Pages Navigation Menu

Contra o Plan Sectorial do Parque Empresarial e Industrial do Morrazo

Luita Verde presentou o pasado luns 12 de xaneiro, alegacións ó Plan Sectorial do Parque Empresarial e Industrial do Morrazo (PEIM), ó igual que xa presentara o 17 de decembro do anos pasado tamén ó seu Informe de Sostibilidade Ambiental (ISA).
Nelas solicitouse ó Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), dependendente da Consellería de Vivenda e Solo, a anulación deste Proxecto Sectorial para a Implantación do Parque Empresarial e Industrial do Morrazo, a alternativa 0 e de ser necesario un Parque Empresarial e Industrial para o Morrazo, que sexa de menor impacto que o presentado neste Proxecto Sectorial, que sexa de servizo exclusivo para empresas da comarca e avaliado coas diferentes ofertas nos municipios da mesma, e que non necesite, e por engadido non sirva de xustificación, para o desdoble da vía rápida do Morrazo nin de ningunha nova autovía.
O Proxecto Sectorial deste PEIM é dun impacto moi negativo para non só a área natural onde se quere ubicar, cun macroparque industrial de 1.500.000 m2 a base de desterros, recheos e explanación para construción de naves e viais asfaltados en solo rústico de protección forestal entre os concellos de Cangas e de Bueu, senón para toda a comarca, xa que necesita dos desdoble da vía rápida do Morrazo en autovía, integrado no Plan Vigo Íntegra, o que conlevaría a afección de máis de 15 kilómetros de solo rústico e de protección de espazos naturais do Carballal de Coiro e os Montes do Morrazo, máis varios xacementos arqueolóxicos, entre os concellos de Cangas e Moaña.

Suporá a destrución total do monte Borrallido, con 246 metros de altitude e desniveis do 15%, con relevante interese natural (bosque, fauna e flora autóctona e matogueira), xeolóxico (formacións graníticas senlleiras con pías e cacholas) e cultural (contén no seu seo un asentamento catalogado do calcolítico). Tamén afectará polo volume de movemento de terras e de verquido posterior de augas pluviais e residuais ós nacementos dos ríos Orxas e Mosedo, causando turbidez, contaminación e maior risco de inundacións nas zonas máis baixas dos mesmos e por engadido tamén un impacto moi negativo no medio mariño nas súas desembocaduras na ría de Aldán, con polígonos marisqueiros na do Orxas, e en augas protexidas do LIC de Cabo Udra na do Mosedo. O impacto paisaxístico tamén será enorme e irreversible, xa que estaría situado fronte á Serra da Magdalena, con varios altos de interese natural e arqueolóxico, nunha superficie intermedia entre os LIC da Costa da Vela e Cabo Udra, e próximo a ría de Aldán, coas Illas Ons no horizonte, dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Estaría a menos de 2000 metros dos núcleos poboados de Gandón e Bon de Arriba e polo tanto incumpriría o Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres Nocivas e Perigosas (RAMINP). Gastaría grandes cantidades de suministro de electricidade e auga, coa construción dunha impactante subestación eléctrica, e hipotecaría o propio suministro de auga ós núcleos habitados, servindo asi mesmo de xustificación para o desdoble do suministro de auga en orixe, sexa dende a área de Pontevedra ou dende a de Vigo por vía submariña, o que ademáis de custosas e impactantes obras vai provocar tamén máis merma nos caudais hidrolóxicos no Lerez ou no Oitavén. A Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) proxectada vai conectada directamente co río Mosedo, co que debido á grande cantidade de naves industriais a ubicar e o presumible contido tóxico dos seus resíduos, ante un escape ou un mal funcionamento da Estación, os verquidos sen depurar irían parar ó citado río, que ademáis afectarían na súa desembocadura o LIC de Udra da Rede Natura, tanto na súa parte terrestre como na mariña.

Este Parque Industrial a pesar de estar proxectado ubicalo no Morrazo realmente está ideado para implantar empresas da área de Vigo e está baseado na especulación por canto a propietaria de boa parte dos terreos é unha promotora inmobiliaria, PROMALAR SL., estando ademáis os mesmos recurridos por un colectivo de veciñ@s que os demandan como mancomunados para a parroquia de Aldán.

Para Luita Verde este Proxecto Sectorial, a parte do enorme e irreversible impacto que conleva, é totalmente insostible, xa que o Morrazo non ten liña de tren e o lugar onde se quere ubicar está lonxe do porto de Vigo, tendo en conta que a sostibilidade futura das mercancías será a ferroviaria e a de cabotaxe marítimo. Asi mesmo está asociado a un modelo de transporte, o de mobilidade por estrada, que a parte de necesitar da impactante construción de vías de alta capacidade, promove meirande utilización do veículo privado e pesado e polo tanto maiores índices de contaminación acústica, atmosférica de efecto invernadeiro e hídrica, e non resolve a fluídez e seguridade do tráfico senón que o agrava.

Luita Verde responsabiliza ó IGVS e a Consellería de Vivenda e Solo de intentar impoñer o Proxecto Sectorial do PEIM sin ter en conta a participación social, e resalta que a súa tramitación está sendo de dubidosa legalidade, xa que o Proxecto Sectorial presentouse a información pública sin estar rematada a regulamentaria fase de exposición pública e alegacións do seu Informe de Sostibilidade Ambiental , dando a demostrar que a súa avaliación ambiental estratéxica, segundo a Lei 9/2006, vai ser “de puro trámite e amañada”.

Tamén responsabiliza ó BNG, PSOE e PP de Cangas por aprobar en pleno a súa inclusión na ordenación urbanística do municipio a pesar de que a súa magnitude e características son incompatibles coas normas urbanísticas vixentes.

Para Luita Verde este Proxecto Sectorial entra dentro da degradación sistemática que se está a someter a comarca do Morrazo nos últimos anos, dende a construción da vía rápida, que pasou despóis coa elaboración de impactantes e especulativos PXOMs e que no fondo só busca unha meirande dependencia de Vigo como área metropolitana, en detrimento dos valores naturais, culturais e sociais locais.

 

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.