Pages Navigation Menu

A Asociación pola defensa do Parque Rosalía de Lugo acada xa ás 11.000 firmas

A Asociación pola Defensa do Parque Rosalía fixo entrega este xoves 29 no rexistro do Concello de Lugo, de 1000 novas firmas contra o proxecto de construcción no lateral das Costas do Parque, co que xa se supera a cifra das 11.000 recollidas ata o momento, e no que cremos que é unha gran representación da opinión da xente ante un dos maiores atentados urbanísticos á nosa cidade.

Queremos lembrar que aínda que comezaron os traballos de urbanización na zona, as edificacións seguen sen contar con licencia de obra, e dada a nova configuración de forzas políticas no Concello, a oposición formada por Partido Popular e BNG ten na súa man o rexeitamento á mesma e a demostración de feito da súa negativa a esta barbaridade. Convén tamén suliñar que ambos partidos esgrimiron de forma reiterada este problema como unha das súas principais bazas na campaña ás eleccións municipais, se ben pasadas as mesmas e despois de case xa medio ano, non voltamos a escoitar ningún novo posicionamento nin reivindicación por parte de PP e BNG ao respecto.

Por outra banda, se xa nos sorprendeu o non acatamento por parte do Concello á orde de paralización das obras emitida pola Consellería de Cultura, sorpréndenos agora máis a escasa capacidade desta Consellería para velar pola protección dun Ben de Interese Cultural como é o Balneario, cuxo radio afecta á zona do proxecto. Dase a paradoxa de que a propia Consellería de Cultura informou ó Xulgado da obligatoriedade do seu informe para intervir na zona (informe que o Concello nunca solicitou), e a falta deste informe motivou a orde de paralización. Pero ante o non acatamento desta orde polo Concello, Cultura segue a permitir que un organismo de rango inferior non cumpla a súa normativa. Por desgracia, esta situación fainos lembrar que o feito de que o Sanatorio Portela estivese tamén no inventario de bens catalogados por esta consellería, non impediu que rematase cun edificio de gran altura ao seu carón, vendo como tamén as competencias autonómicas foron na práctica vulneradas polo Concello de Lugo.

En no referente á compra dunha finca polo Sr. Liñares, Concelleiro de Urbanismo, lindando coa súa propiedade no barrio da Ponte, desde a Asociación consideramos que sería moralmente inadmisible e totalmente reprobable que de sair adiante o novo PXOM, esta finca pasase de rústica a solo urbano consolidado. A parcela foi mercada poucos meses despois da consecución da maioría absoluta do PSOE e con anterioridade á redacción do PXOM. Afirma o Sr. Liñares, enxeñeiro técnico agrícola, que supoñía en 2003 que os terreos seguirían sendo rústicos, entón supoñemos tamén agora que nas recentes revisións do PXOM, xa como Concelleiro de Urbanismo, seguía a ignorar que poderían pasar a urbanizables. Consideramos máis que tibia a postura da oposición ante este feito, xa que para os dous partidos non semella ser obxeto dun seguimento exhaustivo.

Pese a todo o que está a acontecer, a Asociación seguirá a loitar por tódolos medios e tamén pola vía legal para que esta e outras monstruosidades non se leven a cabo en Lugo.

One Comment

  1. Queremos mandar unas firmas en contra de la burradas de Lugo y en la página de parque rosalia me es imposible meter el DNI. Decídme que tengo que hacer

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.