A Rede Litoral Vivo decide convocar unha gran manifestación para o 17 de febreiro

Como resultado da incorpaoración á Rede Litoral Vivo de novos colectivos procedentes doutras localidades do interior do País, afectadas por diferentes desfeitas non relacionadas co litoral, acórdase por maioría integrar ditas entidades na Rede e denominala “Rede Galiza Non se Vende”. En calquera caso, todos/as estiveron dacordo en manter o esprito co que se criou a Rede Litoral Vivo de non permitir a integración de partidos políticos nen sindicatos. Para a elaboración dunha nova páxina Web da Rede Galiza Non se Vende encargouse Fusquenlla
Para presentar en Rolda de prensa á nova Rede Galiza Non se Vende acordouse agardar a ter elaborada a páxina Web, que terá que ser en breve prazo.
Recalcouse que a Rede é horizontal e que, polo tanto, calquera das entidades que a integran poden, e deben, tomar por si mesmas a iniciativa de convocar as xuntanzas de dita Rede cando sexa preciso, evitando que as convocatorias partan sempre dun mesmo colectivo. Houbo un debate sobre as formas en que se presentaron sinaturas contra o Plan Acuícola e sobre as mobilizacións acordadas para o vindeiro día 4 en Corrubedo. Demandóuse unha maior coordinación entre todos os colectivos que se opoñen a este plan, e prometeuse traballar polas accións unitarias.Todas as entidades que integran a Rede apoiarán e participarán na movilización do día 4 ante a necesidade de frenar o Plan Acuícola, contra a proliferación de piscifactorías e, en suma, contra a privatización e destrución do litoral. Acórdase apoiar como Rede Litoral Vivo, dado que Galiza Non se Vende todavía non foi apresentada públicamente. Por outra banda, acordouse convocar unha grande manifestación nacional por parte da Rede Galiza Non se Vende para o Domingo dia 17 de febreiro do 2008; pois considerouse que convocar unha manifestación nacional antes desa data resultaría precipitado debido á falta de tempo necesario para elaborar o material, convocar a un grande número de entidades, etc. En calquera caso, acordouse participar naqueles actos reivindicativos previstos no que queda de ano e aproveitalos para dar a coñecer a nova Rede e informar da grande movilización. Para preparar a grande movilización do 17 de febreiro do 2008, creouse unha Comisión de traballo integrada por membros de Fusquenlla, A Ria Non se Vende, S.O.S. Courel, Afectados/as polo Vertedoiro de Carvalleda de Ávia (Ribadavia), Burla Negra, Greenpeace e Verdegaia. S.O.S. Courel informou, ademáis, sobre a nova Lei de Minería, comprometéndose a conseguir información sobre o asunto para formular alegacións. Informouse que o 17 de novembro está previsto o Festival Terractiva en Arzúa e que hai dispoñibeis tres stands para publicitarse. Acordouse que a Rede Galiza Non se Vende participe en dito festival e se aproveite un dos stands para dar a coñecela e informar sobre a grande movilización de febreiro.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.