Pages Navigation Menu

A rede de colectivos de Galiza Non Se Vende apoian a marcha contra celulosas.

Galiza Non Se Vende apoia a marcha que organiza a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra contra do complexo industrial ENCE-ELNOSA o vindeiro sábado 2 de xuño con saída ás 19:30 das alamedas de Pontevedra e Marín.

Despois de décadas de vertidos contaminantes, de actividades molestas, nocivas e insalubres para a saúde humana, e de invasión do dominio público marítimo-terrestre na ría de Pontevedra, contravindo a propia Lei de Costas, opoñémonos a que este complexo industrial siga permanecendo na súa actual ubicación en Lourizán.

Denunciamos as dilacións e o compadreo político que, igual ou peor que gobernos anteriores, están ter os actuais gobernos do PP na Xunta e no Estado co lobbie empresarial, traballando a favor dunha nova Avaliación Ambiental Integrada, agora mesmo de moi difícil aprobación grazas a recente sentenza do Tribunal Supremo que anula a supramunicipalidade da industria decretada pola Xunta no ano 2003 e que obrigará a un informe urbanístico favorable do Concello de Pontevedra, e dunha posible permanencia máis aló do 2018 que estaría baseada nunha modificación á medida da Lei de Costas que Miguel Arias Cañete, ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente pretende realizar.

Porén, mais alá desta grave problemática tamén queremos denunciar que detrás desta actividade industrial está a invasión de eucalipto nos nosos montes e os lumes forestais de alto compoñente intencional que se suceden dende que a citada empresa se instalou na actual situación hai cinco décadas. Lumes que ano tras ano van desertizando os nosos montes, perdéndose o solo fértil, ficando a rocha nai descuberta e estragando para sempre os recursos naturais e a rica biodiversidade destes espazos.

Gurgullo do eucaliptoPor engadido, despois de anos da aparición e espallamento do gurgullo parasito do eucalipto, Gonipterus scutellatus, a patronal pasteira ASPAPEL, onde está integrada ENCE, está promover actualmente unha fumigación aérea masiva cun produto químico, o flufenoxurón, que xa foi catalogado como nocivo para a saúde humana e o medio ambiente pola UE, estando xa prohibida a súa fabricación, a súa comercialización a partir do vindeiro 1 de agosto e a súa utilización a partir do 31 de decembro de 2012.

Estas fumigacións afectarían moi negativamente á vida das abellas, outros insectos, fauna insectívora, medio acuático e a propia saúde humana por inhalación ou a traveso da alimentación e mesmo da auga potable. Curiosamente, arruinaría tamén a loita biolóxica emprendida fai anos coa introdución da avespa australiana Anaphes nitens que parasita ó gurgullo e que tamén é  sensible ao flufenoxurón. Están proxectadas en gran parte do litoral galego con eucaliptal afectado, sen distinción de ser espazo protexido ou non, de afectar a cursos de auga ou a núcleos de poboación e pódense cualificar de crime contra o medio ambiente a biodiversidade e a saúde humana. Se finalmente chéganse a levar a cabo, dende Galiza Non Se Vende promoveremos a depuración penal dos responsábeis da súa autorización e execución.

A rede de colectivos Galiza Non Se Vende demanda o desmantelamento inmediato de ENCE-ELNOSA da súa actual ubicación no dominio público marítimo-terrestre na ría de Pontevedra, a recuperación da ribeira do mar e da vida e produción mariña e litoral, a substitución do eucalipto por especies forestais e frondosas autóctonas, e unha reorganización da xestión forestal baseada na prevención, multifuncionalidade e a diversidade produtiva do monte, no seu uso social, colectivo e cultural, que solucione ó actual abandono e contribúa á xeración de postos de traballo.

Rede de colectivos Galiza Non Se Vende

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.