Pages Navigation Menu

CONTRA A DESTRUCIÓN DA RÍA DE VIGO

MANIFESTO DE A RÍA NON SE VENDE

Máis unha vez, desde o porto de Vigo dinnos que precisan de máis espazo, máis unha vez non lles chega o que teñen, e pretenden facer máis recheos, algún en espazos protexidos como a Enseada de San Simón. Queren aterrar no mar 23 Hectáreas. Din que é unha actuación respectuosa co medio ambiente, que ten o consenso de todos os sectores da cidade, que está baseada no diálogo e no respecto pola legalidade…. Máis unha vez mexan por nós e din que chove.

O porto de Vigo non pode seguir medrando indefinidamente, arruinando a nosa maior fonte de recursos, para convertela nun almacén de vehículos e nun polígono industrial.

Os balances económicos do Porto sempre dan positivo, porque só contan os cartos gañados, mais nunca cuantifican canto vale o que destrúen. Canto costa unha praia?, e se son 15?, canto costa un banco marisqueiro?, canto costa unha Ría sen contaminación?, canto costa a fermosa paisaxe da Ría?, canto costa un solpor?, canto costa vivir sen o ruído, sen o po e a polución que orixina a actividade portuaria?…

Se desde o Porto de Vigo tiveran que pagar todo o que destruíron, e indemnizar polas molestias ocasionadas durante varias décadas, o seu balance económico sería un fiasco e nunca máis se lles pasaría pola cabeza facer recheos. Mais eles sempre gañan e a Ría cos seus seres vivos e a veciñanza sempre perdemos.A ampliación portuaria non ten xustificación, o espazo de que dispoñen está infrautilizado, ocupado por empresas que non gardan relación coa actividade portuaria e por un enorme e esperpéntico almacén de vehículos, os cales só terían que estar no porto no momento de embarcar. Por se fora pouco, agora pretenden amorealos en plataformas de 10 m. de altura.

Utilizan tamén o espazo portuario para construír edificios como o da Xunta, centros comerciais como o da Laxe e incluso pretenden construír un Hotel no medio da Ría, como unha segunda torre de Toralla, eso si, proxectado por un arquitecto de fama mundial, que é a ridiculez que está de moda. Por non falar doutros proxectos moi anunciados na prensa como unha noria, locais de comida rápida, centros de talasoterápia, piscinas, restaurantes, cines, etc., todo moi relacionado coa actividade portuaria.

Alén diso o crecemento que vaticinan está baseado en meras especulacións, xa que o tráfico de mercadorías e fluctuante e pode aumentar ou diminuír, e de feito esta a diminuír a entrada e saída de moitas mercadorías. Desde o porto búscase un liderazgo infantil e andan a competir cos demais portos galegos, cando deberían repartirse o tráfico e coordinarse entre eles.

No porto confunden os intereses das multinacionais cos intereses da cidade e utilizan o espazo público para negocios privados e para a especulación urbanística. É hora de que o porto de Vigo aproveite o espazo que xa ten, levante os recheos que non están sendo utilizados en actividades portuarias e recupere as zonas degradadas.

Os efectos dos recheos son acumulativos, tanto nos feitos moito tempo atrás como nos recentes, ou nos que se fan en distintos puntos da Ría. O perfil orixinal do litoral da Ría foi totalmente modificado debido aos aterramentos, provocando sucesivos cambios na dinámica de correntes, ocasionando que os sedimentos desaparezan dalgunhas zonas e se acumulen noutras novas, o que afecta ás praias, aos bancos marisqueiros, ás areas de posta e alevinaxe, á pesca de baixura, á biodiversidade e a toda a vida da Ría.

A Ría de Vigo constitúe un dos ecosistemas con maior producción biolóxica do mundo, é un ecosistema único, moi fráxil e que xa está moi degradado.

Dende a Xunta de Galiza e o Porto pretenden triplicar o número de amarres de embarcacións deportivas, querendo pasar de 2.800 a máis de 8.000. Eso sen contar o enorme porto deportivo que se construiría se ampliaran o peirao de cruceiros, o que supón o verdadeiro motivo desa ampliación, xa que a suposta necesidade de liña de atraque cando chegan mais de dous cruceiros a Vigo é só unha escusa, porque só sucede un par de veces ao ano, e nunca deixan de entrar cruceiros por ese motivo.

