As emisións galegas de gases de efecto invernadoiro aumentaron o 20,5% entre 1990 e 2006
Segundo datos facilitados polo Ministerio de Medio Ambiente a solicitude de Verdegaia, entre 1990 e 2006 rexistrouse un aumento das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) en Galicia do 20,5%. Este e outros datos aparecen recollidos no informe de Verdegaia “As emisións de GEI en Galicia (1990-2006)”, no que se difunden publicamente por primeira vez datos sobre as emisións nos anos 2005 e 2006. Con motivo do Día da Terra, Verdegaia demanda novamente á Xunta que elabore dunha vez un Plano para a Redución das Emisións de GEI. O sector do transporte é o que máis está a contribuír ao aumento das emisións de gases que provocan o cambio climático. Entre 1990 e 2006, o transporte duplicou as súas emisións. O 60% da diferenza entre as emisións de 1990 e as de 2006 débese ao transporte. Entre as causas deste crecemento desbocado das emisións do transporte, superior ao da inmensa maioría dos países desenvolvidos, está o crecemento urbanístico difuso -que aumenta as necesidadesde desprazamento-, unha política desmesurada de construción de novas infraestruturas de transporte -que favorece aínda máis o coche e o camión-, ou a insuficiencia das medidas de promoción dos modos de transporte sustentables (marcha a pé, bicicleta, tren, autobús,…).
A pesar do crecemento tan forte das emisións do sector do transporte, a produción eléctrica nas centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama segue a ser, con diferenza, a principal fonte de GEI, supoñendo o 37% das emisións totais en 2006, fronte ao 20% do transporte, o segundo sector que máis contribúe ao cambio climático desde Galicia. Coa posta en marcha do comercio de emisións de dióxido de carbono (CO2) a nivel europeo en 2005, as emisións das centrais de carbón galegas diminuíron en 2,6 millóns de toneladas, o que explica a diminución das emisións totais de GEI rexistrada no noso país entre 2004 e 2006. Isto amosa o elevado potencial de redución de emisións a curto prazo que presenta a substitución da produción eléctrica con carbón, potencial que o Goberno estatal e a Xunta só queren aproveitar nunha pequena parte, para non contrariar o interese das empresas eléctricas de usar carbón na produción eléctrica, malia ser o combustible máis contaminante.
Para cando un Plano Galego de Redución das Emisións de GEI?
Na véspera do Día da Terra, que se celebra mañá en todo o mundo, Verdegaia demanda novamente do Goberno galego que cumpra dunha vez o seu compromiso de aplicar un ambicioso Plano Galego para a Redución das Emisións de GEI. Cando xa entramos na recta final da lexislatura, e cando xa se iniciou o primeiro período de cumprimento do Protocolo de Quioto (2008-2012), nin tan sequera se coñece publicamente un borrador deste Plano. O último prazo superado para a presentación do Plano, anunciado en numerosas ocasións desde o comezo da lexislatura e sucesivamente adiado, foi o do 1 de xaneiro pasado, fixado na Estratexia Española de Cambio Climático e Enerxía Limpa (EECC e EL). Verdegaia sospeita que este Plano esta a ser bloqueado por Consellerías como a de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes ou a de Innovación e Industria.
As nosas emisións por habitante son superiores ás emisións medias española, europea e mundial
A contribución relativa do noso país ao maior problema ambiental global segue a ser moi alta. As nosas emisións de GEI por habitante son mesmo superiores ás emisións medias do Estado español e da UE, que xa están moi por riba da media mundial e do que sería ambientalmente aceptable. Galicia, como país desenvolvido cunhas elevadas emisións per cápita, debería facer un esforzo moi importante para reducir as súas emisións, se quere contribuír a prevenir un cambio climático de consecuencias catastróficas nas próximas décadas, do que Galicia non só sería coresponsable senón tamén vítima importante, como están a advertir as investigacións científicas.
Cómpre máis información sobre a evolución das emisións
Verdegaia demanda da Xunta e do Goberno estatal que dean ampla difusión á información sobre as emisións de GEI, ao se tratar dun indicador fundamental para avaliar o avanzo ou retroceso en materia de sustentabilidade. Neste senso, denunciou perante o Valedor do Pobo o incumprimento por parte da Xunta do artigo 34 da Lei 8/2002 de protección do ambiente atmosférico de Galicia, que obriga a presentar anualmente un informe que conteña información sobre as emisións dos GEI, e as súas fontes, así como sobre as medidas de prevención adoptadas e os progresos acadados.
Descarga aquí o informe: As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro en Galicia (1990-2006)
Comentarios recentes