A Consellería de Pesca informou no Parlamento do resultado das alegacións ao Plan galego de Acuicultura

Pequenas modificacións e novos proxectos: Novo Parque de Orelludas,Ampliación do Parque de Mougás, Ampliación do Parque de Punta dos Patos (Cangas), Parque Punta Moreiras (O Grove), Parque de Ardía (O Grove), Parque de Couso-Aguiño (Ribeira), Parque de Seráns (Porto do Son), Ampliación do PARQUE de MEREXO, Novo Parque en Seiruga (Malpica), Ampliación do Parque de Meirás (Valdoviño), Parque de Lago (Xove), Novo Parque de Foxo Longo (Ribadeo), Novo Parque de Corvo (Ribadeo), Parque de Cabo Cee (Corcubión), Novo Parque de Regodola (Xove)

O director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, informou hoxe na Comisión Oitava de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia que os trámites que está a dar o Plan Galego de Acuicultura seguen escrupulosamente todos os mecanismos previstos pola normativa vixente en canto á participación cidadá. O Plan Galego atópase, nestes intres, á espera do informe de sustentabilidade ambiental que está a elaborar a Consellería de Medio Ambiente.

Antonio García Elorriaga recordou na súa intervención que o Plan estivo pendurado na páxina web da Consellería de Medio Ambiente durante o prazo dun mes e que a Consellería de Pesca fixo o propio durante 60 días nos que se recolleron as alegacións de particulares, asociacións, empresas e institucións, que se estudaron e respostaron “unha a unha”.

 

O director xeral tamén explicou aos deputados que, con carácter previo á exposición pública do Plan, o Goberno galego e os técnicos da Consellería de Pesca mantiveron diversas xuntanzas informativas cos concellos concernidos polo Plan, co sector pesqueiro e con distintas entidades interesadas que enumerou na súa intervención. O obxecto destes encontros, explicou García Elorriaga, foi explicar e comunicar as intencións da Consellería, os traballos que se desenvolveron e as previsións de futuro, así como coñecer de preto a opinión dos interesados e, en todo caso, recoller as súas achegas, suxestións e peticións.

 

Modificacións do Plan Acuícola
No tocante a outra das preguntas formuladas en relación ás posibles modificacións do Plan, Antonio García Elorriaga explicou que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos sempre tivo en conta á hora de elaborar o Plan Galego de Acuicultura e de respostar ás alegacións tres criterios básicos e primordiais. O primeiro deles o criterio medio ambiental, o segundo, o patrimonial e, finalmente, o criterio urbanístico.

 

Neste sentido, e á vista das alegacións e informes recibidos, o departamento que dirixe Carmen Gallego está a levar a cabo, tendo en conta estes criterios anteriormente citados, algunhas modificacións no Plan Galego de Acuicultura exposto ao público. Entre a variacións técnicas do Plan destacan as urbanísticas, vencelladas as alturas máximas permitidas, e outras modificacións dalgúns parques concretos que prevé o Plan Galego de Acuicultura e que esta mañá explicaba o director xeral de Recursos Mariños no Parlamento:

 

1. Novo Parque de Orelludas (Santa María de Oia): Esta nova planta, que contemplaba o plan sectorial do anterior goberno e o borrador do Plan Galego de Acuicultura, reducirase eliminando do seu ámbito xeográfico a área de protección do Xacemento Paleolítico de Fiais, sinalado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Así mesmo, introdúcense as cautelas necesarias para o desenvolvemento do parque, por mor da necesidade de protección deste elemento. Deste xeito, as instalacións pasarán de 75.000 m2 a 47.000 m2.

 

2. Ampliación do Parque de Mougás (Santa María de Oia): A ampliación desta planta reducirase e pasará de 88.000 m2 a 57.000 m2. Esta redución deriva da constatación do feito de que a delimitación do parque, tal e como estaba proposta, é incompatible con outra actividade empresarial xa implantada na zona.

 

3. Ampliación do Parque de Punta dos Patos (Cangas): Neste caso, introdúcese unha referencia a elementos arqueolóxicos presentes no ámbito e contorno (Petroglifo de Punta Corbeira e Castro da Igrexiña), así como ás cautelas necesarias para a necesidade de protección destes elementos.

 

4. Ampliación do Parque Punta Moreiras (O Grove): Introdúcese unha referencia a elementos patrimoniais presentes no contorno da planta (Antiga Fábrica de Salazón actualmente musealizada), que non deben verse afectados pola ampliación. Non entanto, obsérvase que a delimitación do parque, proposta no Plan, posibilita a súa execución sen afección a ditos elementos.

 

5. Ampliación do Parque de Ardía (O Grove): Eliminarase a ampliación desta planta (26.500 m2) do Plan, o que contribuirá ao obxectivo xeral de diminuír a superficie da Rede Natura ocupada.

 

6. Ampliación do Parque de Couso-Aguiño (Ribeira): Elimínase por considerarse xustificada a alegación do Concello de Ribeira no sentido de que a instalación existente en dito parque non é un establecemento produtivo senón investigador e, polo tanto, alleo ao ámbito do Plan. Desta forma, xuntamente coa redución do Parque de Seráns, redúcese sensiblemente a superficie de parques no entorno da Ría de Arousa e nas proximidades do LIC Complexo Húmido de Corrubedo.