Outra aberración especulativa sería o Porto deportivo da ETEA con 1.084 amarres sobre a praia de Ríos, destruíndo un banco marisqueiro de ameixa fina e facendo da praia natural da Punta unha praia artificial.

Desde a Xunta din, sen vergoña ningunha, que pretenden captar embarcacións deportivas de Portugal e de outros países para que pasen aquí o inverno, ofrecendo baixos prezos, ou sexa que arruínen, e ocupen o noso litoral por unhas cantas moedas. Esta xente sería capaz de vender á súa nai, se é que non a venderon xa.

Construír portos deportivos significa estragar o litoral, privatizar lámina de auga e especular co dominio público para favorecer a unhas cantas empresas privadas.

Alén diso o Porto concedeu unha segunda prorroga para construír o elitista porto deportivo de Massó en Cangas, proxecto que conta coa oposición do pobo de Cangas e que está cheo de irregularidades xurídicas.

Os amarres para embarcacións deportivas deben ser só para as embarcacións que saen a navegar a miúdo e deberíanse trasladar ás zonas que están mais degradadas. Para as embarcacións que só navegan un mes ao ano hai alternativas como as mariñas secas ou as cacharelas de San Xoán. Non vamos consentir que se privatice a Ría porque se pon de moda entre a xente podente ter un barquiño para fardar diante dos colegas.

Moitos de estes portos deportivos están vinculados a proxectos urbanísticos especulativos nas proximidades e en primeira liña de costa.

O urbanismo salvaxe e a falta de planificación nos concellos bañados pola Ría é unha barbaridade. Os Planos Xerais de concellos como Vigo, Moaña ou Baiona, están baseados na especulación. Pretenden duplicar o número de vivendas sen previsión de saneamento, destrozando as parroquias do rural e do rural costeiro, incluso afectando ao solo rústico de protección agrícola forestal e de espacios naturais, onde se prevén urbanizacións elitistas. De continuar a marbellización do litoral perderíase a identidade dos barrios e vilas mariñeiras, a nosa identidade cultural e o patrimonio común, e iso non o vamos permitir.

Outro dos graves problemas que afectan á Ria de Vigo é o alto nivel de contaminación existente. As depuradoras actuais máis que mellorar están a degradar a calidade das augas, con niveis de coliformes setenta veces o permitido polas leis que os propios políticos fan. A actual depuradora do Lagares é o principal foco de contaminación, contribuíndo de maneira considerable a destrución do ecosistema mariño. A maiores provoca unha calidade de vida indigna para a veciñanza, con cheiros fedorentos e molestias permanentes. A alternativa a esta situación só pasa pola instalación de microdepuradoras illadas dos núcleos de poboación, na separación das augas fecais, pluviais e industriais, e no control dos polígonos industriais, que hoxe por hoxe provocan altos niveis de contaminación. O proxecto de construír a macrodepuradora de Vigo na Xunqueira do Lagares só é un parche que, de levarse a cabo, non vai solucionar o problema, senón que vai empeoralo, converténdose nunha grave agresión ao pobo de Coruxo. É a demostración da mentira permanente na que viven Bloque, PSOE e PP cos seus dirixente ao fronte, incumprindo os acordos que eles mesmos asinaron nos plenos municipais; e tanto Príncipe, Pérez, Castrillo, Porro, Domínguez ou Caballero, son o que son: os mesmos cans con distintos colares. Todas e todos, coa mirada posta no futuro deberiamos tomar nota.
Por se fora pouco, no Plan acuícola da Xunta, preténdese ampliar a piscifactoría de Oia, que afecta a solo rústico e protección de costas, e a da Punta dos Castros, en Cangas, que afecta a solo rústico de protección de espazos naturais. As piscifactorías contaminan moitísimo debido aos antibióticos que empregan e á grande cantidade de materia orgánica que verten ao mar, alén de privatizar e modificar o litoral.

NON MÁIS RECHEOS NA RÍA, É HORA DE LEVANTALOS

NON MÁIS PORTOS DEPORTIVOS, NON Á PRIVATIZACIÓN DO LITORAL

NON Á VIOLENCIA URBANISTICA, NON Á ESPECULACIÓN

NON Á MACRODEPURADORA, SI AO SANEAMENTO INTEGRAL DA RÍA

NON ÁS PISCIFACTORÍAS

13 Comments

  1. interesante artigo de Vazquez Pumariño en http://www.vieiros.com/opinions/opinion/435/atila-en-galiza

  2. Un magnífico manifesto o da Ria non se vende a exposición dos feiros non pode ser mais clara. Tamen gustoume moito o artigo de Vazquez Pumariño ” Atila en Galiza ” que eu complementaria co publicado na Voz por Javier Guitián ” ¡LO que hay que Ber !
    http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2008/05/21/0003_6836698.htm

  3. As alusións negativas ao BNG creo que son un erro enorme. De feito apartan (non suman) ao movemento pola defensa da ría de Vigo nada. Eu mesmo pensaba acudir o domingo, pero visto o visto, non irei á manifestación.

