Pages Navigation Menu

Que futuro? Eleicións, crises e o papel da cidadanía

25 de Xullo de 2008 o diario El País publicou unhas páxinas centrais na súa edición de Galiza tituladas “Unha ollada no horizonte”. Varias reportaxes, unha entrevista, artigos (entre eles un de cada dirixente das tres forzas políticas con representación parlamentar en Galiza) e dúas páxinas con pequenas aportacións de 15 persoas agrupadas baixo o titular “As mil caras do país que está por vir”. É unha mágoa que non estexa dispoñíbel na hemeroteca electrónica do xornal.

Eu, como secretario xeral de Verdegaia, fun unha desas 15 galegas e galegos aos que se lle pediu unha breve opinión sobre como pensabamos que sería Galiza nun futuro (poñamos 20 anos) e como gostariamos de que fose. As miñas achegas foron as que seguen:

  • Como será?
    Lamentabelmente, e co camiño que levamos de máis do mesmo, o futuro de Galiza pode non ser mui esperanzador: menos biodiversidade, maior pegada ecolóxica, menos xustiza social, maior débeda ecolóxica, infraestruturas de comunicación absurdas e inúteis… o deserto a avanzar, verde monocultivo, gris formigón e asfalto, pardo seca, negro terra queimada…
  • Como gostaría de que fose?
    Unha Galiza que mude o rumo, decidida a superar a crise ecolóxica global, na que o ecoloxismo social -e non o industrialismo- sexa socialmente hexemónico: biodiversa, cun rural vivo, territorialmente equilibrada, con soberanía alimentar e autosuficiencia enerxética baseada en renovábeis, cunha cidadanía forte e autoorganizada nunha democracia participativa e reflexiva… coa sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social a avanzar, verde fraga e pradeira, gris penedo, pardo oso, negro humus…

O panorama que se pode esbozar seguindo as intuicións de quen nos prestamos a opinar non é como para botar foguetes: “O futuro que imaxino na Galicia rural é horroroso” (Carlos Gallego, criador de porco celta); “A materialización da metáfora dos ananos de Celso Emilio” (José Manuel Muñiz, presidente de AETINAPE); “De aquí a 20 anos poida que xa non haxa que facer” (Mabel Rivera); “Estou convencido de que vai ser como Mordor” (Toñito de Poi); “Se fose sincero sería tan politicamente incorrecto que non podería contestar a esas preguntas” (Antonio Roma, Fiscal de Urbanismo)…

“Os gobernantes de agora mostran intencións pero van polo mesmo camiño que os de antes” (Susi Otero, asociación Illa de Ons). “Este mundo precisa dun xiro violento, durísimo de aceptar, un necesario cambio radical de valores. […] Só fai falla que se produza iso inexplicable que ás veces ocorre no mundo: iso que incita ás revolucións, un lóstrego colectivo. A masa ten que revolverse, tentar ser feliz de verdade. Temos entre todos, que inventar outra maneira de vivir” (Marcelo Tejedor, cociñeiro).

Nas respostas semella haber un amplo consenso arredor da preocupación polas políticas relacionadas co ordenamento territorial, a sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social, así como coa “vida boa”, a vida que merece ser vivida. Semella evidente tamén que o goberno bipartito non aportou esperanza a quen fomos perguntados por El País.

Agora a cidadanía galega é máis unha vez convocada ás urnas. Algunha candidatura resposta ás inquedanzas recollidas máis arriba? Eu diría que non. Non van por aí os “debates” na precampaña, non foron por aí tampouco en toda a lexislatura, nen por parte do goberno nen por parte da oposición. Os nosos gobernantes hai tempo que decidiron non ver alén da seguinte convocatoria eleitoral e non facer outra cousa que se suceder na xestión do sistema. Mesmo agora que as crises se acumulan e se fan cada vez máis evidentes, os nosos gobernantes non propoñen nada que non sexa máis do mesmo.

Cumpre mudar de sistema, mais mesmo dentro del as cousas podíanse e pódense facer mellor. É urxente, máis necesario do que nunca, pór a sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social no centro das políticas e avanzar na democracia participativa e reflexiva. Se as opinións recollidas por El País son representativas do sentir da cidadanía galega, a distancia entre esta e os seus gobernantes non fará máis do que medrar, pero as mudanzas sociais adoitan demorar en se traducir en resultados eleitorais.

Non podemos esperar que destas eleicións saian grandes mudanzas. Non hai unha candidatura alternativa e cada quen se comportará seguindo diferentes criterios: fé nunha opción ou candidato, escolla do mal menor, voto estratéxico, voto branco ou nulo, abstención… Pero é que tampouco todo se decide nunha votación cada catro anos. Decidiron ser meros xestores? Que o sexan. Todas aquelas persoas que anceiamos outra Galiza e outro mundo, que queremos que a sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social pasen a ocupar un lugar central nas políticas públicas temos na nosa mao ferramentas para facer posíbel tan necesaria transformación: autoorganizarnos, mudar os nosos hábitos, construír alternativas e presionar a gobernos e empresas, todo o ano, todos os anos, con eleicións ou sen elas. Os gobernantes teñen que aprender a nos escoitar.

15 de Febreiro temos unha nova oportunidade de deixar ben claro aos candidatos a xerir a Comunidade Autónoma os vindeiros catro anos que, sexa quen for quen ocupe o goberno, a cidadanía galega non está disposta a consentir que a desfeita ambiental e social continúe. 15 de Febreiro en Compostela diremos ben claro, máis unha vez, que hai que deter esta tolemia e construír outro mundo, que queremos a terra viva e unha vida digna para tod@s.

Xosé Maria Garcia Villaverde

Publicado no Blog de Redación de Cos Pés na Terra

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.