A contaminación que non cesa
Á marxe do evidente impacto paisaxístico, os recheos da ría de Vigo teñen un efecto ambiental adverso. Juan José González, que lidera o programa de investigación de contaminación mariña do Centro Oceanográfico de Vigo, advirte, nunha publicación editada polo Instituto de Estudos Vigueses, das graves consecuencias que o afán de gañarlle espazo ao mar ten para a flora e a fauna mariñas.
Aos altos niveis de mortaldade nas zonas próximas a este tipo de obras, sobre todo naquelas especies con mobilidade reducida, hai que engadir os efectos da turbidez que ocasionan na auga. Os sólidos en suspensión procedentes das obras reducen o paso da luz e con iso a fotosíntesis das algas microscópicas, o que incide directamente na riqueza dos bancos marisqueiros.
Mención aparte requiren os portos deportivos. Só na ría de Vigo, as instalacións de recreo proxectadas en Cangas, fronte á antiga conserveira Massó, afectarán irreversiblemente a unha das zonas da ría con maior biodiversidade, na que faenan ao redor de 500 persoas. A forte oposición que suscitou o proxecto retardou uns traballos que comezaron en 2005. O Foro Social de Cangas reúne aos veciños opostos a esta obra, que se autorizou a pesar do evidente impacto na contorna e que aínda está pendente dunha resolución do Tribunal Supremo.
Outro proxecto de mariña ameaza á parroquia viguesa de Teis, en risco de quedar definitivamente sen praias. Os terreos elixidos, da antiga Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA), pertencen a dominio público, como denuncia insistentemente o colectivo local Voces polo Litoral. El País
Comentarios recentes