As centrais térmicas de carbón continúan sendo grandes fábricas de cambio climático
En 2008, as centrais térmicas de carbón galegas xeraron menos do 30 % da electricidade, mais foron responsables do 82,4% das emisións de dióxido de carbono (CO2) do sector eléctrico en Galicia. O informe da asociación ecoloxista Verdegaia “Centrais térmicas de carbón: grandes fábricas de cambio climático” pon de manifesto que, malia a diminución da súa produción nos últimos anos, as térmicas de carbón de Meirama e As Pontes continúan a contribuír de xeito moi destacado á mudanza climática. A substitución total do carbón -o combustible fósil máis contaminante- por aforro enerxético e renovables é a prioridade número un da loita contra o cambio climático.
As principais conclusións do informe “Centrais térmicas de carbón: grandes fábricas de cambio climático” son as seguintes:
■ A electricidade que producen ás térmicas de carbón de ENDESA e UNIÓN FENOSA (agora GAS NATURAL) na nosa terra é, con moito, a máis intensiva en emisións de CO2, o principal gas de invernadoiro: 0,89 toneladas de CO2/MWh fronte a 0 das renovables e a 0,26 das centrais de ciclo combinado a gas natural, máis eficientes e menos contaminantes que as de carbón. O carbón é o combustible fósil máis prexudicial para o clima. Por esta e por outras moitas razóns, as centrais térmicas de carbón non son compatibles cun futuro enerxético sustentable.
■ As emisións de CO2 das centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama representan o 39,5% das emisións totais de Galicia que contribúen ao cambio climático global (en 2007, último ano para o que se dispón de datos oficiais sobre as emisións totais), sendo a principal causa de que o noso país presente unhas emisións por habitante moi elevadas. Por factores como a crise, o crecemento das renovables e a posta en marcha das centrais de ciclo combinado de Sabón e As Pontes, as emisións das térmicas de carbón galegas diminuíron desde os 14 millóns de toneladas de CO2 en 2007 aos 7,3 en 2008 e aos 6,9 en 2009. Malia este descenso, a súa achega á mudanza climática é aínda semellante á de todo o sector do transporte, o segundo sector máis emisor en Galicia despois do eléctrico.
■ O sistema europeo de teito e comercio de emisións de CO2 estase a revelar pouco eficaz -especialmente logo do inicio da actual crise- na redución das emisións, por causa do exceso de permisos gratuítos de emisión asignados ás empresas polos gobernos, en particular polo español. Éste desincentivou pouco a produción de electricidade a partir de carbón no Plan Nacional de Asignación (PNA) 2008-2012.
Verdegaia considera unha excelente noticia que nestes momentos as centrais térmicas de carbón estean paradas, mais o que hoxe é conxuntural debería se tornar permanente canto antes, pois no contexto da crise climática e habendo outras alternativas, non se xustifica nin é necesaria a produción de electricidade co combustible fósil máis sucio. As circunstancias que explican o cesamento temporal da produción das térmicas de carbón sinálannos o camiño a percorrer para o abandono definitivo do carbón: decrecemento do consumo e crecemento das renovables.
Xunto con outras organizacións, Verdegaia promove a celebración, con motivo do Día da Terra, dunha “Andaina polo clima” baixo o lema “O clima non está á venda” o 24 de abril entre a central térmica de Meirama de UNION FENOSA-GAS NATURAL e a incineradora de SOGAMA, na que, entre outras cousas, se demandará o peche das centrais térmicas de carbón.
Comentarios recentes