A APDR apoia a Manifestación de GNSV
Comunicado da Asociación Pola Defensa da Ría
A Asociación Pola Defensa da Ría, apoia a Manifestación convocada pola plataforma GALIZA NON SE VENDE para este Domingo 15 de febreiro en Compostela e coa que baixo o lema GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE, querese expresar a mais enérxica protesta ante o desolador panorama que deixa este goberno coas súas políticas ambientais e sociais que están arruinando Galiza, destruíndo a súa paisaxe, os seus recursos naturais, o patrimonio cultural e a biodiversidade. Políticas ambientais e sociais que significan a continuación das de gobernos anteriores no triste camiño de entregar o país, os seus recursos e a súa identidade, ás grandes empresas multinacionais e aos grandes intereses económicos.
A lista dos obxectivos e puntos de denuncia é, por desgraza, longa e variada. Céntranse no corazón magoado da nosa realidade natural e social: marbellización do litoral, recheos e contaminación das rías, degradación dos ríos, plano acuícola devastador das zonas costeiras mellor conservadas, portos deportivos que enmascaran urbanizacións e apropiación privada da costa, plano eólico contra-natura, destrución e privatización da terra pola cobiza de graniteiros, louseiros e outras minarías; campos de golf, eucaliptización, cultivos transxénicos, industrias nocivas e perigosas, parques industriais desproporcionados e sen planificación, sistema de transportes irracional, primitivo e insostÃíbel; urbanismo salvaxe, especulación xeneralizada, extinción programada da agricultura, abandono e destrución do rural, pobreza de espazos naturais protexidos e nulo respeito polos que hai, desprotección do patrimonio arqueolóxico, especialmente do prehistórico…
Desde a APDR queremos facer especial fincapé no definitivo incumprimento do acordo programático de goberno PSOE-BNG no que fai ao tema do complexo CELULOSAS-ELNOSA. Como xa temos denunciado en multitude de ocasións, o goberno da Xunta de Galicia non ten dado nestes catro anos ningún paso adiante para eliminar este foco de contaminación e desarranxo ambiental e social da nosa Ría; moi ao contrario, ten dado algún paso atrás, no camiño da súa consolidación. Lembremos aquí a concesión das Autorizacións Ambientais Integradas a ENCE e a ELNOSA, concedidas pola Consellería de Medio Ambiente de xeito absolutamente iregular ata o ano 2011 e que supoñen ao noso entender un ejemplo mais do sometemento do goberno da Xunta aos intereses empresariais.
Así as cousas, e porque entendemos que é posible facer as cousas doutro xeito, apoiamos a Manifestación en Compostela (saída ás 12 horas da Alameda) e chamamos ás nosas asociadas e asociados a participar nela reivindicando outro trato para o noso medioambiente e os nosos recursos naturais.
Comentarios recentes