A Xunta recorre a licenza de obra dos edificios previstos fronte ao Parque Rosalía de Lugo

(Vieiros: Galiza Hoxe, 6-6-08)

Os servizos xurídicos do Goberno presentaron o recurso o pasado 22 de maio a instancias de Cultura. Segundo publica este venres o diario El Progreso, os servizos xurídicos da Xunta -a instancias da Consellería de Cultura– presentaron o pasado 22 de maio un recurso contencioso administrativo contra a licenza de obra da urbanización prevista ao carón do Parque de Rosalía de Castro.

A xunta de goberno do Concello de Lugo, que preside Xosé Clemente López Orozco, aprobou o 26 de marzo o permiso para iniciar a construción da primeira fase do proxecto, e case dous meses despois presentábase o recurso por vía de urxencia no xulgado do contencioso-administrativo da cidade.

No entanto, segundo explica o diario lucense, o informe emitido polos servizos xurídicos aínda ten que ser revisado polo Consello da Xunta. O motivo da actuación por parte do departamento que dirixe Ánxela Bugallo é que o proxecto de edificación non conta cos “informes vinculantes” de Cultura, imprescindíbeis para autorizar as obras.

Termas e antigo sanatorio
Isto é debido a que a parcela onde está previsto que se levante a urbanización, composta por seis bloques de vivendas, está ao carón dun edificio protexido, o antigo sanatorio García Portela, e dentro da área de influencia das termas romanas, sinalan dende Cultura.

A Asociación pola Defensa do Parque Rosalía, que forma parte do colectivo Galiza Non Se Vende, leva presentadas no rexistro municipal do Concello de Lugo máis de 12 mil sinaturas en contra da construción das torres.

One Comment

  1. Pasádevos por Rede Ribeiro. Lo mas

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.