A Asociación Pola Defensa da Ría solidarízase cos detidos en Cangas
Diante da desproporcionada e inxustificada intervención onte en Cangas dos axentes antidisturbios da Garda Civíl contra as persoas que dun xeito pacífico amosaban o seu desacordo coas obras de construción dun porto deportivo nos terreos da antigua fábrica de conservas Massó, a Asociación pola Defensa da Ría de pontevedra (APDR) quere facer público o seguinte comunicado:1º.- Solidarizámonos cos detidos e feridos nesa intervención policial e amosamos o noso apoio decidido a todas cantas persoas e colectivos manifestan a súa oposición á costrución do antedito porto deportivo e, xa que logo, loitan pola defensa da ría e do medio ambiente natural. Por desgraza, son moitas as agresións que o noso medio está a sofrir a cotío e moitas tamén as ocasións nas que os intereses económicos e especulativos duns poucos son primados desde as administracións en contra dos dereitos da maioría a disfrutar da paisaxe, do medio ambiente e dunha calidade de vida digna.
2º.- Condeamos o uso desproporcionado e inxustificado da forza por parte dos antidisturbios da Garda Civíl e esiximos o cese inmediato do máximo responsable desta actuación que non é outro que o subdelegado do goberno.
3º.- Rexeitamos a construción do porto deportivo pola negativa repercusión que vai supor para o medio ambiente, os recursos naturais da ría e o dereito ao lecer e a calidade de vida das persoas na comarca. Neste sentido, esiximos a paralización do proxecto.
Para a APDR, que leva xa máis de 22 anos loitando polo saneamento e recuperación da Ría de Pontevedra, a loita pola defensa do medio ambiente, polos recursos naturais e pola saúde das persoas é non só un lexítimo dereito, senón tamén unha obriga de todas as persoas que fronte ao modelo económico imperante, baseado na especulación e na destrución do medio, aspiran a un modelo económico máis xusto socialmente e sustentabel no tempo, un modelo que só pode vir da man da explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros, forestais e turísticos.
Pontevedra, 21 de xullo de 2009
Comentarios recentes