade? Mais semella que é Losada que confunde o que é patrimonio dos galegos e o das grandes multinacionais.

Download mp3