CONCENTRACIÓNS CONTRA A QUEIMA DO PAÍS PARA BENEFICIO DE SUXOS INTERESES EMPRESARIAIS
Desde a rede de colectivos “Galiza Non Se Vende” apoiamos as concentracións convocadas para o día de hoxe luns 2 de abril, en distintas cidades do país, en resposta ao desastre intencionado das Fragas do Eume.
Mobilízate contra os que queiman o país e os que o consenten coa sua nugalha!
Horarios das concentracións cidadáns que se están a convocar para hoxe, luns 2 de Abril, ás 20:30:
A Coruña: nos Cantóns;
Vigo: no Sereio;
Compostela: no Obradoiro;
Pontevedra: na Ferrería;
Lugo: diante do Concello;
Ourense: diante do Concello
Pontedeume ás 20:00 diante do Concello.
ESPALLA! REACCIONA!
Este incendio é gravísimo, non é un incendio máis, nin é un acidente casual, asemella ser unha operación premeditada, igual que muitos dos lumes nos últimos anos.
Os montes que están ardendo son «zonas eólicas» e «zonas forestais», a «repoboar» con muiños e eucaliptos.
Queimar as Fragas do Eume e rebaixar o seu gran valor natural beneficia a muitos intereses:
1. Proxecto de Celulosa nas Pontes. Precisa dun área de eucaliptos próxima, e as Fragas do Eume son unha zona húmida onde terían un gran crecemento. O sector madeireiro leva anos comprando parcelas na zona.
2. Plano de Restauración da Mina das Pontes. Segundo o proxecto é imposíbel evitar as filtracións de carbón e metais pesados que producen contaminación contínua no río Eume. Ao ser um espazo protegido tan valioso, hai posibilidades de que haxa que pagar elevadas sancións.
3. Minas de andaluzita. Proxecto mineiro dunha empresa de capital inglés e surafricano a carón das Fragas do Eume que provocaría un grande impacto neste espazo natural.
4. Proxeto de novo encoro no Eume. O aproveitamento hidroelétrico do Eume para Endesa vai camuflado no financiamento da clausura da mina das Pontes.
6 Comments
Trackbacks/Pingbacks
- ¡Concentraciones contra los intereses políticos y económicos que queman Galiza! | Toma La Tierra | Red estatal de luchas en defensa de la tierra - [...] la red de colectivos “Galiza Non Se Vende” apoyan las concentraciones convocadas para el día de hoy lunes 2…
- Incendios, abandonos y beneficios. « El diario de Ham Tyler - [...] conviene investigar a quien beneficia que arda el monte gallego. Si, ya se que hay pirómanos locos que se…
Em Chantada está programada umha concentraçom hoje para as 20:30 horas na praça do Cantom. Apertas
Tedes toda a razón. O noso País precisanos a todos, e máis ainda a-os que , como vos, non estades de xeito oportunista nun intre concreto, se non cada dia, na percura da tranquilidade de ista nosa Terra Asobalhada. Saúde e Terra Irmáns.
Adeus ás Fragas
Nunca antes sucedeu unha traxedia ecolóxica deste calibre na nosa comarca. E en Galiza só é equiparábel o desastre do Prestige. Arden as Fragas do Eume, unha das reservas ecolóxicas máis importantes de Europa. O que era un desastre anunciado, unha posibilidade real que nunca foi tomada en serio, convertíuse hoxe nunha realidade irreversíbel. Como é posíbel que ante os graves incendios que asolan Galiza nas últimas décadas as autoridades non foron capaces de prever e atallar a destrución dun parque natural? Póñense medios para tapar os desfalcos multimillonarios dos bancos, subvenciónanse proxectos empresariais que nunca existiron e dilapídase o diñeiro público en megaconstrucións como a da Cidade da Cultura, pero non se adica unha mísera esmola para preservar o que foi xestando a natureza durante milleiros de anos. Láianse os nosos alcaldes e gobernantes da Xunta da catástrofe das Fragas pero son tan responsabeis como os supostos incendiarios. Non cremos que aqueles que se doblegaron aos intereses empresariais, que deixaron construír a aberración do lago promovido por Endesa, que certificaron a idoneidade dunha mina de andalucita en Pico Vello ou os que envelenaron o Eume e o ecosistema que nel habitaba, teñan aflición polo que agora está a suceder. Políticos e empresarios esquilmaron o noso ben cultural, ecolóxico e patrimonial máis prezado. Quizais agora empecen a plantexarse traer a fábrica de celulosa para a comarca. Sería un triste epitafio para as Fragas.
Este semella ser un final predecible para as Fragas, que levan soportando 50 anos de agresións contínuas: a artificialización do río pola a construcción dos encoros e a desaparición do caudal ao longo de varios kilómetros, o envelenamento por metais pesados e outros contaminantes provocada por Endesa, o avance das especies invasoras, especialmente o eucalipto, os proxectos mineiros e eólicos, a construcción dun megalago ácedo, o tendido da rede de gas…. Só faltaba un incendio coma éste para poder certificar definitivamente a desaparición das Fragas
Todos coñecen a influencia do eucalipto nos incendios forestais e a súa facilidade para propagalos. As tráxicas consecuencias do incendio nas Fragas do Eume serían outras se a poboación forestal estivese formada exclusivamente por especies autóctonas. Pero a ninguén se lle escapa que a proliferación de eucaliptos é hoxe un negocio fomentado polas produtoras de pasta de papel.
Un exemplo témolo no recente acordo que Ence asinou coas asociacións Fomento Forestal de Monfero e Promacer de Cerdido. Ence comprométese a mercar 160.000 tn de eucalipto no prazo dun ano destinadas á súa planta de celulosa en Navia (Asturias). Para calibrar a magnitude desta cifra hai que comparala coa cantidade de eucalipto cortado en Pontevedra no ano 2004 para elaboración de pasta de papel: 113.000 tn.
E Pontedeume pode ter un papel importante neste mercado do eucalipto promovido por Ence. O Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado inicialmente polo concello de Pontedeume convirte todo o chan que ata agora era cualificado como agropecuario en solo forestal. É dicir, deixa aberta a porta a convertir todo o rústico eumés nun bosque de eucaliptos en detrimento das explotacións agropecuarias.
Non parece unha casualidade que Consultora Galega. empresa redactora do PXOM, tivese a ousadía de erradicar dun plumazo o sistema de vida do rural eumés. Mais ben parece unha concesión a unha determinada empresa papeleira coa connivencia do Concello de Pontedeume. Tampouco é casualidade que os produtores de eucalipto da provincia de Pontevedra estean preocupados pola instalación da celulosa en As Pontes, o que lles privaría de vender a madeira a Ence polo elevado custo do transporte.
En suma, toda unha estratexia a longo prazo na que as Fragas do Eume son un estorbo para levala a bo fin.
O domingo 8 participamos xunto a membros de Luita Verde e AMAL na ruta a pé organizada polo Museu Etnográfico de A Capela. A ruta de 6,5 Km. percorreu na súa maior parte por sendeiros en zona afectada polo lume. Podedes ollar algunhas fotos da ruta en https://picasaweb.google.com/108524632739339481562/AsFragasDoEumeTrasOLume?authkey=Gv1sRgCJKg1qmhvY7BNQ