Pages Navigation Menu

Crentes Galegos recollerá deica fin de ano adhesións individuais e colectivas pola laicidade

 

Esta fin de semana celebraron en Baltar a súa XXXI Romaxe, ‘Rexos como Carballos’, reivindicando o galeguismo cristián.

A Coordinadora de Crentes Galegos e Galegas vai presentar este martes oficialmente o Manifesto pola Laicidade, elaborado de forma participativa polos diferentes colectivos que agrupa a plataforma estatal Redes Cristiás.

O obxectivo é comezar unha campaña de recollida de adhesións individuais e colectivas que se estenderá deica o vindeiro 31 de decembro para posteriormente entregalas a representantes institucionais, entre estes ao presidente da Xunta e aos grupos parlamentarios; e, a nivel estatal, aos seus homólogos así como á Conferencia Episcopal Española.

O Manifesto pola laicidade denuncia os Acordos Igrexa-Estado de 1979; aposta pola separación e autonomía do político e do relixioso; avoga por un estatuto de laicidade que libere a sociedade civil dos símbolos relixiosos; critica o clericalismo e a falta de democracia da Igrexa; defende a laicidade escolar e censura o confesionalismo relixioso na escola; reproba o actual sistema de financiamento da Igrexa Católica e os seus privilexios; propugna unha presenza en igualdade de condicións da relixión nos medios de comunicación e acusa a xerarquía eclesiástica do uso contrario á liberdade relixiosa que está a facer a través da súa cadea de radio, COPE.

“Un pobo con raíces ben fondas”
Por outra banda, na carballeira de Baltar (A Pastoriza) e baixo o lema Rexos coma carballos, a Coordinadora celebrou “o privilexio de ser un pobo con raíces ben fondas das que non queremos nin podemos desprendernos: unha maneira de falar, unha maneira de bailar, unha maneira de rezar, unha maneira de tratar cos demais, coa Natureza e con Deus”, segundo apuntaba Xabier Blanco, da organización, o pasado mes de xullo no Canal Irimia de Vieiros.

Miles de persoas participaron na romaxe, que chegou xa a XXXI edición, organizada pola Asociación Irimia coa colaboración da asociación cultural A Chaínza. Houbo tres homenaxes cidadás: “Unha á traxectoria da xente que está apostando na nosa terra por facer posíbel a integración do pobo xitano; outra á xente da zona da Pastoriza que apostou por darlle futuro ao noso campo a través do cooperativismo e do asociacionismo (O Caxigo e A Chaínza), e por último aos colectivos empeñados en que Galiza non sexa vendida (Galiza Non Se Vende)”.
Vieiros

8 Comments

  1. “Coa Natureza e con Deus”.

    Agardo que este movemento de GNSV non vaia con Deus a ningures. A que ven esta nova?

  2. Crentes Galegos forma parte de Galiza non se vende. Acaso só os agnósticos poden defender este país? E despois dos agnósticos que outra restricción implantaremos?
    Mal camiño se escollemos o da exclusión.

  3. Non vos quería excluir, só quero discrepar coa frase “Coa Natureza e con Deus”, que non teño obrigación de asumir porque pertenzades ou non a Galiza Non Se Vende. É máis, só asumo a primeira parte da frase. A outra metade a rexeito totalmente, e tedes todo o dereito a ser ecoloxistas, nacionalistas, vendedores ambulantes ou o que vos praza, mesmo a defender este país como o faría un agnóstico. Defender a presenza do artificio de Deus na sociedade non ten nada que ver con que galiza non se vende.

