Pages Navigation Menu

Comunicado da recén constituída Plataforma polo Parque da Agra

Acábase de constituir a PLATAFORMA POLO PARQUE DA AGRA, formada por veciños e veciñas do mesmo barrio, e na que poderán entran todo tipo de organizacións e asociacións que apoien os seus obxectivos.

Nesta zona da cidade da Coruña -con beirarrúas e rúas estreitas nas que non se pode case nin andar- vivimos unhas 40.000 persoas que carecemos de equipamentos tan básicos e necesarios como poden ser as zonas verdes. Os nosos nenos e nenas non teñen espazos para xogar, os nosos maiores non teñen xardíns con bancos nos que se sentar -agás o ridículo espazo polo seu tamaño reducido correspondente á praza das Conchiñas-, nin as persoas de todas as idades onde se expansionar nos momentos de lecer.

Somos tan coruñeses como o que máis. Cómpre lembrar que tamén somos cidadáns con plenos dereitos, e merecemos a dignidade e consideración debida como tales.

O espazo ocupado polo Observatorio Meteorolóxico -pertencente ao Ministerio de Medio Ambiente-, o espazo do antigo convento das Adoratrices e o amplo solar traseiro correspondente a Peruleiro -denominado popularmente como Campo da Burra-, constitúen a única zona que aínda queda no barrio sen cubrir polo cemento. En si mesma representa un excelente lugar para un Parque e algunhas infraestructuras públicas, que tanto necesitamos na zona. Neste momento xa conta con algunha vexetación e arboredo, e caracterízase por ser un excelente miradoiro natural desde onde se enxerga a Torre de Hércules, as praias de Riazor e do Orzán e o resto da Cidade.

O mesmo arquitecto encargado polo Alcalde para realizar o diagnóstico previo para a revisión do Plano Xeral de Ordenación Municipal, Joan Busquets, declarou recentemente que non debe haber zonas verdes a máis de 300 metros de distancia das vivendas, como recomenda a Unión Europea. Busquets lembrou a necesidade de crear novas zonas arboradas e espazos verdes para o lecer como un dos proxectos proritarios que deberá acometer o Goberno local da Coruña nos próximos anos.

A concelleira de Urbanismo, Sra. Mar Barcón -contradicindo ao seu admirado urbanista catalán- apresentou recementemente o proxecto para a urbanización desta zona da Agra. Trátase de vender isto como “Parque da Agra”, cando en realidade constitúe un simple polígono de vivendas de alturas abusivas, cun espazo verde reducido en forma de socalcos, e xardín e garaxes privados. O Concello da Coruña incumpriu totalmente as promesas de crear aquí o desexado parque que queremos os veciños e veciñas da Agra, reducindo descaradamente segundo foron pasando os anos os metros cadrados de superficie vexetal prometidos.

A PLATAFORMA POLO PARQUE DA AGRA en vista da situación convoca, o próximo xoves 29 de maio, unha concentración de veciños e veciñas ás 8 da tarde na porta do Observatorio (rúa Canceliña) que se dirixirá despois con pancartas pola rúa Barcelona até a Ronda do Outeiro, cruzándoa repetidamente, sen perxudicar á circulación, por un dos pasos de peóns con semáforos.

Esta PLATAFORMA desde o xoves 15 de maio, todos os xoves ás 8 da tarde, realizará unha concentración no mesmo lugar até que a Concellaría de Urbanismo e o Sr. Alcalde da Coruña reconsideren a súa postura.

PARQUE SI!

VIVENDAS NON!

