Pages Navigation Menu

A Asemblea do Suído presenta alegacións contra os novos proxectos de canteiras da Serra do Suído e Coto de Eira

 

A asociación presenta alegacións contra os proxectos mineiros da Serra do Suído e Coto de Eira, en Covelo, Fornelos de Montes e Mondariz

A Asemblea do Suído (FEG) presentou sendas alegacións polos proxectos mineiros da Chan da Andoriña no Coto de Eira, en Mondariz e do Coto de Bidueiros e Portela das Travesas en Covelo e Fornelos de Montes, ante as Consellarías de Innovación e Industria e Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel. Amais avisa da existencia de moitos máis proxectos na zona aos que xa presentou alegacións no seu día e que aínda están en vigor

A execución destes proxectos pon en serio perigo a conservación do patrimonio natural e cultural. Ámbalas dúas canteiras afectarían directamente elementos de elevado interese etnográfico e arqueolóxico, amais de hábitats e especies de flora e fauna de interese europeo.

Así o proxecto de canteira do Coto de Eira non contempla a existencia no lugar dun foxo de lobo dobre (con dous pozos) e como o proxecto do Suído, pasa por alto a existencia de hábitats e especies de flora e fauna de interese europeo (Directivas 92/43 CEE e 79/409 CEE).

As obras afectarían e destruirían a rede de chozos da zona, as parideiras, sesteiros, mámoas e tamén afectaría a forca do lobo do lugar dos Foxos en Campo. Tamén afectarían os hábitats prioritarios e de interese como:

os rochedos silíceos do sedo-sclerathion ou do sedo albi-veronicion dillenii (8230), vexetación casmofítica de pendentes rochosas -subtipos silicícolas- (8220), formacións herbosas con Nardus, con numerosas especies, sobre substratos silíceos de zonas montañosas (6230)*, estanques temporais mediterráneos (3170)*, uzais secos europeos (4030), uzais oromediterráneos con toxos (4090), turbeiras altas activas (7110)* e uzais húmidos atlánticos meridionais de Erica cilliaris e Erica tetralix (4020)*.

*Prioritarios (con perigo de desaparición)

Entre as especies en perigo salientamos:

Mamíferos: morcego de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum), morcego (Rhinolophus hipposideros), morcego rateiro grande (Myotis myotis), morcego (Myotis emarginatus), morcego (Myotis bechsteineii), morcego (Miniopterus schreibersii), morcego (Barbastella barbastellus), rata auganeira (Galemys pyrenaicus), lontra (Lutra lutra).

Anfibios e réptiles: saramaganta (Chioglossa lusitanica), sapiño pinto (Discoglossus galganoi), lagarto das silvas (Lacerta schreiberi).

Aves: papuxa montesa (Sylvia undata), martiño peixeiro (Alcedo atthis), miñato abelleiro (Pernis apivorus), aguia real (aquila chrysaetus), aguia albela (Circaetus gallicus), aguia caudal (Hieraaetus pennatus), gatafornela (Circus cyaneus), rapina cincenta (Circus pygargus), falcón peregrino (Falco peregrinus), bufo real (Bubo bubo), curuxa das xunqueiras (Assio flammeus).

Plantas: amarelle (Narcissus cyclamineus), salgueiro das brañas (Salix salvifolia Brot. subsp. australis Franco).

Insectos: vacaloura (Lucanus cervus), Cerambyx cerdo.

O máis importante é que os dous proxectos non contemplan que as zonas de afección van ser incluídas en breve na Rede Natura 2000, como partes do novo LIC (Lugar de Interese Comunitario) Serra do Suído e da ampliación do LIC Río Tea que se remonta até os nacentes do Río Alén na Chan da Andoriña e na Chan de Bidueiros.

Por todo isto solicitamos á Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel que tome medidas de protección e que impida a realización destas canteiras, ao mesmo tempo que a Consellaría de Innovación e Industria (conforme aos informes ambientais dos novos LIC) denegue a explotación de granito nestes lugares.

No Comments

Trackbacks/Pingbacks

  1. lux weblog » Galiza non se vende - [...] Artigo sobre os proxectos mineiros de Coto de Eira en Mondariz [...]

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.