  4. Neste tema hai unha linea clara entre os que defenden a ria e os que están dispostos a vendela. A min tamen me doen as alusións negativas ao BNG pero mais me doe comprobar dia a dia que estan mais que xustificadas. E as veces mesmo se quedan cortas.

  5. A ver Penelas: se as cousas son dunha maneira haberá que contalas desa maneira. O responsable non é o mensaxeiro senón o culpable da desfeita, chámese como se chame e responda as siglas que responda. O erro sería mentir ou ocultar parte da verdade para non ferir corazonciños tan sensibles coma o teu. É hora de darse de conta da realidade, do que están a facer uns e outros. ¿Ou prefires esconder a cabeciña nun burato e seguir crendo que vivimos no mellor dos mundos posibles? (Ou no mellor dos partidos posibles)

  6. http://www.ceivar.org/principal.php?pagina=nova&id=935

    Máis información sobre a censura do concello de Vigo, dos fascistas do PsoE

  7. É moi necesaria unha importante movilización contra a destrución da ría de Vigo e contorno pois lonxe dun cambio na política urbanística e ambiental seguimos igual ou peor xa que o modelo territorial franquista é o que está demostrando que persigue a Xunta ( e diso hai moitas probas e proxectos . Así, a marbellización,
    as macrourbanizacións ó estilo do Mediterráneo que ata hai pouco non existían en Galiza ( había moitas construcións particulares ilegais) e incluso , as veces, peor que alí a través dos campos de golf, portos deportivos, polígonos industrias , contaminación brutal, perda da riqueza marisqueira ou pesqueira, macropiscifactorías etc.ameazan moi seriamente con acabar con ela.
    A ría de Vigo que era impresionante, estase perdendo e por este camiño as illas Cies e a de San Simón teñen os días contados (xa desapareceu unha praia das illas Cies a causa dun dique enfronte e agora pretenden ampliar o pequeno porto; recheos nefastos que ademais destrúen a paisaxe…. pero, como sempre, hai algúns que se enriquecerían con toda esta destrución, a Xunta o sabe e o desexa. por que?
    Esa é a pregunta clave A cambio de que?
    Non están tolos, saben moi ben o que fan e a corrupción está na base de todas estas desfeitas porque os políticos están ahí para defender o interese xeral non os seus intereses ou os dos seus amigos ou coñecidos.

