A FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA (FEG) SOLICITA A DIMISIÓN DO CONSELLEIRO DE INDUSTRIA, FERNANDO BLANCO

A FEG (que integra ás organizacións ecoloxistas máis representativas do país) considera a Blanco como o responsable da maior e mellor planificada agresión ambiental ao conxunto do país, representada pola adxudicación de 2.325 MW máis de enerxía a través da produción eólica

A FEG xa pedira a anulación da Orde do 6 de marzo de 2008 que regula a concesión dos novos parques eólicos adxudicados hoxe. Así mesmo a dita orde tamén foi recorrida pola FEG. Esperando que dito recurso prospere, a FEG anima ao conxunto da cidadanía a que inicie accións legais contra a resolución dos novos parques eólicos

Tal concesión provocará danos irreversibles sobre o medio ambiente galego: sobre os seus recursos naturais, a biodiversidade e a paisaxe. Os danos virán dados pola ocupación, na maior parte dos casos, de hábitats naturais.

Ademais a concesión de hoxe é de dubidosa legalidade pois deixa en papel mollado as seguintes Directivas e Leis:

            – Directiva hábitats (Directiva do Consello 92/43 CEE relativa á    conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres).

 

            – Directiva aves (Directiva 79/409 CEE do Consello, relativa á       conservación das aves silvestres).

 

            – Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da       Biodiversidade.

 

            – Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo    galego de especies ameazadas

 

            – Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

Tódalas citadas directivas e leis serán de imposible cumprimento de seguir adiante a tramitación eólica. Cómpre mencionar, ademais, que segundo o Decreto 88/2007, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible está a elaborar os plans de conservación de determinadas especies ameazadas (entre eles o da Aguia real, o da Tartaraña e Gatafornela, Morcegos, etc.) que serán completamente inútiles con semellante desenvolvemento eólico polo que é preciso contar previamente con estes plans de conservación antes de tomar ningunha decisión máis sobre a instalación de centrais eólicas.

A FEG considera inadmisible que cando o BNG estaba na oposición criticara o plan eólico do PP e agora que está no goberno (e á fronte da Consellería de Industria) en vez de elaborar un plan sectorial eólico novo (cunha Avaliación Ambiental Estratéxica, tal como o demanda a lei), retome o antigo do PP para facer esta adxudicación para así saltarse tódalas garantías ambientais e a participación dos axentes sociais implicados (entre eles os ecoloxistas).

As declaracións de Fernando Blanco e Anxo Quintana son “cantos de serea” que intentan ocultar a magnitude da desfeita das concesións dadas hoxe, amais de agochar os intereses que terán que explicar ao conxunto da cidadanía galega.

Neste sentido dicir que as novas concesións eólicas non afectarán a espazos da Rede Natura 2000, equivale a dicir nada: isto é, as zonas da Rede Natura 2000 susceptibles de aproveitamento eólico na actualidade xa están afectadas por parques eólicos. En cambio dende a Consellería de Industria non din ren sobre os novos espazos que pasarán en breve a formar parte da Rede Natura 2000 (en proceso de ampliación a instancias da UE, por considerar esta que a rede actual é insuficiente, o 11 % do territorio, sendo Galicia a autonomía con menor porcentaxe do estado español, só por riba de Ceuta e Melilla). Así estes novos espazos están condenados a soportar a instalación de centrais eólicas, enganando ao conxunto do pobo galego (a este respecto a Consellería de Medio Ambiente e desenvolvemento Sostible terá que explicar tamén, como é posible que en catro anos non fose capaz de levar adiante a ampliación da Rede Natura 2000, tal como llo demandara a UE e tal como se comprometera o goberno galego do bipartito).

Con estas concesións a secuencia de feitos é a seguinte: 1. adxudícanse parques eólicos a empresas, 2. estas efectúan o estudio de impacto ambiental (EIA), 3. o EIA é presentado á Xunta de Galicia (Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible) e esta emite a Declaración de Impacto Ambiental (DIA). Así, as DIA terán que ser forzosamente en todos os casos favorables á instalación dos Parques Eólicos independentemente do seu impacto ambiental pois economicamente é inviable para a Xunta de Galicia paralizar a posteriori calquera proxecto eólico pois tería que indemnizar a empresa por dereitos adquiridos. En definitiva é facerlle unha ponte inadmisible á lei e un sucio truco que poñería contra as cordas a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible pois estaría coas mans atadas para cumprir, minimamente, cos seus cometidos.

