Pages Navigation Menu

Contra as agresións ao Umia …propaganda!

O estado do Río Umia segue a ser unha desas preocupacións da veciñanza absolutamente alleas para os gobernantes, tanto a nivel local coma nacional. Foron continuos durante este verán os vertidos de augas fecais ao Gallo, que pasa por ser un dos principais afluentes do Umia antes do Encoro da Baxe. Precisamente o estado desta presa -en Caldas de Reis- non deixa de situarse na fronteira do paranormal: a contaminación é evidente e innegábel e ningún responsábel político vai alén das baleiras declaracións. Pola contra, no canto de procurar solucións ao problema de saúde pública que constitúe, o que se fai é permitir a construción dunha nova minicentral (a que se está a levantar entre as aldeas da Laxe e da Ermida, entre Moraña e Cuntis). As augas do Umia resisten como poden cargándose de todo tipo de lixo e axentes nocivos, os últimos onte mesmo, cando a terra e o lodo das obras de construción da Variante Leste de Caldas eran arrastradas pola choiva até o leito fluvial.

As continuas denuncias do Fervedoiro perante calquera vertido no Gallo obtiveron por fin resposta por parte do Concello de Cuntis. Descoñecemos datos concretos das operacións e resultados de informes pero o que si temos que dicir é que dende a inspección na rede de sumidoiros, non se volveu ter constancia de máis vertidos de fecais no leito deste afluente do Umia.

Encoro do Umia, este mesmo veránAs augas e todo o que con elas van río abaixo van parar, en primeira instancia, ao Encoro do Umia (A Baxe, Caldas de Reis). Para coñecer o estado deste nada pode substituír a un visita para comprobar de primeira man o que alí se pode atopar. É interesante coñecer tamén a súa historia, o que non fai máis ca multiplicar a xenreira e os desexos impuros que agroman ao contemplar a paisaxe coa que nos agasallan as podres augas encoradas do Umia. Dende os comezos, todo o que atinxe ao Encoro do Umia é necesariamente polémico e escuro, mais no últimos quince meses aproximadamente, tamén é verde. A gama cromática non remata aquí: quen non lembra o turquesa Brenntag do setembro de 2006?

Proba do desinterese por parte dos gobernantes con respecto a este asunto é a construción dunha nova minicentral no Río Umia, o chamado Salto da Ermida. De novo, contra a vontade dos veciños e veciñas afectadas que contestaron a imposción da que son culpábeis os tres partidos políticos do Parlamento Galego.

Sen deixar de ter presente estes feitos, o que nos queda é ter que atender día si e día tamén a outras agresións “menores” e “puntuais”, como a que se producía onte mesmo en Segade (Caldas de Reis). Do xigantesco viaduto que se está a construír neste lugar e por enriba deste río como parte da nova Variante Leste, as augas arrastraron terra, barros e lodos ás augas do leito do río. A cor tornouse acastañada no centro da vila caldense non permitindo albiscar a fondo do río. Unha vez máis, as obras que nos han achegar tanto progreso deixan moito que desexar no que se refire a respecto polo medio. A resposta da administración cárgase de propaganda e publicidade a eito. Anúnciase grande Plano de Rexenaración e medidas para rematar cos vertidos, pero menosprézase a contaminación, ignóranse os vertidos e desprézase o posíbel perigo que podería constituír dentro duns anos un novo encoro.

2 Comments

  1. Eu son veciño de Caldas de Reis, non moi lonxe da presa sobre o río Umia, e dou fe de que a contaminación é evidente, pero xa non polos verquidos que se ocasionaron no accidente da empresa Brentag, xa que está 8 kilometros abaixo dela, senon porque a empresa que leva a produción da enerxía electrica co seu a fan de rendimento ten sempre a presa pechada polo que a auga chega a estados imposibles.
    Xa cando se construeu non se limpiou o que iba selo leito do encoro, polo que toda esa materia organica é a que está a repercutir e agraviar a alarmante situación das augas do encoro.
    3 kilometros abaixo da presa os veciños tiñamos unha cascada natural, onde se bañaba a xente e onde se podía pasar unha boa tarde de lecer. Agora case ninguén vai por aló xa que a cor verdosa e o arrefendo que vota ás veces é encolledor.
    Por outro senso, recentemente e coas obras da nova variante Leste, ou a “esperadisima circunvalación” a Caldas, estase a facer unha desastre natural furando o monte sen seguir unhas normas, é dicer, arrasando con todo o monte.
    A pasividade do goberno local, á que estamos a costumados os veciños de Caldas, e do goberno autonómico fai parecer que estamos nun rexime de “ou o accetas ou non hai outra” , por moito que protestes.

  2. certo!
    eu som vecinho de CAmbados, e passo por riba do mesmo case tudolos dias…vou pela ponte de Castrelo e ha dias que o cheiro é fedorento e noeseabundo!
    Ao principio pensaba-se que for de Alfageme, mais digerom que era dalgumha empressa doutro poligono de fora de Cambados…seguro que o digemor para lavar-se as mans o alcalde!

    ha que soluciona-lo JA!!

    saudos e noraboa pela plataforma!

Deixa una resposta a Fran Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.