Pages Navigation Menu

As mentiras do oso

Despois do atropelo dun oso pardo en Trabadelo (León) e como fai pouco outro exemplar foi abatido a tiros, tamén nas proximidades; queremos aclarar:

1.- Trabadelo atópase na ribeira do río Valcárcere, liña divisoria entre as serras do Courel e Ancares, pertencentes ambas a Cordilleira Cantábrica. O oso pardo estase a recuperar gracias aos fondos europeos que xestionan  a Fundación Oso Pardo e varios concellos asturianos, entre eles o de Somiedo. O aumento do nº de exemplares fai que a súa presencia na Serra do Courel sexa habitual, detectándose no 2008 a presencia de exemplares diferentes en Trabazas do Cebreiro e en Ferreirós de Arriba.

2.- Lamentamos a falta de coidado da Xunta de Galicia e da Xunta de Castela-León, ao non habilitar pasos de fauna para a Autovía A6 e para a N-VI, véndose estes “exemplares viaxeiros” obrigados a sortear a circulación de vehículos, ou quedar illados en calquera das dúas marxes.

3.- Lamentamos tamén, que a Xunta de Galicia, esconda a presencia do oso no Courel,  co fin de evitar, o escándalo da desgraciada xestión ambiental que están a levar a cabo as Consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural, así como a ausencia total do Concello

4.-  Esta ocultación intencionada, fai que o Courel perda ano tras ano a chegada de Fondos Europeos, que si reciben o Pricipado de Asturias e os seus Concellos.

5.- Mentres en Asturias presumen de oso e fan unhas reforestacións e coidados no monte destinados a proporcionarlle alimento ao plantígrado, con castiñeiros, faias e árbores froiteiras; no Courel a Xunta está a repoboar con plantas pirófitas e desolando o monte con pistas e cortalumes.

6.- En Asturias todos os territorios con presencia de oso están protexidos con varias figuras de protección solapadas; nembargantes o Courel aínda non é Reserva da Biosfera, cando xa gozan de tal galardón o 60% dos territorios da Provincia de Lugo, e por suposto a Xunta non ten intención de declaralo Parque natural, a pesares da acostumada e cansiña rumoroloxía preelectoral  de sempre, coa única intención de protexer “lucros varios”.

7.- O Courel cos seus centos de cavidades subterráneas calcarias, cos seus soutos, devesas e prados naturais, desgraciadamente é o único hábitat galego apropiado para recuperar  e presumir de oso en Galicia.

8.- Pero desgraciadamente a Xunta de Galicia, comezará coas súas profecías disuasorias de que se o oso vai pasar fame, que se vai pasar moito frío, de que ten nostalxia e que quere marchar, como xa ocorreu cada vez que o pobre animal se asoma nos medios de comunicación:

 http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2006/05/29/4814831.shtml

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.