14-N, MANIFESTACIÓN CONTRA OS RECHEOS NA RÍA DE VIGO

O SÁBADO 14 TOD@S A VIGO

E DESPOIS DA MANIFESTACIÓN, CONCERTO SOLIDARIO:

A Ría de Vigo é un dos ecosistemas mariños máis ricos do mundo, de enorme riqueza biolóxica e tamén un recurso económico que, racionalmente explotado, é fonte de vida e de alimento para hoxe e para sempre. Este tesouro común, de valor incalculabel, o están destruíndo dun xeito estúpido e irresponsabel.

Por iso, este sábado 14 de Novembro, “A Ría Non Se Vende” co apoio de 8 organizacións de mariñeiros e da Plataforma en Defensa da Enseada San Simón, organizamos unha manifestación que sairá ás 19:00 horas da Praza dos Cabalos e rematará na Autoridade Portuaria de Vigo. Posteriormente, ás 23:00, na Sala Farándula (rúa Churruca) celebrarase un concerto solidario.

O lema da Manifestación será:

Massó, Bouzas, Areal, Teis, Chapela….

OS RECHEOS MATAN A RÍA

Os Recheos matan a Ría, tanto se son construídos con terra e entullo como se o son con pilotes ou caixóns de formigón.

-Os responsábeis desta morte proxectada son a Autoridade Portuaria de Vigo, promotora de todos os proxectos de ampliacións portuarias e portos deportivos, autoproclamada propietaria da lámina de auga e do litoral, a clase empresarial, quen verdadeiramente marca as directrices do porto de Vigo, e os alcaldes e alcaldesas que gobernan nos concellos bañados pola Ría que permiten as máis agresivas actuacións no mar e na ribeira.

ASISTE Á MANIFESTACIÓN CONTRA OS RECHEOS ESTE SÁBADO 14

Contra a cobiza insaciábel polo espazo portuario para logo construír centros comerciais, edificios administrativos, campos de fútbol, hoteis, restaurantes, fontes cibernéticas absurdas…

Contra a conversión do litoral en caóticos polígonos industriais cheos de empresas e naves alleas á actividade portuaria.

Contra a política avariciosa de conseguir as máximas ganancias no menor tempo para que os de sempre sigan a engrosar os seus beneficios.

Contra a contaminación con millóns de litros de augas residuais urbanas e industriais que se verten diariamente ao mar sen depurar.

Contra a especulación do litoral, tanto urbanística, como de chan industrial ou de lámina de auga.

Contra a privatización do litoral, a usurpación de espazos públicos para convertelos en lucrativos negocios privados, como amarres para embarcacións de recreo.

Contra a utilización do porto como un almacén de mercadorías, ou un aparcadoiro de vehículos.

Contra os que utilizan a ría como un vertedoiro, construtoras grandes e pequenas que, aproveitando os recheos, verten ao mar os entullos e todo tipo de lixo xerado nas súas obras.

É hora de paralizar as agresións á ría, de levantar recheos e demoler as naves alleas á actividade portuaria. É hora de parar a especulación e a privatización do mar.

É hora de que a sociedade organizada non permita ningún atentado máis á ría: Por iso, hoxe máis que nunca, queremos dicir con voz forte e clara:

Goberne quen goberne

A RÍA NON SE VENDE!!!

Convoca: A Ría Non Se Vende

Apoian: Asociación de Naseiros de Alvedosa,

Asociación Pedra Oliveira,

Confraría de Pescadores de Baiona,

Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas,

Confraría de Pescadores de Redondela,

Cooperativa Cíes Artesanais,

Cooperativa Mar do Morrazo,

Cooperativa Pesca de Baixura e

Plataforma en Defensa da Enseada San Simón

Proxectos actualmente en marcha na Ría de Vigo:

Proxectos de recheos en curso de realización:

Bouzas: 66.339 m2 máis

Areal: 79.938 m2 máis

Punta Chapelisa: 21.194 m2 máis

Rande: 32.881 m2 máis

TOTAL: 200.352 m2, 32.881 en Rede Natura

Proxectos de portos deportivos:

Baiona: 85 prazas de amarre máis

Vigo: 400 prazas de amarre máis

Etea: 250 prazas de amarre (ampliable)

San Adrián: 450 prazas de amarre máis

Moaña: 50 prazas de amarre máis

O Con: 360 prazas de amarre

Cangas: 290 prazas de amarre máis

Massó: 420 prazas de amarre

TOTAL: 2.305 prazas de amarre máis. Na actualidade xa hai 4.114

2 Comments

  1. A sentenza do Supremo para Marín, agoiro de “ilegalidade” para a ampliación do porto de Vigo
    Para a plataforma cidadá, a decisión dos tribunais sobre o plan especial do porto de Marín, ratificaría que as obras en Vigo “son totalmente ilegais”.

    Tags: A Ría Non se Vende APDR Marín Vigo
    Desde a Asociación pola Defensa da Ría esixían este sábado o cumprimento inmediato da sentenza do Tribunal Supremo en todos os seus aspectos, “incluíndo desde logo os relativos á responsabilidade da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Autoridade Portuaria do Porto de Marín e Ría de Pontevedra”. “Esiximos o cese inmediato dos novos recheos que se veñen realizando no porto e que temos denunciado en múltiples ocasións e a eliminación de todos os recheos que a xustiza ven de recoñecer como ilegais, o que, evidentemente, redundará na recuperación da Ría e da verdadeira función do porto para aquelas actividades directamente relacionadas co mar”, expón o colectivo nun comunicado.

    Ao fío deste caso, a plataforma A Ría Non se Vende, salientaba que esta sentenza que anula o plan especial do Porto de Marín, confirmaría a ilegalidade que se está cometendo no veciño porto de Vigo. “Mentres non exista un plan de usos debidamente aprobado, o plan especial carece de validez”, avisan, indicando que por este motivo “non se pode levar a cabo ningún proxecto de ampliación”. Para a plataforma son “patéticos” os intentos da Autoridade Portuaria de Vigo de pretender atopar diferencias entre un e outro porto.

    A Rïa Non se Vende convocou unha manifestación para o vindeiro sábado 14 de novembro baixo o lema “Os recheos matan a ría”.

Deixa una resposta a Gurugú Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.