Presentado o mapa de parques eólicos
Onte foi presentado polo Ministerio de Medio Ambiente o estudo estratéxico ambiental do litoral español para a instalación dos parques eólicos mariños. Nel clasifícanse unha serie de áreas segundo a súa potencialidade eólica e condicionantes medioambientais. As zonas en verde do mapa son as consideradas aptas para a instalación de parques eólicos, se ben é preciso dispoñan do correspondente estudo de impacto ambiental; as zonas en vermello son as que se deben excluír; e as coloreadas de amarelo son nas que os parques estarían condicionados por algún factor.
A Xunta de Galiza mantén un enfrontamento co Ministerio de Medio Ambiente pola negativa deste a traspasar ao goberno autónomico a competencia dos parques eólicos. No citado estudo aparecen dúas zonas aptas para a instalación dos aeroxeneradores mariños: unha situada entre Baiona e a A Garda, e outra fronte a Ribadeo. Ademais aparecen pequenas áreas en amarelo na ría de Vigo, a de Arousa e na comarca do Barbanza. Tamén as rías de Ferrol, Ares e Betanzos. A partir de xaneiro do 2008 as empresas poderán presentar os seus proxectos para reservar as zonas nas que desexen instalar os seus parques.
A ninguén se lle escapa o impacto ambiental que supoñen estas instalacións que son vendidas como alternativas limpas fronte ás instalacións de maior poder contaminante. Aparte do seu impacto visual, poden supor un serio perigo dende o punto de vista mediambiental pois poden alterar tanto os recursos mariños como o patrimonio arqueolóxico, sen desbotar a posibilidade de catástrofes na navegación mariña. E iso sen contar coa ameaza que entrañan para as paraxes da Rede Natura e para as especies migratorias.
Choca esta política do goberno español coa levada a cabo polo Parlamento Europeo que aposta decididamente pola protección do medio mariño. Precisamente acaba de aprobarse unha lexislación que por primeira vez establece unha serie de normas comúns para protexer os ecosistemas mariños e evitar os verquidos contaminantes. Dase de prazo ata o 2020 para levar a cabo o proxecto, unha data excesiva que pode ser burlada polo estado español. A unión europea obriga aos estados membros a tomar medidas para evitar a perda da biodiversidade dos ecosistemas mariños ou a contaminación dos mesmos. Algo incompatíbel coa instalación dos aeroxeneradores no litoral.
Galiza, a pesares de ser exportadora de enerxía, vai camiño de converterse nun hábitat inmundo.
Dous ligazóns sobre o tema:
http://www.publico.es/ciencias/029698/molinos/echan/mar
http://www.publico.es/029683/los/pescadores/principales/perjudicados