Pages Navigation Menu

Adeus Monte Pindo!

Outro incendio máis. Día tras día, semana tras semana, mes tras mes, ano tras ano, lustro tras lustro, década tras década. Outro incendio máis, e os gobernos, “libres de culpa”, piden a colaboración cidadá contra as persoas pirómanas, presentadas como únicas culpables de esta lacra social, mentres lexislan plans estratéxicos que entregan o territorio a multinacionais acuícolas, eólicas, mineiras, enerxéticas e à industria das celulosas e madereiras que miran como os incendios esnaquizan os valores naturais, etnográficos, arqueolóxicos e patrimoniais de Galicia para maior gloria da súa conta de resultados.

pindo

Outro incendio máis logo de miles deles, sen que os gobernos fagan ningún exercicio de autocrítica. Galiza arde, mais os gobernos non fallan. O sistema é óptimo, o problema é a piromanía. Cando antes facían falta 30 anos para cambiar o uso forestal do monte queimado, agora chega con dous e, si a Xunta o permite, nin iso. Cando antes estaba prohibida a venta de madeira queimada, agora pódese, incluso o goberno da xunta presiona, mediante sancións económicas, para que se faga canto antes. En vez de recuperar o monte con especies autóctonas, promóvese a repoboación extensiva coas especies pirófitas de sempre. Son estas medidas óptimas contra os lumes?

No será ao revés?. Non será que a degradación incesante do monte como ben común e propiedade comunal permite a súa privatización a baixo prezo, e isto favorece o desmantelamento da Galiza rural?   Non serán os lumes parte dun proceso deliberado?

Outro incendio máis. No que vai de ano ardeu Oia, O Barbanza, O Rosal, O Condado-A Paradanta, Terras de Monterrei, O Bolo, A Ribeira Sacra, A Fonsagrada, A Limia, Os Ancares… e agora o Monte Pindo. A cobiza e a tolemia non respectan nin os lugares máis senlleiros da nosa Terra.

Outro incendio máis, pero a infalibilidade papal dos gobernos déixannos desarmados co son da lira mentres arde Galiza.

Outro incendio máis, e xa non podemos contalos. Non será que a teimosía no fracaso non é tal? Non será que é imposible tanta incompetencia?

Onte ardeu o Monte Pindo. Non hai palabras de consolo para as nosas compañeiras e compañeiros , nin para nós. Non hai alivio. Só nos quedan a rabia e a loita. A rabia pola criminalidade impune que destrúe a natureza, o noso patrimonio, o noso ser. A furia polo desleixo e a ineptitude con que os gobernos agochan a súa culpable connivencia. E a loita cada vez máis dura pola rexeneración da terra ferida e polo cambio dun sistema político económico criminal e biocida.

 GALIZA NON SE VENDE !

 WWW.MONTEPINDO.ORG

——————————————

A Asociación Monte Pindo Parque Natural COMUNICA:

  • Convocamos un Roteiro reivindicativo de subida ao Monte Pindo o día sábado 28 de setembro de 2013, con saída simultánea ás 11:00 horas desde O Pindo (Carnota), Caldebarcos (Carnota), e o Fieiro (Mazaricos).
  • Chamamos a toda a cidadanía galega e as organizacións sociais a concurrir nunha gran Manifestación Nacional, propoñendo como data o domingo día 6 de outubro de 2013, ás 12:00 horas na Alameda de Santiago de Compostela, con obxecto de esixir un cambio radical na política forestal da Xunta de Galicia e no tratamento das problemáticas dos espazos naturais protexidos.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.