Menú de páxinas

Unha mala lección de ecoloxismo

Adega, a decana das organizacións ecoloxistas galegas tal e como lle gusta definirse, vén de publicar unha crítica(1) sobre a rede Galiza Non Se Vende que amais de falsa descobre unha evidente resaca post-electoral.

Non merecen comentarios esas acusacións de coincidencia entre GNSV e o PP xa que só pode facelas quen é vítima da frustración orixinada pola derrota electoral do 1 de marzo, frustración que moitos máis padecemos e que poucos saben interpretar e asumir cabalmente. Si hai que lembrarlle a Adega que o que é un problema local tamén o é de todo o país, alomenos dos que nos sentimos parte dun territorio que consideramos noso na súa totalidade, que nos moldea e ao que algúns depredadores queren devastar. Difícil ser localista nun mundo globalizado

Trasladar ás organizacións ecoloxistas os problemas partidistas e políticos dos que están ocupando esferas do poder ou ansían facelo, é dunha irresponsabilidade inxustificábel. Se a campaña electoral xa deixou mostras do grao de chabacanería que impera na clase política, non se pode consentir agora que Adega reproduza esas calumnias dirixidas ao resto de organizacións ecoloxistas. A defensa da Terra está por riba das criticables loitas políticas que só buscan un rédito electoral, campo este alleo ao ecoloxismo.

Non é Adega a máis indicada para dar leccións de independencia e honestidade. Esta organización que se di ecoloxista recibíu no ano 2005 da Xunta de Fraga a cantidade de 168.000 € en concepto de subvencións. Pero coa chegada ao poder do BNG e PsDG as súas prebendas chegaron a acadar unha cantidade próxima ao medio millón de euros.(2) As declaracións do responsábel de Adega, Fins Eirexas, equiparando estas subvencións ás que reciben os medios de comunicación, ademais de desafortunadas poñen ao descuberto as estratexias que se utilizan dende o poder. Todo o mundo coñece as razóns polas que o executivo subvenciona aos medios de comunicación, un xeito de recompensar a propaganda que estes fan das actividades das distintas consellarías. Porque se ben é certo que hai subvencións que tentan paliar certas insuficiencias, outras tentan comprar vontades e servizos. Adega abandonou a rede GNSV cando se decatou que as críticas ás actuacións sobre o medio ambiente e o territorio non distinguían a cor dos partidos gobernantes. Esta organización nacionalista con fortes vínculos cun partido político, xa sofríu unha escisión por parte de militantes que criticaban a dependencia de Adega respecto da UPG(3)

Cremos que non é este o camiño axeitado para conseguir unha terra viva e digna para todos, unha máxima esta que Adega tamén fixo súa cando pertencia a GNSV. Non hai razóns para que o movemento ecoloxista actúe dividido se aceptamos que as motivacións que nos estimulan están por riba dos intereses non localistas senón partidistas. Só cando se antepoñen as estratexias partidistas ás xustas reivindicacións medioambientais e sociais, entón debemos aceptar que alguén lle gañou a batalla ao ecoloxismo. E iso sería outra catástrofe para Galiza.

(1) Resulta tamén paradoxal a coincidencia entre as propostas do PP e o defendido por algúns dos colectivos da Rede Galiza Non Se Vende, que saudan agora a volta da piscifactoría de Touriñán e do viaduto da ría de Noia. Os intereses localistas dalgúns destes colectivos, máis preocupados por postulados NIMBY (non na miña leira) que pola defensa do patrimonio ambiental de TODA a cidadanía galega, quedan agora de manifesto. Lamentamos que tivera que vir o PP para poñer en evidencia as contradicións dunha rede que comezou sendo un soplo de aire fresco na sociedade civil galega.

(2) Como exemplos destas subvencións destacan:

Do Instituto Enerxético de Galicia, 38.870 €

Da Consellaría de Vivenda, 64.500 €

De Vicepresidencia, 25.000 €

De Medio Ambiente, 40.000 €

De Normalización Lingüística, 5.800 €

Da Deputación d’A Coruña, 45.000 €

De Sogama, 61.800 €

Por certo, desta empresa hai que subliñar os escuros negocios que se agochan baixo as políticas de residuos e que ultimamente quedaron ao descuberto. Negocios privados millonarios, contratacións de fillos de conselleiros, soterramento de residuos…

(3) “Conclusións do CC da UPG do 27 de marzo e do 8 de maio [de 2004]:
O punto C) da orde do día da xuntanza dese organismo aborda a cuestión das “Debilidades do nacionalismo e medidas para procurar solucións”.
O movimento ambientalista : Ante a fragmentación existente neste ámbito, só corrixida pola relativa fortaleza de ADEGA, mais cunha situación moi dispar respecto ás delegacións territoriais que funcionan, e cunha tendencia á asepsia política, fai necesario actuar a varios niveis:
a) Necesidade de coordenación entre a militancia do Partido que está implicada, tanto en ADEGA como noutros colectivos, así como a recuperación de certos militantes que están descolgados.
b) Estudar a posibilidade de que algúns militantes da UMG sen traballo político concreto, e con interese polo sector, pasen a dedicarse ao traballo ambientalista.
c) Necesidade de discutir a situación de ADEGA en cada zona do Partido, logrando que a militancia do BNG se incorpore á asociación, sobretodo nalgunha comarca en concreto onde están presentes outras forzas políticas”.

Download mp3