 

PLATAFORMA POLO PARQUE DA AGRA

Asociación de Veciños da Agra do Orzán

Rúa Entrepeñas, 38-Soto (A Coruña)
avagradoorzan_agra@hotmail.com / plataformaparquedaagra@gmail.com

5 Comments

  1. Habería que apoiar aos 70.000 veciños e veciñas que viven en condicións terceiromundistas nesa zona da Coruña. Necesitan unha zona verde na única zona que aínda queda nese barrio sen edificar e non o polígono de vivendas que quere permitir construir a concelleira de urbanismo, Sra. Mar Barcón, en colaboración coa concelleira de Ordenación Territorial da Xunta, en beneficio de catro construtores. Tenta enganar aos veciños dicindo que vai ser un parque o que non é máis que un polígono con bloques de vivendas de altura elevada. Afirma esa política que gastará diñeiro niso cando o xardinciño que plantea farano os construtores e o Concello non porá nin un euro. Neste grave conflicto xógase a dignidade, a calidade de vida e o medioambiente desta zona degradada da Coruña. A estas causas xustas enfróntanse os intereses máís espúreos do urbanismo máis salvaxe que poida existir neste momento no noso país. Os políticos socialistas prefriren actuar para o beneficio das construtores que para o benestar dos veciños. O alcalde Losada minusvalora as constantes movilizacións de cada xoves dos residentes. POLA DIGNIDADE DA AGRA, PARQUE XA E NON MÁIS VIVENDAS!!!

  2. Parabéns por tervos organizado para reclamar esta zona verde na “hormigonada” cidade da Coruña. Animo e adiante coa vosa loita polo que é de tod@s.

    Sen ánimo de inxerir, gostariame comentar que sería interesante que estes movimentos veciñais tomasen contacto con outros movimentos sociais que loitan contra a especulazón urbanística ( ou polo menos os tivesen en conta), como é o caso do movimento de okupazón.

    Na coruña hai un interesante proxecto que leva uns meses funcionando neste senso. Trata-se de A Cultura Preo(K)upa, a súa web é http://aculturapreokupa.blogaliza.org

  3. Apoiemos todos e todas, especialmente os que vivamos na Coruña e arredor estas concentracións – manifestacións o xoves ás 8 da tarde na porta do Observatorio( rúa Canceliña) pois é moi necesario que esta ampla barriada,unha das de máis densidade demográfica de Europa sen espazos verdes que responde a un urbanismo do máis salvaxe e depredador teña o dereito de ter unha ampla zona verde con algunha infraestructura pública necesaria.
    Por outra banda, tamén é necesario que non permitamos que se burlen dos coruñeses/as como fixo o alcalde coruñés e se lle chame “parque” o que é un parque ou polígono residencial.
    A especulación é tan salvaxe nesta cidade que dende hai moitos anos non se constrúen parques, senón parkings ou raquíticas zonas verdes con todo tipo de infraestructuras duras; estradas, cemento e formigón a mares, cafeterías, instalacións enormes de todo tipo, vías de alta capacidade…e , agora, moles por todas partes asfixiando a milleiros de veciños/as.
    Isto é de Guiness !

  4. !ANIMO VECINOS DEL AGRA! SOIS UN EJEMPLO DE DIGNIDAD LUCHANDO POR CONSEGUIR EL PARQUE PARA VUESTRO BARRIO Y PARA LA CIUDAD, DONDE APENAS TENEMOS PARQUES “DE VERDAD”. EN ESTA CIUDAD EN LA QUE EL “FLAUTISTA” VÁZQUEZ Y EL
    “ANESTESISTA” LOSADA TIENEN “ANESTESIADA” A GRAN PARTE DE NUESTRA SOCIEDAD ES DE ELOGIAR QUE TODAVÍA HAYA VECINOS QUE REIVINDIQUEN ALGO TAN BÁSICO COMO NECESARIO Y CADA VEZ UN
    BIEN MÁS ESCASO EN ESTA CIUDAD DE ESPECULADO-
    RES DONDE CADA VEZ HAY MÁS CEMENTO Y CONTAMINACIÓN.POR CIERTO COMO LOS CORUÑESES
    NO ESPABILEN A TIEMPO, LOSADA TELLO Y EL ARQUITECTO BUSQUETS NOS TIENEN PREOARADO EL
    GRAN PELOTAZO DEL SIGLO EN EL ACTUAL PUERTO DE LA CORUÑA. HASTA 6000 VIVIENDAS TIENEN
    PREVISTO CONSTRUIR PARA EMBELLECERNOS CON MÁS
    CEMENTO NUESTRA CEMENTADA CIUDAD. MARBELLA NO
    ES NADA COMPARADA CON LOS PELOTAZOS A QUE NOS
    TIENEN ACOSTUMBRADOS NUESTROS POLÍTICOS, CONSTRUCTORES Y FUERZAS VIVAS DE LA CITY. BUSCAD EN INTERNET EL PROYECTO DE “PUERTO MA-
    DERO” EN ARGENTINA REALIZADO POR EL ARQUITECTO BUSQUETS, EL MISMO QUE VA A REALIZAR LA FACHADA MARÍTIMA Y LA REORDENACIÓN DE LOS MUELLES ACTUALES DE LA CORUÑA Y OS HAREIS UNA IDEA DE LO QUE SE NOS VIENE ENCIMA Y COMPRENDEREIS TAMBIÉN PORQUÉ
    PACO VAZQUEZ ELIGIÓ A DICHO ARQUITECTO A DEDO
    EN LUGAR DE CONVOCAR UN CONCURSO PÚBLICO. EL
    PROYECTO DE PUERTO MADERO EN ARGENTINA ESTÁ
    CONSIDERADO UNO DE LOS MAYORES CASOS DE CORRUPCIÓN URBANISTICA.