  8. É moi necesaria unha importante movilización contra a destrución da ría de Vigo e contorno pois lonxe dun cambio na política urbanística e ambiental seguimos igual ou peor xa que o modelo territorial franquista é o que está demostrando que persigue a Xunta (e diso hai moitas probas e proxectos). Así, a marbellización,
    as macrourbanizacións ó estilo do Mediterráneo que ata hai pouco non existían en Galiza ( había moitas construcións particulares ilegais) e incluso,as veces, peor que alí a través dos campos de golf, portos deportivos, polígonos industrias , contaminación brutal, perda da riqueza marisqueira ou pesqueira,macropiscifactorías etc.ameazan moi seriamente con acabar con ela.
    A ría de Vigo que era impresionante, estase perdendo e por este camiño as illas Cies e a de San Simón teñen os días contados (xa desapareceu unha praia das illas Cies a causa dun dique enfronte e agora pretenden ampliar o pequeno porto; recheos nefastos que ademais destrúen a paisaxe…. Mais, coma sempre, hai algúns que se enriquecerían con toda esta destrución, a Xunta o sabe e o desexa. Por que?
    Esa é a pregunta clave. A cambio de que?
    Non están tolos, saben moi ben o que fan como di todo o mundo e a corrupción está na base de todas estas desfeitas ONDE SE VIOLARIA O MARCO AMBIENTAL XURÍDICO VIXENTE e os políticos están ahí para defender o interese xeral, non os seus intereses ou os dos seus amigos ou coñecidos.
    É o governo estatal está permitindo todo isto. Claro, agora as 140.000 vivendas novas que pensan construir en Vigo, cando hai máis de 20.000 valeiras xa non as faría o PP senón “os nosos”; a destrución de espazos protexidos, naturais, do medio rural, a especulación salvaxe incluída a apropiación indebida do dominio- público costeiroetc. a levarían a cabo “os nosos”; os portos deportivos ou as macropiscifactorías tamén serían “os nosos”os seus impulsores.
    Zapatero estaba, segundo nos comentou o fiscal de Medio Ambiente de Madrid hai uns anos moi “preocupado” do que pasaba en Vigo. Agora non porque O NEGOCIO QUE É NO QUE SE CONVERTIU A POLÍTICA como o demostra o maxistrado ALEJANDRO NIETO na súa obra “EL DESGOBIERNO DE LO PÚBLICO” ED. ARIEL
    (“la política se ha convertido en un negocio y los partidos compiten en un mercado inspirado en el lucro personal y apoyado por la corrupción más descarnada”)NON O VAN FACER OS OUTROS, SENÓN “OS NOSOS”.
    Por outra banda hai que lembrar que Galiza é unha potencia no narcotráfico e blanqueo que segundo denunciou algúns xuíces e fiscais ten moito que ver co mundo da construción…Mais endexamais se pescan “todos os peixes gordos” que hai detrás , só algún de cando en vez- outra casualidade.
    Por iso, debemos revelarnos contra todo isto E INDEPENDIENTEMENTE DE QUEN GOVERNE, contra a destrución da nosa terra e castigar a todos os partidos e políticos (empezando a movilizarnos e non votalos) antes de que sexa demasiado tarde.

  9. Eu hoxe estou cun resfriado enorme, pero, mañá pola mañá estarei na pza da Estrela para manifestarme en contra dos recheos na nosa ría (¿para que tanto recheo, para que Citroen poida poñer os seus coches enriba do mar como está a ocurrir en Bouzas?) , en contra das malditas ampliacións do porto e, en contra de tantas e tantas actuacións en contra da nosa fermosa ría.

    Cantos máis sexamos máis claro lles quedará o pensamento da cidadanía.

    En canto ó BNG, a min estame a decepcionar tamén, porque está demasiado calado neste tema. Na web de Santi Dominguez, en plena campaña electoral para as municipais, tivo algunha pregunta en referencia ós recheos dos que o señor Caballero non paraba de falar (supoño que recordaredes o gran proxecto capitaneado por Nouvel que o señor Caballero nos pretendía meter polos ollos), e respostou moi vehemente que estaban en contra absolutamente dos recheos na nosa ría.
    Ben, agora parece que xa non son tan vehementes, e iso da que desconfiar…

    Mañá hai que saír a defender a nosa ría!!!!!!

  10. Entón a cousa é que se ós que permiten os recheos están no BNG, non hai que denuncialo. É iso?

  11. En Ferrol chamamos-lle BeNeGás (BNGas)…

  12. Estes días andan a voltas en Vigo co Plan de usos do Porto, plan Nouvel e a súa famosa torre de máis de cen metros. Galiza non se vende saíu en manifestación antes das eleccións non sei se para que voltara o PP á Xunta, pero sí para restar votos ós que estaban. Agora sí que é o momento de sair á rúa a parar o despropósito que é esa torre. Todavía non mirei pola rúa semellante movilización propagandística coma a de antes das eleccións en contra da destrucción paisaxística da ría de vigo que supón esa torre.Menos demagoxia que axuda á dereita e máis acción.

  13. “(…) pero sí para restar votos ós que estaban.(…)”

    Efectivamente, eu votei ao PP porque lin a parte do manifesto de GZNSV onde se di que non hai que votar ao bipartito, e fixen ante notario unha transacción da miña potestade de voto cara GZNSV, que obviamente a usou para votarlle ao PP sen o meu consentimento. Xa que o PP é o que mellor defende a ecoloxía.

    Apunto varias posibilidades para resolver esta situación absurda:

    a)Planteade unha democracia participativa cando o bipartito retome o poder.

    b)Exercede un despotismo decimonónico, xa que somos intelectualmente incompetentes para decidir correctamente o voto (é dicir, o voto que vos favorece, claro).

    c)Respostade con feitos e información os feitos que se denuncian na RGZNSV e deixádevos de difamacións sobre que os ecoloxistas prefiren os gobernos que menos representan os intereses medioambientais.

Deixa una resposta a dendevigo Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.