  4. Equivócaste, Alá.
    Deus, chámemolo comoa o chamemos. Alá, coma ti, Jehová, Yahvé, Xesús, Gran Espíritu, etc., ese ser espiritual superior e xusto está íntimamente unido á Natureza e, por iso, ESTÁ MOI PRESENTE en tódalas culturas que respectan e aman a Natureza. Nela, os ecoloxistas e amntes da Natureza en xeral, sentimos nalgún momento da nosa vida ” a súa man”.
    Sabemos o fundamental que é, e entón valoramos na súa xusta dimensión a verdadeira sabiduría, aquela que xa posuían
    a cultura india e lembramos a razón que tiña e que todo o que predixeron estase a cumprir.
    Hai, aínda que non sexamos conscientes , as veces disto, unha filosofía e sentimento espiritual que non se ten que corresponder forzosamente cunha relixión determinadae que experimenta cada persoa que ama a natureza ou que a defende. Eu a denomino “relixión natural”. Porque canto nos “convertemos” , e dicir, a amamos e a defendemos entón arriscámonos a todo e loitamos contra quen faga falta e ata un día rezamos para que tanta loucura non acabe para sempre co ser humano e con tanta paz e beleza e para que outros deuses falsos como o o deus do DIÑEIRO non se apodere definitivamente deste mundo que sen a Natureza non tería sentido.
    Por iso, o mellor acompañante da Natureza é Deus ( e non ningún partido político, líder, opción ideolóxica etc.)quen endexamáis se vende nin vende a ninguén xamáis.

  5. Hai que leervos, estamos falando dun obxecto (Deus) que eu descoñezo ata estas datas. Non vou a entrar en discusións absurdas sobre existencia ou inexistencia. Queda claro que son ateo e que vós non, non me causa preocupación.

    Por outra banda, no meu desván teño un amigo imaxinario, chamémoslle “Pedriño o do faiado” que disque respecta a Natureza e a acompaña do mesmo xeito que un deus cristián. Quizabes sería lóxico facerme caso, darme credo (sen liturxia) e aceptar que Pedriño ten moito que dicir para salvar a Natureza e mesmo para participar nas protestas da rede GNSV, xa que segundo min acompaña mellor que ningún partido político, lider, opción ideolóxica, a pretensión ecoloxista da citada colectividade.

    Deixade de dicir parvadas ou me vou cagar en Deus no seguinte comentario e vaise ter que duchar para ir ás vindeiras manifestacións.

  6. O mesmo descurso sen lóxica nin razonamento dos relixiosos. Con relixión e deuses se pode xustificar calquera cousa e afirmar calquera cousa, sexa ou non certa, xa que se parte de hipóteses equivocadas (deuses…) e axiomáticas morais difusas (biblias…).

  7. Hai un valor fundamental, base de calquera relación social imprescindible na mesma para que ésta sexa sana, o respecto, tanto ás persoas como ás súas ideas ou crenzas.
    Dese valor sae todo o bo: igualdade,comprensión, humanidade, diálogo, solidariedade, cooperación, humildade….
    Supónse que isto hai que aprendelo e vivilo dende a máis tenra infancia.
    E hai un grave defecto , a intolerancia, que é a ” nai” de toda intransixencia,
    “mentes cadradas”, sometimento e abusos, sectas,racismo, ditaduras, fascismos de todo tipo, xenofias e ata de moitas guerras e xenocidios a través da Historia porque se pretende que os demais ou incluso pobos enteiros teñan que ter un pensamento único, totalitario e absoluto, que hai que pensar como eses “iluminados” que en distintas épocas históricas aparecen en distintos eidos; político, relixioso, ideolóxico, cultural, económico etc.
    O obxectivo é que o ser humano non sexa libre, non sexa él ou ela mesmo porque iso sería un perigo para os seus líderes ou para os de sempre.
    Gustaríame que algún ateo ou agnóstico que nos respecta as ideas ou crenzas dos demais (eu, ata agora sempre coñecín ateos e agnósticos que as respectaban) me demostrase que Deus ou ese Espíritu Superior non existe porque ata agora ninguén o conseguiu e hai algunhas semanas nun documental da TV os científicos máis salientábles de EEUU E RUSIA coincidían en que existía algo que se lles escapaba, que non podían agora certificar científicamente porque a intelixencia humana non chegaba a ese nivel mais que existían, sin dúbida, outras realidades e situacións misteriosas e que tal vez máis adiante teriamos un maior coñecemento delas.

  8. Pareceríame ben este asunto se non fora que non pinta nada neste sitio. Eis o respecto!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.