A FEG pide que a fin de SOGAMA para o 2017

Arestora a planta supón un lastre para unha xestión sostíbel dos residuos

Logo dunha década desde a aprobación do plano SOGAMA, os pobres resultados da reciclaxe, sumado aos sucesivos delitos ambientais e escándalos de corrupción ao redor da incineradora son argumentos suficientes para que o novo Plan galego de Xestión de Residuos Urbanos (PXRSU) 2007-2017 (agora en trámite) inclúa nos seus obxectivos o feche da planta de Cerceda no 2017. Aliás, a aplicación efectiva de medidas de redución deberá ser a prioridade no novo proceso.

Ante situación de crise que vive arestora a planta de SOGAMA, desde a Federación Ecoloxista Galega reclamamos que se actúe con todo o peso da lei contra os responsábeis dese caos de xestión (e posíbel corrupción1) e dos delitos ambientais xerados por ese caos. Asemade, o balanzo dos 8 anos de funcionamento da incineradora permítennos tirar unha serie de conclusións que a FEG reclama sexan consideradas no novo PXRSU:

  • A redución é a prioridade: cando a incineradora de SOGAMA entrou en funcionamento, a produción de lixo en Galiza era maior que a capacidade da planta; de non aplicar medidas de redución de residuos, calquer planta ou instalación de tratamento que se constrúa vai ficar superada polo incremento continuado na produción de lixo.
  • A descentralización é a prioridade: arestora a cidadanía galega asiste a un escándalo político e ambiental nunha empresa que xestiona o 80% do lixo galego. Isto fai imposíbel o feche inmediato de SOGAMA, ao carecer Galiza de ningunha outra planta que poida tratar todos eses residuos, co que durante anos temos que ser conscientes de que o lixo do 80% dos galegos vai poluir o ambiente. Nun sistema descentralizado e de pequenas plantas, os fluxos de residuos poderíanse desviar a outras instalacións cercanas no caso de fallo dalgunha das instalacións.
  • A incineración non vale: SOGAMA a penas recupera para a reciclaxe o 7% do lixo que trata2; alén disto, incinera na súa maior parte materia orgánica potencialmente compostábel. Antes da incineración, a materia orgánica ten que ser secada e preparada, isto fai que o rendemento enerxético da incineración sexa baixo, de xeito que a maior parte dos ingresos de SOGAMA3 (un 55.69% no ano 2007) sexa por cobrar o servizo de xestión de residuos; un servizo que, como se está a ver nos últimos meses, non é tan correcto como nos contaban.
  • O lixo non desaparece: un dos eixos publicitarios de SOGAMA era que grazas a esa planta desapareceron os vertedoiros (espazos degradados). Na realidade, o que sucedeu foi que se creou un macrovertedoiro nun lugar onde ninguén o vía. De terse apostado verdadeiramente pola reciclaxe, introducindo sistemas de recollida da materia orgánica, grande parte deses residuos terían sido convertidos en abono orgánico e novas materias primas para o sistema productivo.

 

 

Finalmente, a FEG quere lembrar que o lixo da maior parte dos/as galegos/as está a poluír o río Lengüelle, polo que cumpre un exercicio de corresponsabilidade da cidadanía. Os cidadáns e cidadás temos que reclamar a alcaldes e conselleiros que os nosos residuos sexan tratados adecuadamente, e o novo plan de residuos debe contar cos mecanismos de participación e control cidadán que permitan que non teñamos outra SOGAMA nunca máis.

 

 

 

Con compostaxe e redución está de máis a incineración!

 

1 Véxanse dictames do Consello de Contas de Galicia sobre a adxudicación irregular de contratas de SOGAMA a empresas do grupo FENOSA.

 

2 Dato tomado do borrador do Plan Galego de Xestión de RSU 2007-2017, Xunta de Galiza

 

3 Dato tomado da Memoria de Sostibilidade 2007 de SOGAMA, dispoñíbel no web da empresa.

5 Comments

  1. Na FEG, non se derón conta que as empresas privadas non poden participar da xestión dos servizos públicos? Por que falan de posibel corrupción?. Son corruptos, digocho eu. Pero vamos aver na FEG ainda non saben que as empresa privadas prima só o beneficio e que incumprir calusulas dos contratos reportalles benficio? A parte de ser ecoloxista, hai que ser tamén traballador, para darse conta destas cousas?

