Pages Navigation Menu

Aprobado o PXOM de Vigo a pesares dunha forte contestación social

O Goberno bipartito de Vigo aprobou hoxe o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da cidade, cos votos favorables de BNG e PSdeG, e o rexeitamento do PP, no medio das protestas de veciños que tiveron que quedar ás portas do concello ante a imposibilidade de acceder á sala de Plenos.
Estes veciños, en torno a dous centenares, permaneceron concentrados ás portas da casa do concello berrando consignas contra o plan e contra o Goberno local, lanzando ovos e petardos contra os cristais do edificio. A presidenta da Federación Veciñal, Elena González, riscou de “escándalo” que o PSdeG “enchese a sala cos seus militantes metidos pola porta de atrás para que non puidese estar ningún veciño afectado”.
A Federación de Asociacións Veciñais ‘Eduardo Chao’ de Vigo estuda a posibilidade de presentar unha denuncia nos xulgados contra o Goberno local, por impedir hoxe o acceso dos veciños ao salón de Plenos, onde se votou a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Segundo explicou a presidenta da Federación, Elena González, a entidade que representa púxose en contacto cun avogado “para saber de que forma se pode presentar esa denuncia e contra quen”, ao tempo que recordou que “o acontecido hoxe é un escándalo sen precedentes”.
González denunciou que o alcalde actuou hoxe cunha “falta de democracia gravísima e intolerable” e criticou que “encheron a sala con xente que meteron por detrás” para impedir que os afectados polo Plan puidesen asistir á sesión plenaria que, tal e como se reflicte na Lei de Bases de Réxime Local, é pública.
A sesión comezou ás 9.00 horas da mañá sen que ningún dos veciños que facían cola (algúns dende as 5.00 horas da mañá) á porta da Casa do concello puidese acceder ao salón. De feito, a esa hora, a zona destinada ao público nese salón xa estaba ocupada por uns 40 militantes e cargos do PSdeG, entre eles, os deputados Manel Gallego e Abel Losada, e o concelleiro do Concello de Gondomar, Alfonso de Lis. Os veciños, máis de 200, concentráronse durante toda a mañá no exterior do Concello, coreando consignas contra o PXOM e contra o Goberno local, ao tempo que lanzaban ovos e petardos contra os cristais do salón de Plenos.
Antes de iniciarse o Pleno e ao final da sesión, o vicevoceiro do PP, José Manuel Figueroa, pediu a celebración dunha Xunta de Voceiros para “saber quen entrou na sala e con qué criterios”, xa que os veciños denunciaron que os presentes eran militantes socialistas e que non se permitiu o acceso aos afectados polo PXOM que esperaban fóra do edificio municipal.
Figueroa acusou o alcalde de presidir un “pleno clandestino” e de actuar con “escurantismo”, ao tempo que lle recordou que “hai que estar para todo, o bo e o malo”. Ademais, lamentou que o BNG fose “cómplice” do acontecido e que quizais “ten algo que ocultar”.
No Pleno de hoxe quedou aprobado o Plan Xeral de Ordenación Municipal, cos votos favorables do PSdeG e BNG, e o voto contrario do PP. O documento será remitido agora á Consellería de Política Territorial da Xunta para que informe sobre a súa legalidade. (Europa Press)

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.