Dende a Rede Galiza Non Se Vende unímonos á proposta: “Monte Pindo Parque Natural”.
Galiza non se Vende, apoia os dez puntos que fundamentan esta petición:
Estamos firmemente convencidos de que o Monte Pindo merece e debe ser proclamado Parque Natural. Os fundamentos principais que avalan a nosa convicción son os seguintes:
- O Monte Pindo é un dos montes máis míticos e coñecidos da Costa da Morte e tamén de Galicia, polas súas raras calidades xeolóxicas, pola presenza de abondosas especies naturais protexidas e únicas, polos mitos e a historia que o rodean, e por ser un dos principais recursos de futuro non só do seu entorno inmediato senón de toda a zona.
- No Monte Pindo conxúgase unha privilexiada posición xeográfica, un cumio de 627 metros situado xusto a rentes do mar e encadrado pola praia de Carnota (a máis longa de Galicia) ao sur e pola Fervenza do Ézaro (a única de Europa que cae sobre o mar, desgrazadamente anulada por un encoro) ao norte.
- Na actualidade o Monte Pindo e o seu entorno natural está abandonado e abocado ao progresivo deterioro. As ameazas (incendios, vandalismo, campismo agresivo, incursións en vehículos motorizados…) medran cada día, polo que se fai apremiante actuar sen perder máis tempo.
- A declaración do Parque Natural artellaría mecanismos para, desde o consenso social de todos os sectores, estudar os seus problemas e atopar solucións.
- A declaración do Parque Natural xeraría por si mesmo un número de postos de traballo.
- A declaración do Parque Natural suporía a dotación dunha partida presupostaria específica, o que non se da con outras figuras de protección.
- A declaración do Parque Natural incrementaría a prioridade presupostaria de toda a área de influencia do futuro parque, incluso a nivel de investimentos non estrictamente ligados ao medio ambiente.
- A declaración do Parque Natural abriría múltiples posibilidades de revitalizar a produción non industrial (mar, agro, madeira, artesanía, etc…) de toda a zona, podendo incluso crearse un “selo de calidade” que suporía un valor engadido para os produtos de toda a área de influencia.
- A do Parque Natural é unha “marca” moi prestixiosa e xera por si mesmo unha afluencia de “turismo verde”, o que conlevará un forte impacto de visitantes “de calidade” que sen dúbida incidirá no sectores turístico, hostaleiro e comercial de toda a zona
- Todo o anterior, unido á proximidade do Cabo Fisterra, de Monte Louro… pode impulsar dun xeito definitivo o bo nome da Costa da Morte como referencia dun turismo de calidade nacional ou mesmo internacional.
Por todo isto, entendemos que o Monte Pindo reúne todas as calidades necesarias para ser nomeado o 1º parque natural da Costa da Morte e o 7º de Galicia, e asi no-lo confirmaron todas as voces autorizadas que se levan pronunciado ao respecto.
Comentarios recentes