Pages Navigation Menu

A electricidade producida por SOGAMA é tan sucia como a xerada nas térmicas de carbón

A incineración de residuos urbanos, ademais de emitir contaminantes como dioxinas ou metais pesados, é unha importante fonte de dióxido de carbono (CO2), o principal dos gases de invernadoiro, causantes da mudanza climática. En Galicia, a electricidade  producida por SOGAMA emite 0,83   toneladas/MWh, case tanto como a xerada a partir de carbón, o combustible fósil máis  contaminante. SOGAMA, propietaria da incineradora de Cerceda,  é a sexta   empresa que emite máis CO2 desde Galicia. 

O chamado “complexo ambiental” de Cerceda é unha das principais fontes emisoras de CO2 de Galicia. Segundo o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR-España) do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (http://www.prtr-es.es), o complexo de SOGAMA emitiu 327.000 toneladas de CO2 en 2008 (último ano para o que hai información dispoñible).  A macroincineradora de residuos urbanos de Cerceda é a responsable de que SOGAMA sexa a sexta empresa que máis CO2 emite desde o noso país, mesmo sen ter en conta as emisións asociadas ao transporte do lixo desde 294 concellos espallados por toda Galicia até Cerceda. Só as eléctricas ENDESA e UNIÓN FENOSA-GAS NATURAL -propietaria de SOGAMA xunto coa Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas- ALCOA,  REPSOL e Cementos Cosmos (Cimpor) emiten máis CO2 que SOGAMA.

A incineración do lixo practicada por SOGAMA é un xeito ineficiente e sucio de xerar electricidade, equiparable en intensidade de emisións de CO2 á combustión de carbón nas centrais térmicas de Meirama e As Pontes. Así, as emisións  de SOGAMA son, en termos relativos, similares ás das centrais de carbón: 0,83 fronte a 0,89 toneladas de CO2 por MWh de electricidade xerada (en 2008). As elevadas emisións de CO2  de incineradoras e térmicas de carbón en comparación coa electricidade que producen contrasta coas emisións cero das renovables ou coas menores das centrais de ciclo combinado a gas natural (0,26 toneladas CO2/MWh). Polo tanto, non é xustificable que a incineración reciba unha prima estatal pola eelectricidade xerada, ao igual que as renovables.

A achega ao cambio climático é unha  das caras do despropósito ambiental que supón SOGAMA, xunto co desperdicio de materiais, o problemático macrovertedoiro da Areosa ou a contaminación atmosférica, aspecto este último sobre o que, por certo, SOGAMA e a Xunta ocultan información, pois nin para 2008 nin para 2009 divulgaron datos sobre as concentracións de contaminantes no aire que se miden en catro estacións de control de contaminación xestionadas por SOGAMA e situadas na contorna das instalacións de Cerceda  (Buscás en Ordes, Cendón en Laracha e Montexalo e Rodís en Cerceda).

A incineración con produción de enerxía ou “valorización enerxética” dos residuos urbanos non é, nin unha solución para unha xestión sustentable do lixo, nin unha solución contra a mudanza climática global. Si o é, en troques, a alternativa  da redución, a reutilización e a reciclaxe, polo que Verdegaia rexeita frontalmente a incineración e fai súas as “Propostas para unha xestión preventiva e sostíbel dos residuos sólidos urbanos” presentadas á Xunta pola Federación Ecoloxista Galega (FEG) -da que fai parte- e Amigos da Terra.

Xunto con outras organizacións, Verdegaia promove a celebración, con motivo do Día da Terra, dunha “Andaina polo clima” baixo o lema “O clima non está á venda” o 24 de abril entre a central térmica de Meirama de UNION FENOSA-GAS NATURAL e a incineradora de SOGAMA, na que, entre outras cousas, se demandará o peche canto antes da incineradora.

Máis información:

Os datos sobre a produción de electricidade de SOGAMA proceden da Memoria de Sostibilidade 2008 da propia  SOGAMA, segundo a cal  xerou 453.960,56 MWh (295.731 MWh na incineradora e 158.229,54 na planta de coxeración). Os datos sobre a intensidade de emisións de CO2 das centrais de carbón e de ciclo combinado proceden de fontes oficiais e poden consulltarse no informe de Verdegaia “Centrais térmicas de carbón: grandes fábricas de cambio climático”: http://www.verdegaia.org/content/view/1081/1/.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.