Pages Navigation Menu

Chantaxe empresarial

Se este parágrafos estiveran asinados por Miguel Anxo Fernán Vello comezaría debullando a etimoloxía da palabra ‘chantaxe’, un recurso aclaratorio que con acerto el emprega a miúdo. Atoparíamos entón que herdamos o vocábulo do francés ‘chantage’ –extorsión– e que este provén de ‘chanter’ –cantar–, pois disque foi na Francia do XIX onde naceu iso de ‘faire chanter’ a un preso, acto que consistía en torturalo para que confesara. Xa que logo, o tema vai de ameazar a alguén para sacar proveito del.
Loxicamente o da chantaxe non é cousa nin boa nin decente e en moitos casos constitúe un delicto penal. No entanto, é a actitude de moitas empresas na Galiza, que de continuo crean alarma social coa ameaza de ‘marchar do país’ para ver se así obteñen un proveito que, polo xeral, ten que ver con que pechemos os ollos cando cometen ilegalidades. Entre estas están a de canear os regulamentos territoriais, ambientais e laborais, alicientes fundamentais das deslocalizacións desta crúa era neoliberal, onde se busca o beneficio máximo en países con regulamentos febles ou inexistentes.
Estas chantaxes emocionais –falan sempre de perdas de investimentos virtuais e de empregos inexistentes, como se as empresas foran ONGs con responsabilidade social corporativa– vímolas por exemplo cando saíu á luz que Ence esgotaría a súa concesión en Pontevedra no 2014, e tamén co da suposta fuga de Pescanova a Mira porque non lle deixamos esnaquizar Touriñán. Sospeitosamente nun só mes a transnacional, unha das grandes beneficiadas coas subvencións públicas do fraguismo, xa tiña convenio á vista co goberno luso, emprazamento, proxecto, etc. Vaia, que é evidente que a fuga non era tal, que todo estaba argallado había tempo.
Como titulaba o xoves 15 de novembro o xornal GALICIA HOXE, agora Solt Sea Farm copia as mañas da chantaxe de Pescanova. Temen que o retranqueo ao que obriga a Dirección Xeral de Costas –manda carallo que agora sexa o Estado, no canto da Xunta de progreso de Touriño, o que sala a defender, malia que indirectamente, o noso litoral– bote por terra o agresivo plan acuícola da consellería de Pesca, que por certo se a algunha empresa beneficia é a Stolt, pois parece obvio que o PP galego defendía aos seus amigos de Pescanova e o PsdeG-PSOE defende agora aos de Stolt. E ao país, quen defende ao país desta intolerábel chantaxe? [Manoel Santos – Plataforma Medioambiental de Corrubedo]

Consultar: Mira denuncia os “5 pecados ambientais” de Pescanova

2 Comments

  1. Dun tempo a esta parte as empresas pagan as campañas dos políticos , e os políticos son prefesionais a soldo . Os cidadans somos votos e so intesamoslle un par de meses antes das eleccións . Pensan que os nosos votos son coma cheques en branco e logo pasan o rodillo. Por iso se creou esta rede . O silencio e un mal endémico desta terra. Dende as plataformas debemos loitar por os dereitos fundamentais como o medioambiente , a saude , o dereito a información ….. E ademais temos a obriga de conservar , potenciar e preservar os nosos recursos naturais para as xeracions futuras.

  2. Para corroborar el desprecio absoluto pola natureza destes depredadores empresariais, podedes ver a nova en Galicia-Hoxe

    http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=77&idNoticia=235324

    onde se denuncia o atropello de Pescanova en Mira(Portugal).
    Saudos

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.