Comunicado de ARNSV sobre o proxecto do novo paseo de formigón na praia de Samil, Vigo
Ante a nova tolemia de Abel Caballero sobre a praia de Samil, non podemos quedar calados, polo que queremos expresar a nosa opinión por medio deste comunicado:
As dunas son ecosistemas vivos moi dinámicos e fráxiles, mais á vez de grande importancia para a conservación da biodiversidade, para a rexeneración das praias, e como proteción da costa contra o embate do mar.
Nos lugares onde existe o cordón de dunas costeiras, este garante a existencia de praias anchas, porque son o almacén natural de area que asegura prontamente unha recomposición da praia despois de cada temporal. Se non se respetan as dunas, por moito que se quera ampliar unha praia cara atras a praia seguiria co mesmo tamanho, porque cando o embate do mar leve as areas, non estarán as dunas para recuperar a praia de xeito natural.
Ademais, dende hai anos, investigadoras da Universidade de Vigo levan anunciando a desaparición da praia de Samil se non se toman unhas axeitadas medidas de recuperación dunar. A ignorancia ambiental de Abel Caballero provocará que, despois de gastar muitos milhóns de euros, a praia de Samil seguirá a perder area. Solicitamos, por tanto, que se non pensa recuperar as dunas, se deixe a praia tal como está, xa que outra intervención vai ser unha perda de cartos e un desastre ambiental.
Hai demasiadas experiencias, entre as que se atopa a malograda praia de Samil, que demostran que cando se constrúen paseos de formigón ou se edifica sobre sistemas dunares extirpando as dunas, a praia merma ano tras ano, depois de cada inverno, disminuindo o seu ancho de xeito alarmante porque non hai duna para realimentala. Asi a praia se ten que recuperar artificialmente con area de outros lugares o que ocasiona grandes custes para as arcas municipais, enchidas a costa dos nosos bolsillos, e un atentado ambiental para as zonas de onde se extrae esa area.
A actual lei de costas reconoceu expresamente que as dunas forman parte das nosas praias, son por tanto de dominio público e requiren ser adecuadamente conservadas. A existencia das praias no futuro e a proteción da nosa costa frente ao cambio climático require que os sistemas dunares e os cordóns litorais sexan conservados e se garanticen así as suas funcións naturais.
A Ría Non Se Vende
Comentarios recentes