Augas de Galicia resposta a O Fervedoiro sobre a construción da Minicentral da Ermida
Hoxe recibiamos resposta á carta que o pasado setembro dende O Fervedoiro remitiamos ao Conselleiro de Medio Ambiente solicitándolle que paralizara as obras de construción da Minicentral da Ermida. É o organismo Augas de Galicia, dependente da Consellaría e responsábel do asunto ao que nos referimos, a que asina a carta.
Temos que valorar, antes de nada, a atención e a resposta. Malia que iso sería o habitual, ben sabemos que a atención que a Administración nos presta aos cidadáns e colectivos ás veces non é a desexada. Con todo isto, o documento non se afasta dos formalismos, as obviedades, a literatura e a xustificación das súas actuacións. Deseguido pasamos a resumir o máis salientábel da carta, pois pola súa extensión contén partes de escaso interese para publicar aquí.
Comeza facendo un repaso pola “situación administrativa do aproveitamento hidroeléctrico en relación aos procedementos tramitados por Augas de Galicia e polo órgano con competencias en materia enerxética.” Sinala que a concesión ten data do 13 de novembro de 2003 e a preceptiva declaración ambiental é do 11 de setembro do mesmo ano. É dicir, a aprobación inicial é responsabilidade do goberno do PP. A seguinte data de referencia é o 19 de xaneiro de 2005, no que se aproba o “proxecto construtivo“. Ademáis, afírmase que o 6 de maio de 2005 foi aprobado o proxecto polo Consello da Xunta. Continúa dicindo “en conclusión, a empresa promotora deste aproveitamento hidroeléctrico conta co título concesional dende o ano 2003 e con todas as autorizacións administrativas no que respecta ás competencias que ten atribuídas esta Administración Hidráulica para a construción das obras que se están a executar“.
Até aquí a asuncion de responsabilidades sen ningún tipo de problema, malia lembrar que dende o ano 2003 está aprobado o proxecto. A pregunta que xorde é onde está a responsabilidade do BNG? Augas de Galicia (PSOE) non quere asumir na súa totalidade este novo encoro no Umia e non deixa de relatar “que ten coñecemento dos seguintes fitos administrativos“. E di textualmente: “mediante resolución do 13 de xullo de 2005 do D. X. de Industria [BNG] foron autorizadas as instalacións electromecánicas e aprobado o proxecto de execución, recoñecéndose asemade a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción regulado polo Decreto 436/2004, do 12 de marzo“. Asímesmo, continúa “(…) o Consello da Xunta na súa reunión do 22 de xullo de 2005 aprobou a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens (…) e a urxente ocupación do proxecto de aproveitamento hidroeléctrico do Río Umia do Salto da Ermida, no Concello de Cuntis, Pontevedra“. Ademáis, fala tamén da implicación da Consellaría de Medio Rural, que segundo se nos informa “declara a prevalencia de utilidade pública deste aproveitamento hidroeléctrico sobre a que ostentan os monte veciñais en man común afectados, a Delegación Provincial de Pontevedra da Consellaría de Innovación e Industria, realizou entre os meses de maio e xuño do ano 2006 o levantamento das actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polo establecemento e as instalacións eléctricas, co que deu comezo o procedemento expropiatorio“.
Polo tanto, e até o de agora, fica demostrada a implicación dos tres partidos do Parlamento Galego, malia os discursos que poidan manter tanto a nivel local como as farsas ridículas que protagonicen no Pazo do Hórreo. Pero a extensa e detallada carta continua. Comeza na segunda folla a relatar a “Execución das obras”. Di así: “O 28 de xullo de 2005 a concesionaria notificou o comezo das obras (…) iniciándose o plan de vixilancia (…) mediante a realización de visitas regulares por parte de técnicos de Augas de Galicia” (…) “simultaneamente ao seguimento técnico (…) estase a realizar o seguimento ambiental (…) Consecuencia deste foron observadas deficiencias que motivaron e motivan a actuación deste organismo de esixirlle á sociedade titular e promotora das obras a súa necesaria corrección. Así, en visitas efectuadas os días 17 e 20 de agosto de 2007 constatáronse certos feitos que determinaron o inicio dun procedemento sancionador, que nestes intres se está a tramitar polo instrutor e do que se deducirán as responsabilidades e danos causados ao dominio público hidráulico e ao medio ambiente.” Así conclúe.
As conclusións que tiramos dende O Fervedoiro están ben claras e non supoñen novidade ningunha. En primeiro lugar, a ratificación da culpabilidade e implicación dos tres partidos políticos que teñen ou tiveron responsabilidades gobernamentais. Segundo, que as obras están a discorrer cun expediente sancionador aberto, polo cal non é difícil supoñer que os motivos polos cales se abriron poden estar en aumento. É dicir, se o expediente se abríu por detectar danos que non se contemplaban no proxecto inicial, mentres agardamos a resolución do expediente eses danos poden seguir causándose. Achamos que o lóxico sería a paralización, cando menos cautelar, das obras durante o tempo que tarda en resolverse ese expediente. Que os danos causados son irreversíbeis xa é unha obviedade, pero que ninguén fai nada para remedialo é outra.
Dende O Fervedoiro voltamos esixir de novo a paralización das obras, desta volta cun documento oficial na man que pode servir de apoio. Non é lóxico que se acepte a dubidosa legalidade mirando cara a outro lado. Que pasará se o expediente citado dita algún tipo de sanción? Quedamos abraiados unha vez máis coa inmensa impunidade coa que as grandes empresas actúan e destrúen o noso medio. Por certo, en ningún momento a carta fala do tan publicitado plano de rexeneración do Umia…
Estes son os comentarios que aparecen nun informe de La Caixa sobre Galicia:
En cuestións de política e xestión ambiental rexional e local, o diferencial coa media española tamén é significativo. Así, no indicador establecido polo OSE “gobernanza e capacidade institucional para a sostibilidade”, referido a 2005, Galicia non chega a obter 30 sobre 100 puntos, recibindo 0 puntos no compoñente “transparencia”. No que se refire á implantación da Axenda Local 21, só o 29% dos concellos teñen iniciado un proceso nese sentido en marzo de 2006, unha das proporcións máis baixas de España.