Pages Navigation Menu

Cadea humana en Merexo contra o Plan Acuícola da Xunta

Unha cadea humana en Merexo, de dous quilómetros de lonxitude, esixe que a Xunta rectifique o Plan Acuícola. O próximo acto: concentración en Camelle o día 28

Unha cadea duns dous quilómetros, composta por máis de dúas mil persoas, circundou onte as leiras de Merexo (Muxía) sobre as que a empresa Stolt Sexa Farm pretende levar a cabo a ampliación da súa piscifactoría. Os presentes quixeron manifestar con iso o seu total rexeitamento ó plan acuícola que argalla a Xunta.
Á iniciatitiva da plataforma veciñal de Merexo sumáronse colectivos de distintas partes: Corrubedo, Seiruga (Malpica), Quilmas, Camelle e Arou, tamén afectados polo Plan Acuícola, e O Caurel, entre outros. Apoiando a protesta estivo tamén o Sindicato Labrego Galego.
Tractores e pancartas decoraban a aldea. Nos carteis rezaban mensaxes como “Merexo non se vende, expropiacións non”; “Socialismo=fascismo e destrución”; “A terra é nosa, multinacionais fóra”, ou “A costa é galega, non dos de Noruega”.
Nas consignas, mesturadas co son das gaitas, os manifestantes acordáronse do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, da conselleira de Pesca, Carmen Gallego, e da deputada socialista Marisol Soneira.
Nas intervencións, o portavoz da plataforma de Merexo, Antonio Devesa, deu lectura a un comunicado de apoio redactados por Manuel Rivas, quen non puido estar presente por atoparse de viaxe. O escritor reiterou que “os veciños de Merexo tedes a razón, toda a razón, e o que se quere facer é un abuso”. Recordou que a obrigación dos políticos é escoitar ó pobo, á vez que lle dixo ós aldeáns que “vós tedes sentimento, conciencia, e facedes falar o mar de Merexo”.
Devesa, tras agradecer o apoio, asegurou que o obxectivo se cumpriu con fartura, “pois sobrounos xente para facer a cadea, e agora só cabe esperar a que a Xunta rectifique”.
En todo o acto tiveron un gran protagonismo os mozos da vila, evidenciando así a implicación das xeracións futuras nesta causa, que consideran “digna e xusta”. Precisamente, os momentos de maior emotividade vivíronse no momento de subir ó escenario os veciños de menor idade. Nas súas mensaxes, repletos de sentimentos, mesturábanse indignación e certa tristeza. A moza Beti dixo que a mocidade de Merexo está convencida de que “podemos desenvolver un modo de vida sostíbel”. “Queremos peixes e mariscos criados, coma sempre, na nosa ría, non con pensos e antibióticos”. Pediulles tamén ós gobernantes que teñan en conta “os nosos proxectos de agricultura ecolóxica e agroturismo”. A emoción aumentou coas palabras de Eva, de 13 anos, quen dixo que “desde hai un tempo, na miña casa fálase tódolos días de que o noso pobo está en perigo, e os veciños estamos unidos para defendernos dos ataques dos gobernantes”. José Ángel, de 15, defendeu o seu dereito a seguir gozando de “ver ós meus veciños plantando cebolas e recollendo o millo, e quero tamén seguir vendo desde Merexo a Virxe do Monte e a Punta da Barca”.
A plataforma veciñal aproveitou a concentración para continuar coa súa campaña de recollida de firmas, cuxo número supera xa as cinco mil.
Pero os actos en contra do plan acuícola que pretende sacar adiante o departamento que dirixe Carmen Gallego non concluíron onte. Os veciños de Camelle invitaron a todos os presentes a participar na concentración que levarán a cabo o día 28 deste mes na súa localidade. Lido en Galicia-Hoxe

Tamén en La Opinión

3 Comments

  1. A conselleira de Pesca, Carmen Galego, atribuíu hoxe as críticas ao plan de acuicultura elaborado polo seu departamento á gran difusión que se lle está dando, que contrapuso ao oscurantismo que tivo o anterior, aprobado polo Goberno do PP en 2005 cando xa estaba en funcións.Nunha entrevista en RNE recolleita por Europa Press, Galego defendeu este proxecto e asegurou que “non hai ningún grupo ecologista que se preciar que poida dicir que é irrespetuoso co medio ambiente”, aínda que dixo “entender” que haxa propietarios de terreos rústicos no litoral e certas organizacións “que nos lles guste a acuicultura e que consideren que non se deba desenvolver”. Así mesmo, recordou que este plan “garante aos propietarios un prezo mínimo por metro cadrado de 5 euros” e permitirá “a Galicia manter o seu liderado mundial de produción de peixes planos e crear máis de 2.000 empregos en zonas moi deprimidas do litoral”, ademais de “tecer unha rede de investigación aplicada en acuicultura”.
    Do que se desprende que os ecoloxistas minten cando falan de atentados ao medioambiente. E os propietarios o que buscan é conseguir máis euros por metro cadrado. En fin, unha trama xudeo-masónica.

  2. O que estan a facer os politicos agora mesmo e intentar dividir a xente, xa que por un lado queren contentar os propietarios dos terreos dandolle mais cartos , e por outra banda os pescadores afectados decindolle (declaracions de Bieito Lobeira no seu blog) que poderan participar no “gran negocio”.
    Estes “politicos” , sin diferenciación de siglas, parecen que estan moi interesados en meternos estas piscifactorias. ¿Tan burros e cegos seremos os afectados para non querelas? ,ou sera que eles son moi listos para metelas.

  3. O voceiro do BNG, Bieito Lobeira, pretende botar sobre o PSOE toda a responsabilidade do plan acuícola: “Non é menor a evidencia de que os departamentos administrativos directamente implicados na elaboración e desenvolvemento do Plano son responsabilidade dunha forza política –o PSOE- que historicamente mantivo posicións antagónicas co BNG, en concreto en materia de política pesqueira, marisqueira e acuícola”.
    Menudos compañeiros de viaxe ten o goberno galego. Este afastamento de medidas tan impopulares demostra o medo que o BNG ten agora a poucos meses das eleccións, e ao mesmo tempo a imposibilidade de desmarcarse totalmente do plan acuícola.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.