Pages Navigation Menu

“O Escaravello Verde” de TVE emite unha reportaxe sobre a mina de andalucita

O próximo venres 18 de febreiro, ás 18:00 hs., o programa o Escarabajo Verde da 2 de TVE emite unha reportaxe sobre o proxecto de explotación mineira en Pico Vello (As Pontes) na que participaron membros de diferentes colectivos ecoloxistas opostos ao proxecto. O programa repetiráse o domingo 20 de febreiro ás 13:45 h. na 2 de TVE, e estará dispoñible na web a partir do luns 21 de febreiro.

No pasado mes de marzo de 2010, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental aprobou a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto de explotación mineira promovido por Picobello Andalucita, S.L. No mes de novembro do mesmo ano, o Secretario Xeral, tralas denuncias presentadas, recoñeceu os erros existentes na DIA. Na actualidade, o proxecto non conta todavía cos permisos definitivos por parte da Consellería de Economía e Industria, pero a empresa segue a demandar diñeiro público: solicitou recentemente 7 millóns de euros ao Plan Ferrol.

A zona de Pico Vello está nas proximidades do Parque Natural Fragas do Eume, e constituída na súa maior parte por unha fraga mesta e pasteiros. O monte Fontardión, ao pé do cal se atopa Pico Vello, constitúe o único corredor ecolóxico entre o Parque Natural Fragas do Eume e Lugar de Interese Comunitario Xubia-Castro, ámbolos dous incluídos xa na Rede Natura 2000. A posta en funcionamento da explotación suporía a perda deste corredor ecolóxico e a destrución irreversible dun inmenso patrimonio natural e etnográfico (fragas, regos, brañas, muíños, …). Non hai que esquecer que o proxecto afectaría tamén ó Parque Natural Fragas do Eume, dado que a entulleira situaríase xusto sobre rego Maciñeira, afluente do río Eume, principal cauce que percorre o Parque Natural, o que suporía unha grave contaminación, por lixiviacións, escorreduras, etc.

Tal e como denunciamos na reportaxe do Escarabajo Verde, autorizar esta explotación provocaría a eliminación definitiva e irreversible da fonte principal do río Belelle, afectando gravemente tanto á cantidade como á calidade das súas augas, das que se subministra unha poboación importante dos concellos de A Capela, Cabanas, Fene, Neda e Ferrol.

Avance do programa

A andalucita é un mineral pouco coñecido, pero hai certas cantidades en Galicia. Unha empresa mineira pretende explotar desde fai anos un xacemento de andalucita no municipio das Pontes, na Coruña. Aínda que os trámites avanzan na administración, a oposición sobre o terreo faise oír.

O Escaravello Verde visita esta semana o Parque Natural das Fragas do Eume e os seus arredores. O motivo é coñecer se ese proxecto de mina de andalucita que pende a 50 metros dos límites do parque pode supor unha ameaza ambiental. Integrada por máis dunha decena de entidades ecoloxistas e veciñais, a Plataforma en defensa de Pico Vello, – o lugar onde se instalaría a mina- , insiste en que hai irregularidades no proxecto e na Declaración de Impacto Ambiental.

A Declaración de Impacto Ambiental do proxecto da mina, xa foi modificada ante as alegacións que recibiu con anterioridade. A máis importante era a inclusión de 40 hectáreas de terreos da mina no parque natural. Aínda así, xorde outra incógnita: como afectaría a mina á conca fluvial do Belelle, que nace en Pico Vello e que abastece de auga de boca a varios municipios augas abaixo.

No seu percorrido pola zona, O Escaravello Verde descubrirá que non todos ven o proxecto cos mesmos ollos. Mentres que o municipio das Pontes, de clara vontade industrial, asumiríao polo desenvolvemento que achegaría ao pobo, o municipio veciño, A Capela, cunha aposta polos valores naturais e principal receptor da auga do Belelle, non quere nin oír falar diso.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.