    A redución e a descentralización é a prioridade, o,lixo nonsesaparece e a incineración non vale. A cidadanía galega asiste a un escándalo político e ambiental pero tamén de responsabilidade económico e empresarial, nunha empresa que xestiona o 49% o capital privado, nunca tendencia de privatizacións ao 100% dos servizos públicos, concello a concello. A FEG tense que dar conta de que a privatización dos servizos alonxan máis cidadanía do control e da participación, trasparencia e vixilancia dos servizos públicos.

    Asina: Lixeiro, traballador, ecoloxista, activista e crítico

  2. Lixeiro:

    Non estarás a matar ao mensaxeiro…? Onde liches que a FEG apoia a privatización dos servizos públicos? E logo, @s ecoloxistas da FEG non somos tamén traballador@s? A ver se es tan sumamente crítico que es incapaz de valorar o traballo e o esforzo dos demais…, e ves pantasmas onde non as hai (de iso ao sectarismo soamente hai un paso se é que aínda non o deches).

  3. Non vexo eu que a FEG estexa a favor da privatizacion de servicios publicos. Ademais estamos falando dunha empresa de maioria publica, a Xunta ten o control. A Xunta deberia botar a FENOSA de SOGAMA e acabar coa incineración.

    Quizas non haxa que esperar a 2017 para pechar a incineradora, de entrada pareceme moito tempo.

  4. Alex:

    Lamento que me expresara de tal xeito que entenderas que eu pretendo matar ao mensaxeiro. So pretendo chamar a tención dunha cuestión que non se aborda expresamente, no manifaesto da FEG, porque secadra eu son máis sensibel a esta cuestión, porque tamén entendo e doume conta que o fracaso de SOGAMA é estar xestionado en parte por intereses económicos privados.

    Nin lin nin dixen que a FEG apoie interese das empresa privadas, só digo que non se da conta de que ese factor é determinante no fracaso do sistema de xestión de residuos desenrrolado, hai máis dunha década en Galiza. NOn o digo por decir o digo porque traballo no sector, e o que se está denunciar nestes intres vai máis aló do que a FEG ou a opinión pública puideramos detectar. En cada un dos concellos galegos están a pasar noutra escala fraudes na xestión dos residuos, e ods servizos públicos en xeral. Se nos está a evnder a opinión púbica que a xestión en mans privadas é unha panacea, cando a realidade e cruelmente ben distinta. Partidos políticos, sindicatos, etc. están a facer unha falsa propaganda deste tipo de xestores dos recursos públicos. Do sectarismo non vou falar, máis que decirte que non o practico.

    A pesado,decirlle que me parece errado pensar que a Xunta ten o control en SOGAMA polo feito de ter un 2 % máis de accións, que o capital privado. A Xunta está hipotecada, e nin Touriño nin Quintana a van deshipotecar, senón que renegociarán a hipoteca.

  5. Tanto a xestión de residuos coma o tratamento e depuración das augas non deberian estar en mans privadas ( e moitas cousas mais). A rentabilidade deberia ser o fin para a que estan deseñadas e non se pode materializar en cartos .
    O tratamento de residuos esta cheo de fraudes e non so en Galiza , tamén no resto da península . O acaecido nestes meses en Sogama pon de manifesto a fraxilidade do sistema. Tamén Nostian e un desastre e non se fala del.
    Agora queren facer no Ribeiro outra macroplanta do lixo e tamén de xestión privada. Danigal (implicada no escandalo Sigre )xa ten mercado terreos na zona e que teñamos que oir o censelleiro que todo vai estar moi controladiño.
    Ninguén se responsabiliza, pasan a pelota dun lado para outro , ninguén dimite , o caso e que en Areosa ( Cerceda ) hay acumulados miles de toneladas de medicamentos de consecuencias imprevisibles.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.