Menú de páxinas

Ferrol vello será declarado Casco Histórico

Esta declaración é producto do traballo da Comisión Cidadá Pola Recuperación de Ferrol Vello e da Asociación de Veciños do barrio, que acadou o seu obxectivo a pesares de non contar co apoio do propio Concello de Ferrol. Tratouse polo tanto dunha iniciativa puramente cívica, á que dou cumprida resposta a Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura e Deporte, que demostrou unha grande sensibilidade á hora de atender esta iniciativa.

Nunha resolución da Consellería de Cultura e Deporte do pasado 27 de febreiro incóase o expediente de declaración do Barrio de Ferrol Vello como Ben de Interese Cultural na categoría de casco histórico.
Esta resolución da Consellería de Cultura ven darnos a razón aos veciños do Muelle que sempre defendimos o valor patrimonial do barrio, xa que logo equipara a categoría e o interese patrimonial de Ferrol Vello ao nivel do Barrio da Magdalena, ao que é complementario en termos de valor histórico e cultural, segundo o propio texto da resolución da Consellería de Cultura, co que acompañamos esta nota.

O ámbito proposto para a declaración inclúe o propio barrio, xa catalogado polo Plan Xeral, a fronte do porto (avenida da Mariña) e o barrio de Argüelles. O ámbito de respecto proposto inclúe a Fábrica de Lapis Hispania, o Baluarte de San Xoán, e a Dársena de Curuxeiras.

Unha das consecuencias inmediatas da incoación do expediente de declaración de Casco Histórico é a obriga que adquire o Concello de Ferrol de redactar e aprobar un Plan Especial que ordene este ámbito da cidade, reivindicación xa vella das entidades que apoian dende hai tres anos a recuperación urbana do barrio. Outra consecuencia inmediatas da incoación deste expediente de declaración é a suspensión do efecto das licencias de agregación de parcelas, derribo e nova edificación no barrio e a prohibición de outorgar novas licencias deste tipo en tanto non esté aprobado o Plan Especial de rehabilitación.

Esto supón que, dende o día de hoxe, ata que esté aprobado o Plan Especial de Rehabilitación do barrio só se poderán levar adiante obras de rehabilitación no ámbito declarado. Entendemos que esta resolución desactiva definitivamente calquer interese inmobiliario especulativo, impulsando de xeito importante a política de rehabilitación xa en marcha.

Para os veciños de Ferrol Vello, e para a cidade de Ferrol, esta declaración debería supor un estímulo para confiar máis que nunca no extraordinario valor patrimonial que alberga esta cidade, xa que logo vai ser a única cidade de Galicia que conte con dous barrios declarados Ben de Interese Cultural.

Nota.

O día 16 de Marzo de 2006 representantes da Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello manteñen unha primeira entrevista co Director Xeral de Patrimonio Cultural, Don Felipe José Arias Vilas, interesándose pola posibilidade de que Ferrol Vello fose declarado Ben de Interese Cultural.

A primeira solicitude de Declaración de Ferrol Vello como Ben de Interese Cultural diante da Consellería de Cultura e deporte data do día 16 de Maio de 2006, e foi presentada pola Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello.

Posteriormente, o día 30 de xaneiro de 2007, a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural solicitou á Comisión Cidadá Pola Recuperación de Ferrol Vello completar a documentación aportada xunto coa solicitude.

En resposta a este requerimento presentouse, o 10 de febreiro de 2007, documentación complementaria á aportada na primeira solicitude.

Deixe un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Download mp3