Artigo científico: Avaliación Global dos Efectos da Acuicultura do Salmón sobre os Salmónidos Salvaxes
O impacto do cultivo do salmón sobre o salmón e a troita salvaxes é un tema moi debatido nos países onde as granxas de salmón e o salmón salvaxe coexisten. Diferentes traballos científicos teñen amosado con claridade que salmóns fuxidos das granxas crúzanse coas poboacións salvaxes cun detrimento para estas poboacións, e que diversas enfermidades e parásitos son transmitidas do salmón cultivado ao salmón salvaxe. Porén, existía unha falta de cuantificación da importancia destes impactos ao nivel das poboacións. Neste estudo empréganse datos de poboacións de salmón para comparar a supervivencia do salmón e troita que teñen contacto con granxas de salmón nas primeiras fases do ciclo de vida coa supervivencia de poboacións cercanas que non están expostas a estas granxas. Os investigadores teñen detectado unha redución significativa da supervivencia das poboacións expostas ás granxas de salmón, redución que está correlacionada co incremento na produción de salmón cultivado en cinco rexións diferentes. Combinando estatísticamente as estimas rexionais, os investigadores toparon unha redución media na supervivencia ou na abundancia das poboacións salvaxes de máis do 50% por xeración, asociada co cultivo do salmón. Moitas das poboacións de salmón investigadas están a sofrer unha importante redución en abundancia, e cómpre reducir as ameazas sobre estas poboacións para garantir a súa supervivencia. A redución dos impactos da acuicultura do salmón sobre o salmón salvaxe debería ser unha prioridade.
Consultar o artigo completo (en inglés) na revista científica gratuíta PLOS Biology
Comentarios recentes