Alegacións de Fusquenlla ao PXOM de Pontedeume (I)
Esta é a primeira parte do resumo que iremos publicando coas alegacións entregadas hai uns días no Concello.
A súa aprobación inicial, en novembro do ano pasado, supuxo a culminación dun proceso que estivo rodeado de trabas, torpezas e oscurantismo. O apoio prestado polos partidos da oposición ao documento e a opinión do alcalde acerca do desinterés da cidadanía polo Plan foron parte da campaña oficial para fomentar o desinterese e a desinformación entre a cidadanía.
Á vista da posición despregada pola clase política deste concello, este colectivo decidiu plantexar un debate aberto sobre o planeamento urbanístico. Froito desas reflexións é un traballo que recolle as opinións e comentarios de moitos cidadáns que non somos indiferentes con respecto a un modelo de vila feito a medida dos intereses duns poucos.
UN PLAN IRRACIONAL, ESPECULATIVO E IRRESPECTUOSO CO PATRIMONIO NATURAL E CULTURAL
1.- O PXOM non respecta os principios de utilización racional dos recursos naturais e desenvolvemento sostible
As perspectivas de crecemento da construcción, estimado en mais do 20%, (925 vivendas nos próximos 10 anos), non se axustan ás previsións demográficas, que, segundo as estadísticas oficiais, confirman unha perda significativa de poboación.
En contraste con este panorama, advírtese un progresivo deterioramento do casco histórico, un gran número de vivendas baleiras (15%), unha escasa atención á rehabilitación e unha elevada porcentaxe de segundas residencias (17%), indicativos do modelo irracional e insostible que PXOM propón perpetuar.
2.- As novas previsións de vivendas carecen dunha correspondencia coa suficencia nas infraestructuras.
Recoñecendo o PXOM a deficiencia nas actuais redes de suministro de auga,saneamento, suministro eléctrico, recollida de lixo e alumeado non se prevén mais infraestructuras que as propias das novas urbanizacións, en conexión directamente ás actuais e obsoletas redes. Tampouco se fai previsión presupuestaria nin se establecen plazos de execución para actualización e reforzo das redes existentes.
3.- O PXOM incumpre os niveis de calidade de vida e cohesión social esixidos pola LOUGPMR.
O PXOM non cumple coa proporción de espazos libres e zonas verdes. No ámbito urbano de Pontedeume existe un déficit claro e moitas das zonas computables como espazos libres e zonas verdes son lugares alonxados do núcleo. Nestas circunstancias resulta contraproducente aumentar a edificabilidade e incrementar as alturas.
As necesidades de equipamento non son contempladas (garderías, geriátrico,..), agás un auditorio, cuxa ubicación é inadecuada segundo a LOUGPMR, e un aparcadoiro soterrado de dubidosa viavilidade económica e nun dos poucos espazos verdes da vila. Núcleos como Ver e Arbosa, que nin sequera dispoñen de equipamentos, son equiparados ao casco histórico.
4.- O PXOM contravén as esixencias das Normas de Calidade Urbana da LOUGPMR.
Non se cumpren os mínimos de calidade ambiental en canto á regulación das alturas e edificabilidade, xerando condicións de infravivenda (apantallamentos, falta de iluminación natural, ventilación). Os voladizos permitidos son excesivos, contribuindo ao escurecemento das rúas máis estreitas.
E as solucións en parcelas con rúas en diferente altura (Casa de don Pablo) provocan brutais impactos visuais na paisaxe urbana.
Comentarios recentes