Menú de páxinas

Méndez Ferrín: “Unha das grandes satisfaccións da miña vida política”

Unha das grandes satisfaccións da miña vida política foi a producida polo éxito (para moitos non desexado) da manifestación de GALIZA NON SE VENDE do pasado domingo, 15 de febreiro de 2009.

Dicimos unha e outra vez (estamos en campaña) que a pluralidade ideolóxica, intelectual e política de Galicia é moito máis rica do que deixan ver os tres (só tres) partidos con representación parlamentaria. No mundo obreiro organizado, no asociacionismo cívico, na área de debate ecolóxico, no universo da cultura crítica, na reflexión para a acción, Galicia é moito máis diversa, plural do que se ve no espello parlamentario. Vai máis alá, como quería Manuel Antonio, da cativeza caquéctica dos programas e prácticas do PP, do PSOE e do BNG. E vai máis alá do panorama misérrimo que nos ofrece algunha da imprensa escrita e audiovisual (fagamos un aparte ao nos referir á dixital) de consigna.

Galiza Non Se Vende levantou unha manifestación unitaria amalloando unha porción de movementos varios. Por primeira vez, a pulsión nacional-popular, democrática, ecoloxista, ceibe e verdadeiramente socialista, manifestou a súa xenuína faciana desenvolvendo o pergamiño onde figura unha inmensa decepción polo goberno bipartito.

O manifesto da concentración non foi dun naturismo etéreo ou ideal: chantou os pés na Terra como planeta e como patria de todos e de todas. A crítica á ausencia de dimensión social e ao neoliberalismo do bipartito foi central no discurso. E uniuse coherentemente á crítica da destrucción da natureza, especialmente nos puntos negros chamados Reganosa, Sogama, Eólicas, Plan Acuícola, Ence-Elnosa, parques naturais, predación mineira (Courel, Terra Cha,..), etc. As propostas positivas pasaban todas por un novo modelo de participación popular no poder e de políticas mediadas polas masas intelixentes. Estamos de acordo!

O máis lúdico, creativo e teatral do “espírito de Seattle” tamén estivo alí. E iso nos fixo máis lúcidos ao tempo que nos divertía.

Podo decer que a FPG, felicitando os manifestantes de Galiza Non Se Vende felicítase a si mesma por ter o privilexio de os seus membros achárense no multiforme interior da Plataforma. Que non vai parar eiquí, non.

Xosé Luís Méndez Ferrín
17/02/2009

Deixe un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Download mp3