Pages Navigation Menu

A Rede Galiza Non Se Vende perante a mudanza de goberno

O 16 de Abril o Parlamento galego xurdido das últimas eleccións autonómicas investiu a Nuñez Feijóo como novo presidente da Xunta. De novo o PP volta gobernar Galiza. A Rede GNSV, formada na lexislatura que acaba e moi crítica co goberno saínte, desexa posicionarse publicamente a respecto do período que se abre coa maioría absoluta do Partido Popular.

A Rede Galiza Non Se Vende naceu en Novembro de 2007 como evolución da Rede Litoral Vivo, constituída en Febreiro do mesmo ano por diferentes colectivos ecoloxistas e sociais. A Rede GNSV xurdiu estando PSdeG-PSOE e BNG no goberno galego fronte a unhas políticas e prácticas ambiental e socialmente destrutivas, para defender un ordenamento territorial baseado na sustentabilidade ecolóxica e a xustiza social.

Do Parlamento electo nas pasadas eleccións autonómicas sairá un novo goberno, máis, moi probablemente, debido á xa coñecida traxectoria do PP, non á mudanza de rumo que este país e todo o mundo necesita para saírmos da acumulación de crises que alimentamos e padecemos. Se o bipartito foi continuísta, do novo goberno e Parlamento, qué podemos agardar? E se nos guiamos polo labor do PP no goberno e na oposición, polo feito por PSdeG-PSOE e BNG durante esta lexislatura, polo discurso dos tres durante a campaña, e polas declaracións que vén facendo o novo presidente da Xunta… a situación é preocupante.

A Rede Galiza Non Se Vende olla con preocupación as declaracións que Alberto Núñez Feijoo vén realizando. Se grande é o seu desprezo pola lingua, que rexeitamos, maior aínda semella a súa falta de respecto pola terra. Todo indica que o novo goberno autonómico, escudado na crise, non se vai limitar a continuar coas políticas destrutoras do territorio senón que procederá ao seu endurecemento, sen corrixir as prácticas recentemente denunciadas polo Informe Auken no Parlamento Europeo, e empeorando con isto a xa grave situación ambiental e social, local e global.

Evidentemente a razón de ser de GNSV non desaparece coa mudanza de goberno. A Rede continuará a traballar por unha terra viva e unha vida digna para tod@s e farao goberne quen goberne, por iso continuaremos a esixir que se deteña a destrución do territorio e que este se ordene de forma democrática, participativa e seguindo criterios de sustentabilidade ecolóxica e xustiza social.

Asfalto e formigón non son progreso. O tixolo e a marbellización do litoral galego non fan parte da solución, están no cerne do problema. A acuicultura industrial destrúe a terra e o mar. Os recheos nas rías estragan a riqueza natural destas. A minaría a ceo aberto erosiona a biodiversidade e mata o medio rural. Os portos deportivos indiscriminados alteran as correntes e destrúen recursos pesqueiros… As políticas de destrución ambiental e social son absurdas e suicidas, por moito que haxa quen se lucre con elas.

Goberno e Parlamento deberían comezar a lexislatura non atacando a nosa lingua e a nosa cultura senón comprometéndose á prohibición, de facto, de construír a 500 metros da costa e impedindo o emprego especulativo do territorio.

Completando de xeito efectivo e racional o saneamento integral e o tratamento de residuos urbanos do 100% da poboación galega.

Ampliando a superficie natural protexida e dotando de contido real ás diferentes figuras de protección, e respectando tamén paisaxe e patrimonio.

Promovendo o aforro enerxético, implementando redes de carrís bici, promocionando o transporte colectivo intermodal e de proximidade, e paralizando infraestruturas elitistas e agresivas como o AVE. E establecendo unha moratoria a novas autovías, das que Galiza posúe un quilometraxe por habitante moi superior á media española e europea.

Retirando as industrias perigosas e contaminantes e normativizando o seu troco cara a tecnoloxías limpas e sen riscos en espazos axeitados.

Respectando de xeito estrito a abundante lexislación e facilitando, en fin, a participación e libre expresión da cidadanía, tal como esixen as leis, e rendendo contas sen agardar aos resultados dunha nova consulta dentro de catro anos.

A grave crise mundial na que estamos inmers@s non é só económica e financeira senón tamén de modelo de desenvolvemento e enerxética. Se lle engadimos os negativos e irreversibles impactos do cambio climático, a única alternativa posible é un xiro radical que aposte firmemente por un decrecemento racional.

É necesario mellorar e desenvolver redes de transporte público de proximidade; a autosuficiencia, o aforro e a eficiencia enerxética cara ao emprego dun 100% de enerxías renovables e á progresiva eliminación do uso das que non o son; un urbanismo racional que contemple as necesidades reais de vivenda e solo industrial e unha atención máxima polo medio natural.

O respecto á organización tradicional do territorio, ós seus usos e á súa identidade, o potenciamento do sector primario, a promoción da agricultura ecolóxica e da soberanía alimentaria libre de transxénicos, son fórmulas ineludibles. Alén disto, a relación coas outras comunidades e pobos do estado, Europa e o resto do planeta ten que darse en igualdade de condicións, non con pura competitividade, senón con solidariedade e complementariedade.

GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE

Por unha terra viva e unha vida digna para tod@s

4 Comments

  1. Como un pais tan impresionante coma iste, vive xente tan cutre coma os galegos… que ainda por riba desgovernase pra favorecer os intereses doutros páises dentro de España, en Galiza fálase cada vez menos e pior galego e en Cataluña e Euskadi é o revés, e o debate da lingua tráeno aqui porque alí provoca un sentimento antiespañol e aqui antigaleguista… a maioria dos galegos non se sinten orgullosos ser galegos, e nunca defenderán os intereses diste pais, o revés que euscat…

    Alguén poderíame esplicar tal cousa… a resposta téñena a cantidade de galegos que o dia de hoxe vense na obriga de progresar noutro lugar…

    O PP non gañou as eleccións perdérona o BNG e PSOE… hai que prantarlle cara ao eterno continuismo mafioso galego e sobretodo en Santiago que hai máis caciques aqui que en todo Ourense e Lugo… caciques que falan castrapo e teñen coches ecolóxicos.

  2. Fala Beiras de pais “destruído”. Temos que manter alomenos a visión clara das persoas que colaboran na destrución e os xeitos nos que o fan para saber combatilos.

  3. “a relación coas outras comunidades e pobos do estado”? Porque nom cos povos da Península? Portugal é para Galiza só o buraco dos mapas do tempo da tele?
    Tiremos um pouco Espanha da cabecinha.

  4. tes razón visitante

Deixa una resposta a visitante Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.