Pages Navigation Menu

A Xunta dá marcha atrás e prégase ás demandas da Fegamp e construtores

O Consello da Xunta acaba de aprobar o proxecto de lei de medidas urxentes en materia de vivenda e solo. Este proxecto, que debe recibir o visto bo do Parlamento, introduce algunha modificación á lei do solo do ano 2002. A partires de agora os promotores só deberán ceder un 40 % de solo reservado para vivenda protexida nos concellos de máis de 20000 habitantes. Nos menores de 20000 esta porcentaxe pode baixar a só un 20%, cando antes era dun 30%. Ademais os concellos de menos de 5000 habitantes están exentos de reservar este tipo de chan. Precisamente a Federación Galega de Municipios e os empresarios da construción fixéronlle saber ao goberno galego o seu malestar pola crise que atravesaba o sector da construción. As medidas que tomou o presidente da Xunta hai menos dunha semana foron motivo de alegría para este sector. Anunciou que a Xunta ía vender aos construtores 6 millóns de metros cadrados de solo público. Agora unha nova concesión aos empresarios da construción ditada polo propio presidente da Xunta e a conselleira de Política Territorial. Se ben a conselleira de Vivenda, a nacionalista Teresa Táboas, opúxose nun principio a esta concesión, non lle quedou máis remedio que ceder ante as exixencias dos seus socios de goberno.

Tendo en conta o exceso de vivenda baleira que existe na Galiza, 300.000 segundo os datos máis optimistas, non parece unha medida sustentábel a creación de nova vivenda, aínda que esta sexa de protección oficial. A carencia deste tipo de vivenda non pode ser subsanada cun aumento da construción, senón cunha política de fomento dos alugueres e coa necesaria rehabilitación dos cascos históricos, sinais de identidade de moitas das nosas vilas.

Merece ser destacada a dilixencia que o goberno amosa antes as exixencias do mundo empresarial, en contraposición ás negativas que ofrece aos colectivos cidadáns. A demanda dunha política que priorice a conservación do territorio ante ameazas graves como o urbanismo, as piscifactorias ou as minas en terreos protexidos, non son atendidas polo executivo galego. Porén o presidente Touriño non vacila en manifestar á saída da reunión do Consello que o proxecto aprobado “sintetiza a fortaleza de criterios, o diálogo e a flexibilidade”, e que esta norma “incorpora” propostas da Fegamp.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.