A oposición do Concello de Cuntis á minicentral da Ermida
Imos coñecendo estes días, polos medios de comunicación locais, máis historias sobre o discorrer das obras da minicentral da Ermida, no río Umia. A última dá unha boa idea de como actúa cadaquén e deixa á vista a actitude duns e doutros.
Parece ser que a empresa construtora, Copasa, estaba a sacar pedras e terra do lugar dos traballos para depositalos nun terreo próximo cuxo propietario permitía. Ante isto, a vía libre da que goza a empresa levouse por diante os dereitos dos demais veciños posto que os depósitos chegaron a acadar unha magnitude tal que afectaban a outras propiedades e incluso a vivendas próximas. A prepotencia personificada.
Diante desta situación, os veciños afectados denunciaron a situación ao Concello de Cuntis. Logo de visitar a zona, indicouse que a empresa se comprometera a deixar de actuar deste xeito. Temos que lembrar que non son as primeiras molestias que os traballos lle causan aos veciños, posto que xa no comezo das obras se abriran camiños indiscriminadamente polo monte invadindo incluso propiedades privadas. Todo isto por non citar unha vez máis o impacto ambiental que se causou xa nas inmediacións.
De entre estas informacións, o que podemos tirar son varias conclusións significativas de como están a actuar os diferentes protagonistas desta historia. Cremos que se refliten ben ás claras dúas actitudes: a dos veciños e a da empresa construtora. No caso dos primeiros queda constatada a súa firme oposición, denunciando na medida das súas posibilidades os atropelos que se están a cometer. Se falamos da empresa, é abraiante a prepotencia coa que actúan, sendo sabedores de que contan coa liberdade para facer e desfacer segundo lles conveña, sen necesidade de respectar ningún tipo de dereitos dos veciños nin do común. Ninguén lles vai pedir contas.
E por último, a (o)posición do Concello de Cuntis. Despois de escoitar contos e protagonizar plenos máis próximos á ficción cómica que á máis mínima xestión política, confírmannos agora o moito que se opoñen a unha construción que golpeará un pouco máis o río que din defender, unha construción que permitiron e autorizaron. Sabiamos polas súas propias declaracións que a Sra. Alcaldesa non vai paralizar unhas obras cuxa autorización deu calando. Pero o último que coñeciamos era que se solicitara á Consellaría de Medio Ambiente o expediente completo para ser revisado, do que non tivemos noticia algunha, ben sexa porque non chegou (ao igual ca o informe de Patrimonio para proceder á retirada da simboloxía feixista) ou porque é tan extenso que aínda o están estudando. O que si se dixera é que se estaba a realizar un seguimento exhaustivo das obras para asegurarse do seu correcto desenrolo. Xa vemos o exhaustivo que é ese seguimento…
Pero hai máis. Malia ter afirmado que a súa oposición contraria era firme, o Concello de Cuntis colabora nas obras cedéndolle material de sinalización á empresa construtora, segundo afirman as informacións da prensa local. Total, que a estratexia é silenciar e agardar a que pase o tempo para cando se volte falar do asunto sexa para dicir que a obra está rematada. E pola banda da oposición cuntiense? Pois como até agora: nin unha cousa nin a outra, nin todo o contrario. Non sabemos nada daquela vehemencia coa que esixían a celebración dun pleno extraordinario monográfico para tratar o tema.
No Comments
Trackbacks/Pingbacks