A APDR exixe o peche inmediato de Ence e Elnosa
2018?…. AGORA!
Temos que recoñecer que erramos nas nosas previsións. Na APDR estabamos convencidos de que o goberno da Xunta de Galicia ía utilizar electoralmente a resolución do “concurso eólico” para se presentar diante do electorado co aval de ter cumprido o acordo programático de goberno, de ter dado o paso definitivo para eliminar o complexo ENCE-ELNOSA da nosa Ría, creando falsas expectativas entre a cidadanía. Pero, unha volta mais, os intereses empresariais fixeron fracasar a estratexia da Xunta.
Definitivamente, o goberno da Xunta de Galicia incumpriu o seu acordo ao respecto do complexo ENCE-ELNOSA, algo que viñamos anunciando e denunciando reiteradamente desde a APDR. En efecto, temos denunciado en multitude de ocasións a falta de vontade política do goberno PSOE-BNG para resolver o problema que supón a presenza de ENCE e ELNOSA no seu actual emprazamento; e temos denunciado tamén que o goberno da Xunta, as duas forzas políticas que o compoñen, non teñen dado en toda a lexislatura nengún paso adiante para eliminar o complexo da Ría e que, pola contra, teñen dado pasos que inequivocamente van na dirección de consolidar o complexo en Lourizán. A concesión das autorizacións ambientais integradas (AAI) a ENCE e a ELNOSA é un claro exemplo deste comportamento do goberno galego que non dubidamos en cualificar de sometemento aos intereses empresariais.
Ao longo da lexislatura que agora remata, só houbo declaracións pomposas, promesas sistematicamente incumpridas, e unha evidente deixación de funcións ao delegar nas máns da dirección da empresa a decisión final sobre o seu futuro. E mesmo agora, pechada xa toda posibilidade de cumprir o seu acordo programático, PSOE e BNG seguen a facer declaracións públicas que non podemos cualificar mais que de burla á cidadanía. Así, o Conselleiro de Medio Ambiente afirma -sen nengún rubor- que “de tanto falar, esquéncesenos que o noso compromiso foi que non se renove a concesión mais alá do 2018” e asegura que no goberno galego traballan “co horizonte do 2018”. Semella esquencer D. Manuel Vázquez que no seu día -por poñer só un exemplo- xustificou a concesión das AAI até o 2011 como o xeito de adiantar a ese ano o fín da licencia do complexo. No mesmo sentido tense manifestado o Conselleiro de Industria, que dí que “tanto a Xunta como o goberno do estado, traballan para que a pasteira abandone Lourizán no 2018”. Se esto é certo, para que asinar un acordo programático a sabendas de que é papel mollado?; para esto abonda con que desde Madrid se faga cumprir a Lei de Costas. E, que dicir da sesuda reflexión do Vicepresidente Quintana, que asegura que o tema ENCE vai estar moi presente na campaña electoral ao parlamento galego. Sen comentarios!.
E, así as cousas, o PP tenta tirar beneficios electorais da situación disfrazando a súa inequívoca posición de apoio á continuidade do complexo ENCE-ELNOSA en Lourizán falando de “traslado dentro do municipio”, unha opción que non só é absurda e inviabel, senón tamén rexeitada pola ampla maioría social na bisbarra, que vimos loitando desde hai xa demasiado tempo por conquerir o soño de ver a Ría libre do complexo con anterioridade ao 2018.
Desde a APDR seguimos esixindo o peche definitivo e inmediato da actividade de ENCE e ELNOSA que -lonxe do que agora moitos gustan de afirmar- non só impide o disfrute e o lecer da cidadanía, senón que sigue a por en perigo o noso medio ambiente, a explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros, forestais e turísticos da nosa Ría, a nosa saúde, e a posibilidade dun modelo económico de desenvolvemento sustentábel quen de crear milleiros de postos de traballo. Por todo esto, porque non estamos dispostos a aguantar máis esta situación, insistimos: 2018?… AGORA!.
eu estivén ali ,e coido que temos que darlle onde mais lles doe nas urnasfpg