A FEG vese obrigada a reiterar unha vez máis o seu apoio á produción de enerxía por medios renovables pero garantindo outros aspectos do medio ambiente galego, sendo ademais prioritario o aforro e a eficacia na política enerxética.

4 Comments

  1. Como é posible? Baixo a aparente e sinxela ambición desenvolvedora en termos case decimonónicos que emprenden BNG e PSOE co tema industrial, no que a actual crise do Plan Eólico se encadra, se atopa un verdadeiro síntoma de ineptitude no reduccionismo conceptual ao que nos teñen acostumados os nosos mal escollidos dirixentes para enxuízar positivamente toda actuación destinada, usando a mesma linguaxe e os mesmos xeitos, potencializar e fornecer sinerxia ao ente que eles entenden como país ou nación.

    I é que a realidade é ben distinta mesmo dende a propia perspectiva nacionalista (i.e. aquela lupa baixo a que se toman e subrogan decisións de calquera índole, non fundamentadas por ende no racionalismo) se temos en consideración que, se a primeira vista o Plano Eólico suporá colocar a Galiza nas estatísticas á cabeza de España en produción enerxética, está ben claro que dende o punto de vista madrileño, por chamarlle así, se estarán a rir de nós por aceptar ser prostituidos (gratuitamente salvo para as fortunas que controlan as concesionarias do Plano) por tan magna tarefa de lles fornecer a enerxía que eles precisan pero non queren ter no seu territorio. As empresas propietarias da industria eléctrica exportan xa actualmente (sen plano eólico) o 40% da enerxía que producen en Galiza cara o exterior.

    ¿Por que é necesario o plano eólico máxime cando non se plantea dende unha perspectiva de enerxía propiamente alternativa? ¿Quen engana a quen, o BNG cos seus argumentos patrióticos, ou as empresas ao BNG? Voto porque o BNG perdeu xa a consciencia que permite discernir, como neste caso, o que é realmente hipotecar o futuro ambiental e paisaxístico, e mesmo económico, porque as adxudicatarias son de capital privado, en beneficio do resto de España, que será a destinataria da produción galega de enerxía sen ter que aturar a contaminación e o impacto visual presuposto.

  2. Para min é cada vez máis dificil de entender que fan algúns ecoloxistas no BNG, ou son inxenuos, ou están por proveito persoal, ou ben pouco ecoloxistas son. Dame noxo pensar que algúns e algunhas volverán pedir o voto para xente como Fernando Blanco.

  3. Non soamente pedirán o voto. O BNG está enviando correos a toda a afiliación (e supoño que a máis xente) explicando mentiras que din que o concurso eólico ten todas as garantías e que non ocupan Rede Natura 2000 e outras cousas polo estilo.
    O poder é o poder, tristemente, e vese que algúns non soamente se venden, senón que se venden moi rapidamente e moi baratos.
    Sáude e que nos sexan leves estas eleccións, que penso que serán tan terribles como aquelas francesas onde a dúbida era botar dereita extrema ou centro-dereita tamén bastante extrema porque os que non eran isto eran peores aínda.
    Terrible, pero certo. Eu non o comprendía ata hai pouco.

  4. Pódese imaxinar que a cúpula pensante do BNG enganaba coa súa propia propaganda ao militante, agora penso que toda a vida foron eles mesmos víctimas da súa propia propaganda, porque fan unha política xa netamente demagóxica, inargumental e nacional, todo é bo se é bo para a nación, e por suposto son eles os que dictaminan o que é bo para a nación.

    Calquera entende que esta postura é xa antiesquerdista por principios, e por suposto, no que atañe á ecoloxía, tamén é antiecolóxica nas ocasións en que poñen por diante, vaia a saber o que é, o interese da nación.

    Pero as cousas caen polo seu propio peso, porque ao final tamén son víctimas da prevaricación e o sometemento aos intereses do capital, que non entende de nacións, e tarde ou cedo preferirán defender o seu lobby ao estilo do PP, nun principio nacionalista, e no futuro só un conglomerado empresarial de exmilitantes nacionalistas que deron renda solta, unha vez no poder, á obscenidade de trepador narcisista que levaban dentro. Os que ficaron honestos non teñen cabida nun partido de acomplexados e narcisistas.

Trackbacks/Pingbacks

  1. intranquilidade.net - Galiza Non Se Vende » Blog Archive » A FEDERACIÓN ECOLOXISTA … - [...] Se Vende » Blog Archive » Delicto ambiental en Monteferro en Delicto … Veja o post completo clicando aqui. Post…

Deixa una resposta a Aciñeira Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.