Pages Navigation Menu

As obras de acondicionamento da praia de Cedeira alteran o ecosistema do areal

Un ano máis no Concello de Cedeira inícianse as obras de presunto “acondicionamento” do areal da Magdalena de cara ao verán, sen ningún tipo de estudo de impacto ambiental e sen ter en conta os danos ambientais que supoñen. Nesta ocasión nin sequera se instalaron carteis indicando o propósito, a duración e o presuposto da obra. Hai que lembrar que o ano pasado as obras emprendidas pola Demarcación de Costas en Galicia, que duraron tres meses e contaron cun orzamento superior ao millón de euros, quedaron reducidas a nada en cuestión de días polos primeiros temporais do outono.Incluso foron prexudiciais para o propio areal, xa que se aportaron materiais como pedras de gran tamaño, restos de obra e vidros que estaban enterrados nas zonas de extracción e agora quedaron ao aire na liña de praia.

Nesta época do ano, o areal de Cedeira é unha zona importante de acubillo para moitas especies de aves que se alimentan neste areal e outras que realizan a súa migración primaveral. Entre as especies afectadas están a gaivota patiamarela, a gaivota chorona, a gaivota cabecinegra, o carrán común, o carrán cristado, o carrán pequeno, o mazarico chiador, o mazarico rubio, o pilro curlibico, o pilro tridáctilo, así como a píllara real e a píllara das dunas. Esta última especie, coñecida científicamente como Charadrius alexandrinus, atópase no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como “vulnerable”, atopándose as últimas colonias de nidificación de Galicia nos areais da Costa Ártabra. Está constatada a súa cría en Valdoviño, soportando a presencia de bañistas e veraneantes, polo que non sería raro que tamén escolleran a praia de Cedeira para criar, sempre que as continuas obras o permitisen.

Por outra banda, na praia está constatada a presencia de máis de setenta especies de moluscos, moitas das cales probablemente morrerán ao removerse e alterarse continuamente o sustrato no que viven.

Ademais dos prexuízos ambientais, os ruídos e as vibracións da maquinaria pesada a menos de trinta metros do CEIP “Nicolás del Río” están a ocasionar continuas molestias ao profesorado e ao alumnado do centro.

Por último dende Verdegaia queremos lembrar que ata o momento a única causa coñecida para explicar a ausencia de area na Praia da Magdalena é o espigón do porto pesqueiro, sendo esta circunstancia de sobra coñecida pola Demarcación de Costas. Sen embargo, en vez de buscar unha solución definitiva ao problema, a administración ambiental adícase a desbaldir cada ano centos de miles de euros en “acondicionamentos” que o mar se encarga de “reacondicionar” rápidamente, xa que as mareas e os temporais arrastran rápidamente fóra do areal os miles de metros cúbicos de area que aportan as máquinas.

Dende Verdegaia queremos facer un chamamento ás autoridades, tanto estatais como autonómicas e locais, para que prevaleza o sentido común e se faga un estudio serio sobre o areal cedeirés que permita acadar unha solución definitiva que satisfaga a todas as partes.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.