 

7. Ampliación do Parque de Seráns (Porto do Son): Verase limitado á extensión de 24.500 m2. Esta redución vén motivada pola petición da empresa propietaria das instalacións para as que se prevé a ampliación.

 

8. Ampliación do PARQUE de MEREXO (Concello de Muxía): Introdúcese unha referencia a elementos arqueolóxicos presentes neste ámbito (Castro de Punta Sartaña), e as cautelas necesarias para a protección destes elementos.

 

9. Novo Parque en Seiruga (Malpica): Introdúcese unha referencia a elementos arqueolóxicos presentes no ámbito (Castro de Entretorres), así como as cautelas necesarias para a protección destes elementos.

 

10. Ampliación do Parque de Meirás (Valdoviño): Introdúcese unha referencia a elementos patrimoniais e arqueolóxicos presentes no contorno da planta (Porto de Meirás e Ermida de Nosa Señora do Porto), así como as cautelas necesarias para a protección destes elementos.

 

11. Ampliación do Parque de Lago (Xove): Quedará reducida a unha extensión de 182.500 m2 fronte aos de 273.000 m2, se ben incluiranse no seu ámbito as instalacións xa existentes que non ocupan terreos de dominio público marítimo-terrestre.

 

12. Novo Parque de Foxo Longo (Ribadeo): Introdúcese unha referencia a elementos arqueolóxicos presentes no contorno do que será o novo parque, así como as cautelas necesarias para a protección destes elementos.

 

13. Novo Parque de Corvo (Ribadeo): Introdúcese unha referencia a elementos patrimoniais presentes no contorno da que será a nova planta (Castro de Meirengos), así como as cautelas necesarias para a protección destes elementos.

 

14. Novo Parque de Cabo Cee (Corcubión): Tiña no Plan do PPdG 78.000 metros cadrados e, tal e como xa contempla o Plan Galego de Acuicultura, a superficie destas novas instalacións quedou reducida a 75.000 metros cadrados.

 

15. Novo Parque de Regodola (Xove): No Plan do anterior goberno contaba cunha superficie de 160.000 metros cadrados e quedou reducido a 26.000 para asegurar a viabilidade debido as características de terreo.

 

O director xeral de Recursos Mariños, puxo fin á súa intervención facendo fincapé en que ademais, das dúas ampliacións que se eliminarán do Plan Galego de Acuicultura e das modificacións que se incluirán, xa se tiñan eliminado do Plan Sectorial do anterior goberno do Partido Popular as plantas previstas en Touriñán (Muxía), Punta Corvos (Ribeira) e Punta do Corno (Camariñas) zonas consideradas Non Aptas por incumprir, principalmente, normativas medioambientais como atoparse en Rede Natura ou hábitat protexido.

Vieiros: “Esta falta de honestidade non se espera dun goberno de esquerdas”, reprobou a presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adela Figueroa, crítica á que se sumou Tino Quintela como voceiro da plataforma “Galiza non se vende”, que suma até 60 colectivos agrupados para denunciar a destrución ambiental e patrimonial do territorio, e que inclúe o Plan Acuícola entre os seus obxectos principais de crítica. 

Galicia-Hoxe: Pesca vende fume co Plan Acuícola. A Xunta négase a negociar con “alborotadores. Manoel Santos: “É unha clara manobra electoral”

3 Comments

  1. A hora de respostar as alegacions, aparte dos criterios medioambientais, urbanisticos e patrimoniais penso que deberan de ter en conta os SOCIAIS. No mesmo Plan de Estragamento, na pax 37 (criterios de selección) din que se debe ter en conta os axentes sociais, Concellos e outras administracions.
    Esta xente nin mirou as alegacions, ainda estou por decir que nin leiu o seu propio PLAN.
    VERGONZOSO.

  2. Está claro que a verdadeira costa da morte queda inzada de plantas acuicolas, polo que dentro de nada fara honra o seu nome, convertindose nunha verdadeira costa da morte para as persoas que ata o de agora vivian explotando os seus recursos. En vez de verdadeiros postos de traballo e infraestruturas, necesarias para dar vida a esta costa, o que nos dan son plantas acuicolas que xeran moi poucos postos de traballo e destruen grandes superficies, xerando beneficios só para os empresarios.

  3. Respuesta de Nuñez Feijoo:

    Bos días, Gustariame saber a sua opinión sobre o Plan Acuicola e todo o que está a pasar en Merexo. Grazas

    Tíñamos un plan acuicola consensuado co sector e a población no ano 2005. A Xunta actual rompeu o acordo e fixo un novo plan con milleiros de alegacións e Meroxo, así como outros lugares piden que se lles escoite e non se lles estrangule. Nos non vamos a facer o previsto en Meroxo e retoramemos o proxecto de Cabo Tour´ñán. Para facer a acuícola más importante do mundo na Costa da Morte, repsetando todas as normas ambientais e comprometendo un nulo impacto paisaxístico

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.