  5. Alegrome de que se constrúa un parque na Agra, levo 30 anos vivindo ali, 30 anos vivindo nun piso de alugueiro por unha renda elevadisima e carecendo de servizos porque o caseiro e un usureiro. Sen embargo, nestes 30 anos vin un gran espazo verde pechado por grandes muros e que ninguen puido aproveitar.

    O curioso e que, esa gran zona, abrirase agora ó publico, grazas a se chegou a acordos con propietarios e outras entidades, supoño que construir na zona, foi unha forma de sufragar o custo da operación.

    Esquecemos facilmente que, para entrar á zoa, tes que saltar un muro, claro que na miña infacia faciamolo e non pasaba nada, agora parece que os meus fillos tamen terían que facelo, porque realmente, alguen pensa que os propietarios da finca ian abrila para facer un parque? os propietarios venderona porque lles deron cartos, e eses cartos puxoos o de sempre, o constructor que quere enchernos de cemento ata a lapida. Pero ó mellor, se ninguen estivera interesado en construir e gañar cartos con esa operación, o solar seguiria sendo iso, un solar.

    Sintoo porque vexo que nas concentracións sempre estan os mesmos á cabeza. E acompaño no sentimento a moitos de estos señores porque xa non teran unhas prezosas vistas, nen luz natural todo o día, e teran veciños enfrente co cal non disfrutarán da intimidade de agora. Agora, pobriños, o seu piso devaluarase porque perden as vistas, e todo por culpa de que alguen vai construir diante. ¿por que teñen que perder un privilexo para que outros teñan o privilexo de ir a unha zona verde? que salten a valla.

    NON se pode construir alegremente, estamos de acordo, pero tampouco se nos pode facer comulgar coa roda dun muiño. NON queremos construcción masificada no Agra, pero si queremos que os nosos fillos poidan ir a un parque, ainda que haxa que construir para que sexa viable.

    Meus pais viviron toda a vida na Agra, Eu vivin toda a vida no Agra, os meus amigos son do Agra, a miña muller tamen, quero seguir vivindo no agra, e se se construe, poderei ter o meu dereito a unha vivenda digna, e no meu entorno, e ademais os meus fillos poderan ir a un parque onde antes non o disfrutaban, e todos tan contentos. O mellor os pisos son caros, ¿pero non especulan tamen os que venden pisos de segunda man no agra por 30 millons? ¿Son santos os que llos alquilan a inmigrantes por 500 eurazos porque saben que pagan sen rechistar e non protestan nin denuncian nin piden factura? Dase a casualidade de que algun destes peixes anda tamen nas concentracións e é o que mais berra contra da especulación.

    Sei que esta carta non vai ser do agrado de moitos de vos, pero e a miña opinion, non sei canto durara publicada, porque xa sei que non e moi ortodoxa. Pero representa a opinion de moitos que tropezamos todos os dias no Agra do Orzán

Trackbacks/Pingbacks

  1. ferradura en tránsito » escándalos urbanísticos - [...] E recollo no correo novidades da Coruña, [...]

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.