A Xunta dá por boa a previsión de que Barreiros crecerá un 700%
En plena crise demográfica e do sector inmobiliario, con case 40.000 vivendas sen vender en Galicia, a Xunta deu o visto e prace á memoria ambiental do plan sectorial de Barreiros, que se basea nunha previsión de crecemento da poboación da localidade lucense do 700%. Para chegar a ese cálculo, que faría que un municipio con 3.200 habitantes alcance os 23.500, o plan ten en conta as propias vivendas obxecto da polémica, concedidas en 2006 e paralizadas polo bipartito: ao redor de 5.800, centos delas declaradas xa ilegais de forma definitiva pola xustiza.
As observacións da Consellería de Medio Ambiente á memoria ambiental do proxecto son simples matices, como pedir que se solicite un informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ou recomendar a conservación da trama tradicional dos núcleos afectados. En cambio, valida as previsións demográficas que figuran no plan sectorial, unha ferramenta necesaria para desenvolver o convenio polo que Xunta, Deputación e Concello gastarán 14 millóns de euros nunhas infraestruturas básicas que, de acordo coa lei, deberon correr a cargo dos promotores. A memoria ambiental recoñece que esas infraestruturas obxecto do convenio non existen, o que equivale a asumir que non se trataba de chan urbano.
A legalización das polémicas urbanizacións de Barreiros segue adiante, coa aprobación da avaliación ambiental estratéxica que pretende dar cobertura ao caos urbanístico do concello lucense. É o paso previo e necesario para que se materialice o investimento de 14 millóns de fondos públicos para dotar de servizos a 5.800 vivendas autorizadas en 2006 polo alcalde, Afonso Ponte Parga, do PP, centos delas xa declaradas ilegais, en terreos que non tiñan a condición de solar.
A resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, da Consellería de Medio Ambiente, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 28 de xuño, introduce apenas catro pequenas modificacións no Plan Sectorial. Este documento contempla a dotación de servizos de saneamento, abastecemento e rede viaria que non pagarán os promotores, como obriga a lei, senón a Xunta, a Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros. A consellería dá por boas, entre outras consideracións, unha previsión demográfica que estima en 23.500 os habitantes da localidade, que sumaban 3.203 no padrón de 1 de xaneiro de 2010 e con tendencia a descender.
Para realizar esa proxección, o estudo do territorio tivo en conta as licenzas concedidas no ano 2006, é dicir, as 5.800 vivendas obxecto da polémica. A previsión de habitantes considerou tamén “os usos gandeiros da zona interior do Concello”.
En resposta a unha alegación do colectivo Galiza Non Se Vende, os promotores do plan explican que basean as súas previsións de crecemento na poboación actual, os consumos reais de auga potable dos últimos 10 anos e “a poboación no ano horizonte, en base ás vivendas proxectadas”. O plan resta importancia á “tendencia descendente da poboación censada”, e sostén que “a real” nos meses de verán chega a alcanzar os 14.00 habitantes, segundo un cálculo realizado polo consumo de auga. “Esta poboación real actual verase incrementada coa ocupación das vivendas en fase de construción ou proxecto”. Para iso, considerouse o 95% das vivendas afectadas en construción e o 41% das que non viron moverse un ladrillo.
As únicas observacións que realiza Medio Ambiente ao procedemento ambiental do plan de Barreiros son as seguintes: que se xustifique a dispoñibilidade dos recursos hídricos para o abastecemento e o saneamento, que se solicite un informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre elementos afectados, rectificacións na documentación gráfica da rede viaria e “procurar a conservación da trama tradicional” dos núcleos e que se integren os diferentes modos de transporte.
O plan sectorial xustifícase pola intención de “dar resposta ás necesidades das promocións que se desenvolveron”, a pesar de que moitas delas xa foron declaradas definitivamente ilegais polo xuíz, e “resolver o déficit de infraestruturas”. Para iso, propón dúas novas depuradoras, un sistema de saneamento, a renovación da captación de augas, unha estación potabilizadora, a renovación dun quilómetro de conducións e unha rúa para dar acceso rodado aos novos edificios, entre outras obras.
Para xustificar o plan sectorial, o Concello de Barreiros sostén que as licenzas concedéronse en chan urbano, a pesar de recoñecer que “non contaba coas infraestruturas básicas de abastecemento, saneamento e acceso por vía pública”. As sentenzas xudiciais do caso descartan que se trate de chan urbano, xa que non pasou por un proceso de urbanización previo “que supere a consideración de obras de pequena entidade”.
No Comments
Trackbacks/Pingbacks