Absoltas as 10 persoas de A Ría Non se Vende imputadas polos feitos de Toralla
O Xulgado número 6 de Vigo ven de dictar sentenza absolutoria para as 10 persoas imputadas nun xuízo de faltas no que se lles acusaba “dunha falta leve de respecto e consideración debida á autoridade”.
Os feitos xulgados refírense a unha concentración lúdica e pacífica na praia de Toralla que, aquela tarde do pasado 13 de setembro, foi “invadida” por músicos, “piratas” e navegantes aventureiros que reivindicaban o dereito cidadán (estipulado pola lexislación vixente) de acceso ao litoral. Algo que nesa illa, símbolo da especulación, non se compre. Os incidentes que deron lugar a este xuízo deriváronse da intervención dunha dotación policial antidisturbios cando o acto xa tiña rematado.
A fiscal pedía para cada unha das persoas acusadas unha multa de 350 euros por considerar probado que proferiron insultos contra os policías actuantes. A sentenza, pola contra, considera que non quedou “acreditada a responsabilidade e participación dos denunciados” nos feitos que se lles imputaban.
Ademais, e polos mesmos feitos, un total de doce persoas foron sancionadas pola Subdelegación do Goberno con multas que oscilan entre os 350 e os 600 euros, sancións que, en base a esta resolución xudicial absolutoria, están sendo agora recorridas.
A Ría Non se Vende solicita a Costas o deslinde da Illa de Toralla
A rede de colectivos A Ría Non se Vende solicitou formalmente á Dirección Xeral de Costas en Madrid e ao Servicio Periférico de Costas de Pontevedra o inicio dun expediente de deslinde do litoral da Illa de Toralla e a consecuente recuperación dos terreos de dominio público marítimo terrestre.
Actualmente o acceso público ao litoral de Toralla non é posible ao estar ilegalmente pechado o paso, podéndose acceder tan só á praia onde remata a ponte, pero non percorrer todo o perímetro litoral da illa. Restablecer a legalidade e que toda a cidadanía poida disfrutar dun espazo costeiro que lle pertence por dereito é o fin que perseguimos con esta actuación.
Comentarios recentes