Pages Navigation Menu

A Xunta oculta os problemas de calidade do aire en Galicia

A Consellería de Medio Ambiente oculta os problemas de calidade do aire en Galicia, incumprindo as disposicións legais sobre información ao público, trasladando ou deixando fóra de funcionamento estacións de medición da calidade do aire, ou non medindo determinados parámetros. Unha parte considerable da poboación galega, que vive en cidades ou en certos contornos industriais, respira aire contaminado. É o que pon de manifesto o informe “A calidade do aire en Galicia.Balanzo 2007”, de Verdegaia e Ecologistas en Acción.A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental continúa a incumprir as disposicións sobre información ao público contidas na normativa de calidade do aire, negándolle á cidadanía o dereito a unha información suficiente, clara e rápida. De persistir esta situación, Verdegaia e Ecologistas en Acción presentarán unha queixa perante o Valedor do Pobo.

Ademais, hai indicios dabondo de que desde a Consellería de Medio Ambiente se procuran ocultar as superacións dos valores límite de concentración de contaminantes no aire estabelecidos na lexislación, trasladando ou deixando fóra de servizo estacións de medición da calidade do aire, non garantindo o seu bo funcionamento ou ocultando información sobre os parámetros medidos. Por exemplo, no informe oficial sobre a calidade do aire en 2007 non se inclúe información para os parámetros e as estacións de medición nas que se rexistraron superacións dos valores límite legais en 2006, sobre as que Verdegaia e Ecologistas en Acción chamaron a atención no seu día. Incluso dúas estacións nas que se detectaron superacións dos valores límite en 2006 foron eliminadas (“Campo de fútbol”, no contorno de FINSA en Santiago, e “Escola Naval”, no contorno ENCE, en Marín), mentres que outra foi trasladada (a estación urbana da cidade de Santiago).

Aire contaminado en cidades e contornos industriais

A calidade do aire en Galicia non se pode considerar moi boa, como se asegura desde a Xunta. Mesmo coa limitada información dispoñible, pódese afirmar que os habitantes das cidades galegas e do contorno dalgunhas industrias, como ALCOA-San Cibrao, ENCE ou FINSA, están expostos a níveis de contaminación atmosférica nocivos para a saúde. Aínda que en 2007 só se rexistrou unha superación dun valor límite legal (para dióxido de nitróxeno, NO2, en Santiago), en todas as sete principais cidades superáronse os valores de partículas inferiores a dez micras (PM10) -o contaminante máis preocupante para a saúde humana- recomendados pola Organización Mundial da Saúde. Ademais, en Ferrol, A Coruña, Santiago e Vigo tamén se superou o valor medio anual de NO2 que estará legalmente en vigor en 2010.

A Xunta e os Concellos das principais cidades seguen sen preocuparse pola deterioración da calidade do aire. Verdegaia e Ecologistas en Acción demandan a mellora da rede galega para a vixilancia da calidade do aire, o cumprimento estrito da lexislación sobre acceso á información e a adopción de planos para a mellora da calidade do aire en cidades e contornos industrais. Neste sentido é fundamental a aplicación nas cidades e as súas áreas de influencia de Planos de Mobilidade Sustentable que disuadan o uso do coche e fomenten a marcha a pé, a bicicleta e o transporte público colectivo.

O informe “A calidade do aire en Galicia. Balanzo 2007” pretende debuxar unha imaxe da situación da calidade do aire en Galicia durante o ano 2007. Baséase nos datos oficiais ofrecidos pola Consellería de Medio Ambiente a través da súa web. Complementa o informe “La calidad del aire en el Estado español.Balance 2007” de Ecologistas en Acción, que non recolle datos sobre Galicia, pois a Xunta foi o único goberno autonómico que non forneceu a tempo ningún tipo de información para a realización dese informe.

Descarga aquí o informe: A calidade do aire en Galicia Balanzo 2007

One Comment

  1. Propongo vigilancia y seguimiento de la red natura porque viendo distintos artículos de periódicos y noticias de varios medios parece que detrás hay una intencionalidad y planificación contra estos espacios con objetivos estratégicos y particulares.
    Que asco da decir esto pero es demasiado casualidad ver como en el encoro de un río en Ordenes se talan simultaneamente muchos arboles de ribera. En las ultimas semanas no dejo de ver este tipo de atentados justo en donde la red natura contempla crear los projectos. No olvidemos que en salvar estos projectos radica la supervivencia o no de nuestra sociedad en el futuro medio plazo.
    Añado por ultimo el estado lamentable del rio Avia que solia estar cristalino y estaba marrón opaco debido segun dicen por los sedimentos por obras.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.