MANIFESTO LIDO NA MANIFESTACIÓN DE VIGO CONTRA OS RECHEOS DO 14/11/09
Boas noites a toda a cidadanía que vos sumades á protesta en contra da destrución e privatización da nosa Ría, a Ría de Vigo, a que foi dende sempre para nós escenario da vida, paisaxe, fogar e alimento.
Esta ría é un dos ecosistemas mariños máis ricos do mundo. Unha enorme riqueza biolóxica en si mesma, mais tamén un recurso económico que, racionalmente explotado, é fonte de vida e de sustento para hoxe e para sempre. Este tesouro común, de valor incalculabel, nolo están destruíndo dun xeito estúpido, progresivo e irresponsabel.
Precisamente por iso temos que denunciar a situación na que se atopa nestes momentos.
A Ría de Vigo non pertence ao Porto, nin a ningún concello en particular, todos os pobos que estan na súa beira forman parte dela, e todas as persoas que neles vivimos temos dereito a disfrutar do seu litoral e das suas augas. Por iso non podemos consentir o que están a facer con ela.
Os colectivos que formamos A Ría Non se Vende sabemos moi ben o que, e quenes matan a ría:
-Os Recheos matan a Ría, tanto se son construídos con terra e entullo como se o son con pilotes ou caixóns de formigón. Formigonar o litoral é acabar coa ría.
-Mata a ría a Autoridade Portuaria de Vigo, principal promotora de todos os proxectos de ampliacións portuarias e portos deportivos, que se autoproclama propietaria da lámina de auga e do litoral, incluso en lugares que deixaron de ser zona industrial e non teñen nada que ver co porto, nin con Vigo. No Consello de Administración da Autoridade Portuaria están os presidentes das principais empresas promotoras de recheos: Caixanova, Citroen, Pescanova, e outras, mais non hai representación ningunha dos mariñeiros nin das mariscadoras, sendo o sector pesqueiro da ría de vigo a o que manten mais postos de traballo na mitade sur da provincia de pontevedra.
-Mata a ría a clase empresarial quen verdadeiramente marca as directrices do porto de Vigo, que despreza a Ría, que non lle importa construír unha barreira de formigón e naves entre o mar e a cidade.
-Matan a Ría os alcaldes e alcaldesa que gobernan nos concellos bañados por ela, que se comportan como se foran os amos e señores do litoral, permitindo as máis agresivas actuacións no mar e na ribeira, roubándolle á cidadanía o que lle pertence para rendelo aos pés dos poderosos.
-Mata a ría a cobiza insaciábel polo espazo portuario, un espazo que logo é utilizado para construír centros comerciais, edificios administrativos, campos de fútbol, salas de exposicións, hoteis, restaurantes e fontes cibernáticas absurdas que ocupan os terreos máis valiosos.
-Mata a ría converter o seu litoral en caóticos polígonos industriais cheos de empresas e naves alleas á actividade portuaria.
-Mata a Ría a política avariciosa de conseguir as máximas ganancias no menor tempo sen ter en conta o dia de mañá, nin cantas xeracións máis vai poder alimentar a Ría, nin a conservación do medio ambiente. Todo vale para que os de sempre sigan a engrosar os seus beneficios.
-Mata a ría a contaminación desde toda a conca hidrográfica, verténdose á ría millóns de litros de augas residuais urbanas e industriais diariamente sen depurar, porque ningunha das depuradoras construídas na ría, cando as hai, funcionan eficientemente.
-Mata a ría a especulación do litoral, tanto urbanística, como de chan industrial ou de lámina de auga. E desa especulación sabe moito, a Autoridade Portuaria de Vigo, reconvertida desde hai moito tempo en empresa inmobiliaria. A única inmobiliaria capaz de crear solares onde non os había. A única que ademais pode crealos na primeira liña do mar. Porque iso son os recheos e porque diso se alimenta esta institución.
-Mata a ría a conversión do porto nun almacén de mercadorías, e nun aparcadoiro de vehículos tanto na horizontal como en altura, construíndo silos de varios pisos, provocando un atentado paisaxístico, chegando a ter que ser postos en aluguer porque xa non os precisa citroen no momento actual.
-Matan a ría as construtoras grandes e pequenas que encantadas con todo proxecto de recheo, utilizan a ría como un vertedoiro onde botan os entullos e todo tipo de lixo xerado nas súas obras.
Pero nós estamos hoxe aquí para dicir basta! Abonda! Rematou!
Onde está a nosa costa???, ¡Quitáronnola¡, no seu lugar temos paseos marítimos, diques, pantaláns, portos deportivos, centros comerciais, industrias de conxelados, e un longo etcétera.
É hora de paralizar as agresións á ría: nin un palmo de recheo mais!
É hora de empezar a levantar os recheos e recuperar as praias e os bancos marisqueiros sepultados.
É hora de empezar a liberar esta ría que leva anos secuestrada pola corrupta clase político-empresarial que controla o porto e os concellos.
Chegou a hora da demolición, empezando polas naves de portos deportivos con orde de derribo como as de Punta Lagoa, e seguindo por todas as edificacións que non están relacionadas coa actividade portuaria ou as que compoñen esa aberrante barreira inexpugnábel entre a ría e a cidade.
É hora de que se teñan en conta aos mariñeiros, ás mariscadoras, aos colectivos sociais e á cidadanía.
É hora de que se respecte a biodiversidade da ría, o medioambiente e a paisaxe.
É hora que desde o porto de Vigo empecen a pagar esa débeda histórica que teñen coa ría, por todas as décadas que levan sepultando bancos marisqueiros e praias, acabando coas formas de gañar-se a vida de moitas familias, arruinando barrios e vilas mariñeiras e estragando o paraíso que é a nosa ría, e que a natureza tardou millóns de anos en crear, malogrando a
paisaxe da ría e a calidade de vida das suas xentes.
É hora de que se deixe de privatizar o litoral e a lámina de auga. É hora xa de parar a especulación.
É hora de que a sociedade organizada non permita ningún atentado mais á ría:
Non vamos consentir máis ampliacións portuarias: nin a de Bouzas, nin a do Peirao de transatlánticos, nin a do Areal nin a de Rande, nin a de Chapela, nin a de Cíes…
Non vamos tolerar a construción de mais portos deportivos na ría, nin o de Massó en Cangas, nin o da Etea en Teis…
Non vamos deixar que se siga contaminando a ría nin que se constrúa unha macrodepuradora que agrave o problema de saneamento, en vez de solucionalo.
Non vamos deixar que se perdan 60.000 postos de traballo que directa ou indirectamente dependen dos recursos produtivos da Ría, porque todas as empresas xuntas que hoxe a estragan, non chegan a tal volume de empregos.
Non vamos deixar que se siga calificando como espazo industrial o contorno da Ría.
Non vamos consentir que sigan destruíndo, privatizando ou especulando coa nosa Ría, co noso mar, coa nosa paisaxe nin coa nosa forma de vida.
Por iso, hoxe máis que nunca, queremos dicir con voz forte e clara:
O LITORAL NON É INDUSTRIAL
GOBERNE QUEN GOBERNE, A RÍA NON SE VENDE!!!
Graças por ese manifiesto, por estar aí, dicindo as cousas ben clarinhas. Trasmite moita força e ilusión, leíno e realmente sentín que si, isto ten que acabar!
Teríame gustado estar aí, máis envío a minha força e apoio.